Unha comisión do Parlamento Europeo recibe en Cuba información de primeira man sobre a resistencia efectiva ao bloqueo

E. del Río – Habana

Unha comisión do Parlamento Europeo (PE) coñeceu en Cuba información directa do pobo e das institucións sobre os efectos do Bloqueo e a profusión de iniciativas postas en prática pola Revolución para resistiren o cerco propagandístico, comercial e financeiro. A viaxe formaba parte da axenda internacionalista do Grupo de Esquerda.  Deputadas e deputados foron recibidos pola Mesa do Parlamento Cuba e a Dirección de Relacións Internacionais. Galiza contou coa honrosa representación de Ana Miranda, histórica militante do BNG e reivindicativa europarlamentaria galega, amiga incondicional da Maior das Antillas e da Revolución Cubana.

Ana Miranda conversa coa equipa da Oficina do Historiariador da Habana dentro do programa da axenda de esquerda do Parlamento Europeo en relación co ilegal bloqueo.

O programa incluíu encontros co Departamento de Relacións Internacionais do Comité Central do Partido Comunista de Cuba, coa Dirección Nacional dos CDR, con representantes da Sociedade Civil Cubana e con membros da Unión Nacional de Escritores e Artistas de Cuba. Visitaron asemade o Cenesex (Centro Nacional de Educación Sexual de Cuba) o Capitolio, o Instituto Finlay de Vacinas, a Asociación Cubana de Nacións Unidas, o Proxecto Quisicuaba e diferentes barrios da cidade da Habana, para establerceren contacto de primeira man coa poboación.

Da mesa da Asemblea Nacional Cubana e das Comisións Permanentes de Atención aos Servizos, de Educación, Cultura, Ciencia,Tecnoloxía e Medio Ambiente así como de Atención aos Órganos Locais  tiveron información sobre a diaria dialéctica entre medios e obxectivos do proceso constitucional en marcha..

Deste cumprido intercambio, Ana Miranda tirou conclusións positivas sobre as iniciativas de defensa de Cuba contra o ilegal bloqueo imperialista que afecta gravemente a poboación; as consecuencias da inclusión de Cuba na arbitraria lista de países patrocinadores do terrorismo que a Casa Branca inventa con desprezo da Lei Internacional  formaron parte da conversa. A lista no ten máis intención que impedir as relacións internacionais dos paises que loitan por estableceren e seguiren normas de seu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *