Terra Sen Amos – Redacción
O Parlamento de Galiza volveu condenar o Bloqueo norteamericano contra Cuba. A votación produciuse no pleno de mércores 13, nesta ocasión por unanimidade, ao sumarse a maioría do PP na cámara a un texto de recusación da inxerencia na liña do que fora aprobado pola maioría de esquerdas 23 de setembro de 2008. O novo pronunciamento celebra o restablecemento de embaixadas entre Cuba e EUA, recorda o clamor da Asemblea da ONU a prol de respectar o dereito internacional na illa e cualifica de “inhumano embargo” o cerco político, social e económico criticado polo mesmo presidente Obama. A asociación Haydee Santamaria promoveu a declaración lida polo presidente do Parlamento.
“O Parlamento de Galicia -di o texto da presidencia- celebra a reanudación de relacións diplomáticas entre os Estados Unidos de América e a República de Cuba. A última resolución deste ano, a 69/5 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, titulada “Necesidade de por fin ao bloqueo económico, comercial e financeiro imposto polos Estados Unidos de América contra Cuba” concluíu con 191 países a favor da resolución, e dous en contra: Estados Unidos e Israel, sen ningunha abstención. Esta é unha expresión contundente de que todos os gobernos e pobos do mundo lle solicitan que se levante o inhumano embargo a este país. Os últimos acontecementos políticos, coa visita do presidente de EEUU de América a Cuba deixan espazo para a esperanza no camiño de conseguir un mundo libre de guerras, no que a paz, a fraternidade, a solidariedade e a liberdade rexa a relación entre os pobos.”
O cónsul xeral de Cuba en Galicia, José Antonio Solana, seguiu a sesión plenaria como invitado e sinalou a importáncia da declaración depois de recordar á prensa os «vínculos históricos, culturales y de sangre» da relación entre Cuba e Galiza. Na tribuna de invitados, estaba acompañado polo presidente da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” e directivos da “Haydee Santamaría”.
A resolución do Parlamento prodúcese mentres o presidente Núñez Feijóo prepara unha nova viaxe a Cuba para presidir o Consello de Comunidades Galegas. A visita terá lugar en situación de frío antártico entre Madrid e Habana, depois de termar o governo de Mariano Rajoy nunha política de inxeréncia e saudade imperialista criticada polo propio presidente dos Estados Unidos.