Redacción de TSA
O Centro Unión Ourensá da Habana, fundado por emigrantes en 1909, recebeu o trixésimo primeiro premio “Celanova, Casa dos Poetas”, fallado dia 20 en Celanova na asemblea anual do Padroado da Fundación Curros Enríquez. O Padroado valorou o patriotismo do centro, expresado no seu compromiso coa língua e a cultura de Galiza, e en particular na súa fidelidade á figura de Manuel Curros Enríquez. O premio distingue tamén a vontade dos traballadores emigrantes a prol dunha Galiza gobernada de seu e a súa contribución a identidade galega representada en institucións básicas para o país enviadas dende Cuba, coma cadros políticos e fondos para as sociedades agrarias, o finanzamento da prensa agrarista, republicana e nacionalista, o primeiro plano escolar, a bandeira, o himno a Academia da Língua e a fundación de 75 publicacións periodicas galegas en toda a illa. Na vela incesante do Centro pola identidade e a cultura do País, o Padroado cita a recente posta en marcha dun obradoiro de cultura galega que leva o nome de Manuel Curros Enríquez.
Antonio Piñeiro, secretario da fundación celanovesa, lembrou con agradecemento o proxecto iniciado en 1927 polo Centro Unión Ourensá da “Casa dos Poetas”, coa adquisición por 16.000 pesetas de dúas terceiras partes da casa familiar de Curros. A entrega do premio será 6 de setembro por ser a data máis próxima ao aniversario da morte (36 anos) doutro dos grandes poetas celanoveses, Celso Emilio Ferreiro, a quen tamén se lle renderá homenaxe. Na xuntanza aprobáronse as bases definitivas para a inminente creación dun premio de xornalismo para mozos que se presentará durante o mes de agosto, así como a posta en marcha de diversas iniciativas destinadas a comemorar o centenario do nacemento o 21 de abril 2016, de Pepe Velo Mosquera, mestre, poeta e patriota que en 1961 interviu o buque Santa María para denunciar as ditaduras de Franco e Salazar.