O exemplo de Coral Prieto permanece na solidariedade con Cuba e Venezuela

V.C – Terra Sen Amos

De Coral Prieto Estévez , que ven de falecer  en Vigo, quédanos o seu exemplo de xestión solidaria eficiente e xenerosa en relación con países coma Cuba e Venezuela que loitan pola súa construción nacional en liberdade. A emerxencia por resolver problemas concretos en fronteiras bloqueadas ou a denuncia de informacións falseadas, convertíanse en razón vital para Coral indignada pola ofensa executada sobre outros ou, como díría Martí, “a causa da ofensa sufrida por inocentes acendía roibén ás súas meixelas”.

Fernando González Llort,  entregara en setembro de 2014 a Coral Prieto unha mensaxe de agradecimento para a Francisco Villamil, desprazada a Madrid para un encontro de homenaxe aos Cinco.

Antes de poder Cuba regularizar na Galiza a súa representación consular, Coral Prieto e Afonso Lubián abriran unha oficina na Alameda de Vigo para atenderen as xestións administrativas básicas, do magno proxecto da Flota Cubana (1968-1972) O labor realizado por Coral merecera tempo despois unha mención expresa de Roberto Robaina, responsábel do Minrex  .

Ingrid Izquierdo Sterling,  Cónsul Xeral de Cuba en Compostela, recordou o labor de Coral a prol do pobo de Cuba e do progreso da solidariedade de Galiza coa Revolución Cubana. “Gardamos con moito agarimo tantos recordos dela e sabemos do traballo arreo que desenvolvera na Francisco Villamil. Ao falar da solidariedade galega con Cuba, teremos de mencionar sempre a Coral”.

Rigoberto Zarza, director para Europa do Instituto Cubano de Amistad con los Pueblos (ICAP) doeuse pola perda “dunha amiga incondicional que probou decote seu amor por Cuba e polo proxecto social que estamos a construir, non só no labor solidario, senón no envío de doazóns materiais a illa. como parte do traballo inveterado da Asociación Francisco Villamil para combater o criminal bloqueo imperialista dos EUA que por máis de seis décadas procura destruir a Revolución Cubana”.

Martín Pacheco Morillo, Cónsul Xeral da República  Bolivariana de Venezuela, expresou seu pesar pola desaparición “de tan notábel e comprometida loitadora pola igualdade, liberdade e soberanía dos pobos”.

Os ex-cónsules de Cuba en Galiza Juan Humberto Macías Pino e Luz Alina Santa Suárez  recordan a compañeira falecida coma alguén da familia: “Sempre en primeira fila ao carón do noso pobo, colaborando cos nosos compañeiros e compañeiras no que fixer falta. Cubana de corazón sempre dando o mellor de si co seu carácter amistoso, divertido, pendente dos demais. Na distancia, nunca deixou de transmitir  o seu apoio á Revolución. A súa luz non se apagará.

“Lembraremos Coral Prieto como unha fiel galega amiga da nosa Revolución – din os ex-cónsules en Compostela María Sánchez Rodríguez e Rubén Franco González. “Nunca esqueceremos a súa fidelidade á nosa Revolución, a súa defensa dos nosos principios. Non a esqueceremos xamais. Terémola presente nos nosos corazóns, como irmá, como amiga e como revolucionaria. Até A Vitoria, sempre!“.

Miriam Arestuche, que tamén fora representante consular de Cuba para Galiza e Asturies, conserva a imaxe de Coral coma a da “unha compañeira, unha amiga, unha irmá. Todos e todas esperabamos este desenlace,mais a amiga non marchou: quíxoselle moito, quéreselle moito e quereráselle por sempre! “

“A morte de Coral golpeounos e aínda nos golpea –di a tamén ex-consul Caridad Montaner-  A súa amizade era connosco e cos nosos principios, como representantes que eramos do Goberno Cubano. Xa enferma, foi visitarnos en febreiro deste 2023 e vímola vivamente interesada na actualidade cubana. A súa lembranza fica no noso corazón”.

O ex-Cónsul Angel Torres ten a certeza de todas as homenaxes adicadas a Coral Prieto seren merecidas e nesa opinión acrecenta o seu compañeiro José Antonio Solana cando asegura que a amiga que perden “foi extraordinaria como ser humano”.

Graciela Arbajal Blanco, traballadora da Frota Cubana de Pesca, pondera “a lealdade incondicional e absoluta de Coral con Cuba e cos seus amigos e amigas e non podemos esquecer con canto amor e entrega desenvolveu o traballo no Consulado de Cuba, cando este se encontraba en Vigo, e na representación de Cubana de Aviación en Compostela“.

Erea del Rio Iglesias, presidenta da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil recorda a Coral coma “unha persoa carismática, serena, forte, racional, con capacidade de análise, transparente; estivo ao noso carón transmitíndonos a súa experiencia e saber e o seu exemplo de vida, tanto a galegas e galegos como a cubanos e cubanas. Coral gañaba axiña o corazón das persoas a través das súas accións, da súa experiencia e dos seus atinados consellos, tanto para as cuestións persoais como para as políticas”.

A presidenta da Villamil recorda a súa colaboración co Consulado de Cuba en Compostela e co de Venezuela en Vigo. “Por mor do seu claro compromiso político a prol da Revolución cubana e da venezolana recibiu acedas críticas e mesmo mesquiñas ofensas que encaixaba coa mesma enteireza con que enfrontou a doenza que a fixo marchar tan prematuramente”.

“Acompañárame en moitos intres importantes da miña vida como foi na presentación da edición cubana dun libro meu na sala Villena da Unión de Escritores e Artistas de Cuba, acompañada por Marcia, unha das súas mellores amigas. De feito, eu ingresara na Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil polo seu exemplo solidario. Viaxei con ela a Cuba e a diferentes cidades do Estado español para asistir a encontros da solidariedade galega con Cuba e Venezuela, e aprendín moitísimo do seu exemplo pragmático. Concordo con Justo Cano e a súa filla Chiruca:  Coral, ti es insustituíbel!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *