Valentin Alvite – Ferrol
O Congreso Cuba-Ferrol-Galiza celebrado nos días 13, 14 e 15 de novembro no Ateneo Ferrolán, mostrou as relacións e interferencias de dúas culturas situadas en distantes extremos do Atlántico. No acto de inauguración, o alcalde da cidade, Jorge Suárez, dirixiulle un saúdo ao público asistente e a seguir, o Cónsul Xeral de Cuba en Galicia, José Antonio Solana, neto de galegos, fixo unha breve exposición sobre a presenza dos nosos compatriotas no seu país. A conferéncia inaugural foi de Xosé Neira Vilas, investigador da historia, a cultura e a sociedade galego-cubana. O escritor situou grosso modo o período de emigración a Cuba entre 1870 e 1930. Mostrando un coñecemento exhaustivo, expuxo algunhas notas biográficas sobre unha extensa listaxe de galegos e galegas que tiveron unha relevante participación na vida económica, cultural e política da Illa. Comezou citando algúns dos galegos que, a partir de 1868, data da primeira insurrección anticolonial, participaron do lado cubano na loita pola independencia da Illa, entre os que destacou Francisco Villamil. A súa navegación histórica finalizou coa alusión a Sindo Seixido, mecánico inventor, en 1964, da primeira máquina recolectora de cana de azucre, denominada “Libertadora”. Ao acto, asistiu un numeroso público e concluíu cun animado coloquio.
O Congreso serviu de encontro de investigacións e experiencias das relacións históricas entre Galicia e Cuba, especialmente en Ferrol e comarca, con atención a economía, a educación, a cultura ou a organización política, a traveso dos cadros do movimento agrarista, formados en Cuba, que foron protagonistas imprescindibeis das Irmandades e da constitución do Partido Galeguista. De Cuba a emigración envíou os símbolos (a Academia, o himno, a bandeira, o compromiso pedagóxico) que servirán para artellar a organización política. O aresán Domingo Troche e o ferrolán Fontenla Leal son organizadores imprescindíbeis neste proceso nacionalista.