Haberá algo máis esperpéntico que seguir un debate sobre delitos de guerra e dereito internacional entre funcionarios estadounidenses? Harris Faulkner, presentadora de Fox News, dílle a Condoleezza Rice, en directo, que invadir unha nación soberana é un crime de guerra. A que fora xefa da diplomacia estadounidense e unha das arquitectas da invasión a Iraq e Afganistán, a mais de asentir coa cabeza, acrecenta: Claro, vai en contra de todos os principios do dereito internacional!
O anxo exterminador da política internacional de Washington dá leccións de moral a Cuba dende o centro de tortura de Guantánamo ocupada.
Dinque debemos a Condoleezza o concepto de guerra preventiva que, de feito, tomou prestado do argumentario da defensa do Estado Maior do Terceiro Reich perante o Tribunal Militar Internacional de Nüremberg, en 1945. A de Rice foi una das voces imperialistas que xuraron que había armas de destrución masiva en Iraq e que Sadam Husein dispuña mesmo de laboratorios móbeis, que adequirira uranio no Níger e que tiña no forno unha guerra mundial. Todo mentira.
Hai que ler as reaccións a este diálogo entre Faulkner (nada a ver co escritor) e Rice. O sentimento predominante é de noxo ou de engullo. Condoleezza é mentireira antes que cínica, pois a mentira necesita de alguén a quen estafar e por iso cría mesmo lazos sociais; o cinismo non precisa do outro e tanto lle ten se a xente ten memoria ou non a ten.
A ex xefa da Diplomacia dos EUA parte de que o mundo é imbécil e ignora o deterioro do dereito internacional, non tanto por violación das normas, senón por esquecemento delas. Que dereito internacional ampara a quen bloquea durante 60 anos un país soberano e pacífico? Que base xurídica aduce EUA para usurpar Guantánamo e instalar nese territorio un centro de tortura? Onde está a norma legal que sustenta a premisa do cerco a Cuba, que é provocar fame e desesperación, como aseguraba nun cínico memorando o subsecretario de Estado Lester Mallory en 1960, e nunca foi máis actual que agora?
Por non falar da vinganza, compañeira do cinismo. Juan González, asesor especial de Joseph Biden para América Latina, dixo venres pasado que as sancións internacionais impostas contra Rusia foran pensadas para castigar Cuba, Venezuela e Nicaragua. Malia que ningún dos tres países citados ten nada que ver coas decisións do Kremlin. O que non di González é que as sancións contra Rusia golpean Europa e os Estados Unidos, por moito que non foran pensadas para iso.
O Ministerio da Vinganza decide que Cuba e todo o que se mova en liña oposta ás decisións de Washington, non é dano colateral senón obxectivo. Tanto ten que o escenario de confrontación estea a millentos quilómetros de distancia: a contra da Florida xa tiña gravadas as ameazas de Juan González e pediu decontado á Casa Branca non demorar o escarmento de Cuba, porque nunha guerra non se responde con diálogo, senón con bombas (sic). Algo semellante ao que acontecera en 2003: unha manifestación multitudinaria en Miami de apoio águerra contra o terrorismo dos EUA na que aparecían cartaces expresivos: Iraq agora, Cuba despois.
O que acontece entre Rusia e Ucrania aviva o bucle revanchista que vai de Washington á Florida e viceversa. Os demócratas da Casa Branca e os trumpistas do Estado do Sur viven un proceso de distanciamento e agresión mútua, con Cuba como moeda de cambio. Os republicanos de Miami non van votar polos demócratas, fagan o que fagan estes últimos, pero ambosdous aprovéitanse do macartismo e, a estas alturas, hermanados polo ambiente rusófobo e a nova Guerra Fría, viven un proceso de mutua reparación, como dous corpos que precisan intercambiar seus glóbulos para poderen seguir vivindo. Todo en nome do dereito internacional e con Condoleezza de fada madriña.
Malia termos pasado por isto ben de veces, o cinismo de Occidente atinxe cotas salvaxes. En vivo e en directo, con tramas e sub-tramas dunha nova guerra que ninguén sabe onde conducirá, a pregunta é pertinente: como defendernos da xenreira asasina, dese inzo de vinganza global que martiriza sempre aos mesmos?
Artigo publicado no diario La Jornada de Mexico e traducido ao Galego para TSA por Nadia Maceira.
O ministerio de Estado de Cuba produciu onte unha terminante condena do goberno de Washington ao que responsabiliza da grave tensión inducida sobre as fronteiras da Federación Rusa mediante a crecente presencia de tropa e armamento da OTAN. Cuba recorda a violación sistemática da Lei Internacional de parte dos EUA e, en particular, o bombardeo ilegal de Serbia en 1991 e o despoxo da Federación Iugoslava. Reproducimos a versión abreviada desta declaración publicada por Granma no serán de Sábado.
Os nazis que chantan bombas no Dombass usan armas e información táctica da OTAN.
“Empeñado en continuar a progresiva expansión da OTAN sobre ás fronteiras da Federación de Rusia, o goberno dos EUA condúcenos a unha situación de consecuencias non previstas que puido ser evitada.
Son coñecidos os movementos militares realizados polos Estados Unidos e a OTAN en meses recentes en rexións na beira da Federación Rusa, precedidos da entrega de armamento moderno a Ucraína, o que conforma un cerco militar progresivo.
Non é posíbel examinar con rigor e honestidade a situación actual de Ucraína, sen prestar atención aos xustos reclamos da Federación Rusa aos Estados Unidos e a OTAN nin aos factores que conduciron ao uso da forza e a ignorar principios legais e normas internacionais que Cuba subscribe e apoia con todo vigor por seren referencia imprescindíbel, particularmente para os países pequenos que loitan contra a imposición, os abusos de poder e as inxustizas.
Cuba é un país defensor do Dereito Internacional, comprometido coa Carta das Nacións Unidas, que sempre defenderá a paz e opoñerase ao uso ou ameaza da forza contra calquera Estado.
Lamentamos profundamente as perdas de vidas de civís inocentes na Ucraína. O pobo cubano ten e terá unha relación entrañábel co pobo ucraíno.
A historia esixirá responsabilidades ao goberno dos Estados Unidos polas consecuencias dunha doutrina militar de acoso lonxe das fronteiras da OTAN, que ameaza a paz, a seguridade e a estabilidade internacionais.
As nosas preocupacións aumentan coa decisión recentemente adoptada pola OTAN, de activar, por primeira vez, a Forza de Resposta desa alianza militar.
Foi un erro ignorar durante décadas os fundados reclamos de garantías de seguridade de parte da Federación Rusa e dar por seguro que permanecería impasíbel ante unha ameaza directa á súa seguridade nacional. Rusia ten dereito a defenderse. O cerco e o asexo non son o medio de conseguir a paz.
O proxecto de resolución sobre a situación en Ucraína non aprobado no Consello de Seguridade o 25 de febreiro, que será presentado á Asemblea Xeral, non foi concibido como unha contribución real á procura de solucións á actual crise.
Pola contra, trátase dun texto tendencioso, que non presta atención as lexítimas preocupacións de todas as partes involucradas nin recoñece a responsabilidade dos que promoveron ou realizaron accións agresivas que precipitaron a escalada deste conflito.
Cuba é partidaria dunha solución diplomática seria, construtiva e realista da actual crise en Europa, por medios pacíficos, que garanta a seguridade e soberanía de todos, así como a paz, a estabilidade e a seguridade rexional e internacional.
Non son aceptábeis a hipocrisía e a medida dobre. É de lembrar que Estados Unidos e a OTAN lanzaran en 1999 un ataque de gran envergadura contra Iugoslavia, país europeo que esnaquizaron, cun alto costo en vidas, en función dos seus obxectivos xeopolíticos, con desprezo da Carta da ONU.
Os Estados Unidos e aliados utilizaron a forza en múltiples ocasións. Invadiron estados soberanos para provocaren cambios de réxime, e interveñen nos asuntos internos doutras nacións que defenden a súa integridade territorial e independencia e resisten fronte os propósitos de dominación.
Son tamén responsábeis da morte de centos de miles de civís, que consideran danos marxinais inevitábeis; de millóns de desprazados e de destrución sen medida en toda a xeografía do noso planeta como resultado das súas guerras de saqueo.
É común en Cuba a opinión (certa por demais) de os EUA ter aumentado o cerco contra a illa nos últimos anos, segundo os feitos acreditan. Con todo, unha pregunta axudaría a considerar acontecementos recentes: trátase dunha ofensiva ou deberíamos entendela mais ben coma unha contraofensiva? A resposta máis repetida é que ambas dúas maneiras de interpretalo non adiantan nin rebaixan o dano que o governo de Washington está a producir en Cuba. Con todo, pode ser de utilidade sabermos cal dos dous enfoques é máis acaído politicamente, para considerarmos implicacións futuras.
Galeria de presidentes da nación máis armada do planeta que fracasaron no seu propósito de apoderarse de Cuba por medio do bloqueo.
Tense falado do diferente nivel de intensidade da agresión contra Cuba durante o mandado de Trump, quen de feito reservou as medidas máis asañadas para os derradeiros doce meses de presidencia. Notamos que a mediocre equipa de goberno do empresario-mandatario, non produciu de feito unha estratexia política contra Cuba e preferiu, máis ben, ceder as intervencións principais desa fronte a unha fracción de políticos descomedidos, cubano-americanos os máis deles.
O principal fin destas intervencións, foi borrar dos libros de historia toda memoria das iniciativas do goberno do primeiro presidente negro dos EUA a respecto de Cuba. Este conxunto de decisións políticas non se apartaba do consenso tradicional de Washington contra Cuba. Dentro deste marco xeral de continuidade, o agravamento das medidas de bloqueo non se deu tanto entre 2017 e 2018, senón a partir de la segunda metade de 2019.
A directiva presidencial sobre Cuba, asinada por Trump en xuño do 2017, estaba dirixida a anular o decreto asinado por Obama na súa despedida; porén non modificou as tendencias en vigor nin aludiu aos 22 memorandos de entendemento, asinados no tempo das negociacións bilaterais.
A prol desta interpretación, están as facilidades para os tránsitos por aire e mar entre os dous países, acordadas en 2017, 2018 e 2019 con cifras de viaxeiros importantes, na súa maioría de estadounidenses e o resto de cubano-americanos. Asemade, a maior cantidades de viaxes de cubanos residentes na illa cara o exterior, deuse tamén no mesmo período con totais históricos de 889.542, 1.111.374 y 1.307.523 para cadanseu dos anos citados Arredor do 80 % en cada caso foran viaxes aos EUA, con máis do 70% de permanencias inferiores aos 24 meses; quer dicer, de non emigrantes.
DÚAS REALIDADES
Estas cifras revelan cando menos dúas realidades:
1.- O resultado do cambio relativo da política dos EUA respecto a Cuba, nos anos precedentes, foi un tránsito de viaxeiros que aconteceu máis adiante mália a violenta campaña de propaganda negativa, xa en marcha, e do lanzamento da farsa dos ataques sónicos. O 90% dos visitantes estadounidenses que regresaban de Cuba, constataban unha diferenza entre a realidade e a propaganda contraria, recibida na escola ou nos media. Dominaba a visión favorábel a un país acolledor que non pretendía acabar coa democracia americana.
2.- O visitantes cubano-americanos obxectaban o discurso da contrarrevolución no seu emporio natural da Florida. Entre eles había vellos combatentes anti-castristas sen delitos de sangue, fillos pródigos que recoñeceron ou non, publicamente o non, teren estado no lado errado da historia, malia obteren paz persoal do reencontro. A maioría dos viaxeiros celebraban a liberdade de viaxar, xulgaren sen intermediarios e poderen regresar. Non faltan as queixas polas limitacións materiais.
Outros feitos non menores acontecidos naqueles anos, non tiveron importancia comparábel a estas cifras de viaxeiros e a súa pegada nas dúas beiras da Canal da Bahama, que conmoveron as bases da industria do odio e da subvención federal e privada que o mantén en funcionamento dende hai 60 anos. Como se pode vender odio na circunstancia de estar a producirse un contacto entre pobos a un nivel impensábel no pasado?, Como vender unha imaxe de falta de dereitos e liberdades, mentres os visitantes estadounidenses celebraban unha liberdade nocturna insólita en Cuba, comparada coa dos seus lugares de residencia?.
Non está demais lembrar que o acontecido sucede nun intre no que organizacións non gobernamentais (ONG) e intereses privados programaron máis intervencións e actuacións de artistas e intelectuais cubanos que nunca nas catro esquinas dos EUA. Non só na Florida senón por Nova Orleans, Los Ángeles, Chicago, Nova York e Washington DC. Na altura, máis de 30 cidades grandes e pequenas dos EUA asinaron colaboración con Cuba, 11 delas en programas de saúde. O primeiro destes acordos foi o de Chicago (Illinois) en 2017 coa presenza de expertos cubanos. Con Trump na presidencia, nese mesmo ano, comezou un programa entre o Centro de Inmunoloxía Molecular de Cuba e o Roswell Park Cancer Center. Anos de alto intercambio académico e universitario nos que os especialistas estadounidenses foran maioría dos participantes extranxeiros en eventos e congresos en Cuba. O grupo dos EUA foi o máis numeroso na conmemoración dos 500 anos (noviembre, 2019) da Habana. Na ocasión, asinouse o acordo de cooperación entre a cidade de Nova Orleans e a capital cubana,
A ORIXE DAS 243 MEDIDAS CONTRA CUBA
Mediado 2019, o Sur da Florida ergueu a voz de estamos sendo atacados!. Na véspera de novas eleccións, o grupo de presión cubano-americano avisou que de non lograr un cambio, asistirían ao sepelio do negocio que tantas portas lles abrira e ao comezo dun tempo que lles obrigaría a buscar a vida coma os demais. O resto do relato é ben sabido: os cambios na Oficina do Asesor de Seguridade Nacional, e na Oficina do Director para América Latina ,do mesmo órgano, e o trato dun senador da Florida cun presidente sen partido político: entrégame a política con Cuba e eu serei teu padriño no Comité de Inteligencia que presido. Eis a orixe das maioría das 243 medidas contra Cuba chegadas a fume de carozo, sen respectar as preceptivas consultas entre axencias nin revisar en que medida eses acordos podían danar o interese nacional dos EUA.
Tres emerxencias encabezaron a lista da política cara a Cuba: Cortar as viaxes, cortar as viaxes e, adicionalmente, cortar as viaxes. Aplicouse dun dia para outro, con pasaxeiros a bordo de barcos e viaxeiros de avión sobrevoando a illa.
Chegaron fondos de emerxencia tanto do orzamento federal como dos fondos reservados para rearmar a maquinaria da desinformación sobre Cuba: borrar a realidade e cambiar o contido de cada feito para mudar a memoria de viaxeiros e anfitrións, emisores e receptores. Una maquinaria para mudar o Sol solleiro pola galerna e a convivencia relativa pola guerra.
Unha galerna para cambiar a conciencia da xente do común. A onda da mentira tería que petar na porta de académicos e xornalistas que construían opinión positiva sobre Cuba; deixar sen crédito empresarios que atoparan oportunidades na illa e montar un buscador ideolóxico no aeroporto de Miami para artistas cubanos de arribada, cun gran cartáz que rezaba: ou repites meu credo político, ou aquí nin tocas, nin cantas, nin cobras.
Accións que por primeira vez acadaron dimensión masiva e percutinte nas redes sociais cun alcance que buscaba afectar ao público cubano, mais nomeadamente aos millóns de estadounidenses que coñeceran Cuba sen intermediarios. Una contrarrevolución, de resesa tradición racista e homofóbica, comezou buscar espazo entre afro-descendentes e nas comunidades LGTBQ. Algúns crédulos, compraron o matute.
E nestas apareceu ese actor milhomes que fixo tremer a humanidade enteira: o SARS-CoV-2. Na altura de febreiro marzo do 2020 había confusión, mais logo abriu camiño o pensamento do primeiro mundo económico, que de feito é o terceiro intelectual. Chegaron decontado á conclusión de que Cuba no resistiría, cunha mortalidade masiva e o fracaso do sistema médico, o que sumado a outras desgrazas provocadas dende o exterior, produciría por fin o tan buscado estallido social.
Tal foi a versión entregada a Biden no 2021 polos analistas do estado profundo, que desta xuraron estar máis próximos da realidade que cando convenceran a Kennedy de asinar o decreto do bloqueo no 62 ou a Clinton de aceptar o invento da Lei Torricelli no 92.
No 2022, semella que o asunto vai de 30 en 30 anos. Da última pancada, Cuba reponse dunha forma inesperada: ultima cinco vacinas propias contra a COVID19 e protexe a case o completo da súa poboación; exporta seu saber e experiencia quen quer compartilo; presenta unha das cifras máis baixas de mortos por millón; é adiantada na inmunización de menores; acerta na regulación de apertura de las fronteiras e ten un éxito sobranceiro contra a chamada cuarta onda con medidas de control a xeito.
Ben sabemos que as invasións de realidade virtual continuarán. Que regresarán argumentos falsos coma o dos ataques sónicos, as tropas en Venezuela, e , nestes días, os xuicios a menores. Cuba e a súa xente están ben comunicados cunha comunidade internacional da que unha parte dos EUA non quer saber nada. Non é ao revés.
Tradución ao Galego de Alba Areeiro para Terra Sen Amos
Comunicado do Movimento Estatal de Solidariedade con Cuba
Nesta quinta feria 3 de febreiro pasaron 60 anos da imposición, por parte dos Estados Unidos, do bloqueo criminal contra Cuba, un dos máis criminais aldraxes dosDereitos Humanos de que se ten memoria; execútase a diario, asañadamentese e con contumacia contra o pobo cubano, polo feito ter resolto cubanas e cubanos exerceren seu dereito a elixir un rumo político, social e económico de seu, sen depender de poderes transnacionais nin de grandes potencias; esta decisión fai da Revolución Cubana un exemplo para todos os pobos do mundo que aspiran a se safaren da explotación de uns seres humanos por man doutros. A maior potencia imperialista da historia, coida que esta resolución de Cuba e intolerábel e por iso cerca e tortura ao conxunto do pobo da illa e por iso anualmente a Asemblea Xeral da ONU condena por aclamación este crime.
O bloqueo é unha agresión imperialista criminal que, só en termos monetarios, xa superou un billón de dólares; en termos humanitarios provoca carencias graves en áreas tan sensíbeis como a educación e a sanidade, porén o cerco infame teña fracasado de plano no seu propósito de derrocar á Revolución Cubana, algo que seus promotores non van conseguir nunca.
Mália Cuba e os EUA teren reanudado relacións diplomáticas, o acoso do bloqueo non abrandou ren. Pola contra, remontóu criminalmente durante a administración Trump con máis de 242 medidas alzadas en todos os capítulos económicos, sen o goberno de Joe Biden ter feito nin sequer aceno de eliminar algunha delas.
As organizacións integradas no MESC (Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba) denunciamos e condenamos a continuidade do bloqueo como un intento de xenocidio contra o pobo de Cuba e esiximos seu cese de vez. Expresamos tamén a nosa máis absoluta solidariedade coa Revolución Cubana e a súa loita polo socialismo como superación das cadeas do capital.
O sol abriu unha fenda en xaneiro 29 beira do Sar, sobre o Parque Eugenio Granell de Compostela para alumear os compases da Bayamesa, o himno nacional de Cuba que anunciaba a celebración do 169 aniversario do nacemento de José Martí, dacordo coa convocatoria da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil. Facendo a presentación do acto, o sindicalista Paco Sebio recordou que toda a traxectoria da Revolución Cubana, as súas loitas e grandes logros, son a letra do pensamento martiano. “E teríamos –dixo- unha comprensión incompleta da grandeza da Revolución de non atendermos a dimensión ética, humana, política, internacionalista e anti-imperialista de José Martí”. Reparou que non existe “contradición ningunhaentre José Martí, que non era marxista, e a obra da Revolución Cubana, que si o é; o que debemos a Fidel Castro é, precisamente, unha interpretación criativa, dialéctica, do pensamento de José Martí até convertilo nun dos fundamentos do programa da Revolución”.
Música, versos e solidariedade para agasallo de Martí, noParque Eugenio Granell de Compostela.
Humanidade destellante de Martí que agranda a súa dimensión política e que ten brillo universal na poesía, a filosofía, a pedagoxía, e a literatura. “Entre os seus versos prefiro aquel que comeza mi verso es como un puñal, porque na situación internacional que estamos a viver, cun imperialismo en decadencia e polo tanto impredecíbel, e coa Revolución máis bloqueada e cercada do que nunca, o que sobran son os medoñentos, os que chegada a hora da verdade buscan unha desculpa a fume de carozo para darlle as costas á Revolución; Cuba resistiu, vai seguir resistindo e vencerá seguindo os camiños de Martí e de Fidel e botando a súa sorte, coma sempre fixo, cos pobres da terra!”.
A ovación que acolleu as palabras de Paco Sebio prolongouse para recibir a Luz Fandiño a beira da figura en ferro sobre granito de Martí. Traballadora militante da poesía e do compromiso revolucionario, Fandiño reclamou rebeldia universal contra os abafantes ventos de guerra de hoxendía, como limiar dun seu poema para o Pai da Patria cubana: “Frores, frores brancas, frores vermellas/para un Heroi Cubano/ para un mestre, para un poeta/ para unha voz do pobo./ Frores de mans negras, de mans brancas/ frores de todas as cores da roseira da liberdade/ para ti José Marti!/ Galiza coidará sempre o roeiro/ que co teu sangue para nós regaste!”
MARTÍ E CASTELAO
A Cónsul Xeral de Cuba, Yahima Martínez Millán, celebrou o rencontro coa solidariedade logo dunha longa excepción, precisamente para honrar a figura dun Martí que trascendera as fronteiras do seu tempo. Dixo que as cubanas e cubanos que aman a súa patria, non podían sentir tristura ao pé do monumento de Martí, ao viren celebrar o 169 aniversário do seu nacimento, senón orgullo de ter nas páxinas da historia nacional un pensador senlleiro, decisivo para a historia de Latinoamérica. “Non podemos sustituir Martí, mais tomamos seu exemplo a diario e facemos por seguir seu exemplo no noso proceder e conduta; nomeadamente podemos corresponder a súa divisa La mejor forma de decir es hacer. E honrando este consello tentamos a diario facer o que el decidira e que só as circunstancias políticas e as balas da Colonia impediran: loitar”.
Recordou que Cuba loita cada hora en defensa da súa soberania, para impedir, coa independencia, que os Estados Unidos se extendan polas Antillas e asolen as terras de América. “Coma Martí, nós non tememos ameazas, presións e argalladas, coma as que inventan a diario contra Cuba, e as mentiras que lanzan arestora sen parar dende as redes sociais para acabar coa Revolución”. Recordou que o Imperio bloqueaba a Cuba dende había máis de 60 anos na teima de asfixiar a economía e lastimar ao pobo cubano para derrocar a Revolución. “Nese combate –engadiu- honrar a Martí, é perseverar na construción do socialismo e sumar contribucións de importancia aos principios da solidariedade e o internacionalismo”.
Sendo a convocatoria para recordo e homenaxe de Martí, a Cónsul quixo tamén horar a Castelao “escritor e defensor incansable da unidade para a emancipación nacional” e ao tamén Galego Francisco Villamil, que ofrecera a súa vida para a independencia de Cuba, nunha loita heroica que sementou a amizade entrañábel e firme entre Galiza e Cuba; soños de Martí que se fixeron realidade na solidariedade que apreciamos a diario nestas terras”.
Sobre o fondo dun longo aplauso, a Cónsul invitou aos cativos Diego, Uxía e Xoel a deitaren flores brancas na soleira do monumento a Martí. Decontado, gaita tumbal bombo e caixa do grupo Son de San Lázaro acompañaron o himno nacional. A concellería responsábel de parques e xardíns de Compostela sementara un camelio a beira do monumento a Martí; e a árbore debe estar contenta por tan honrada ubicación, tendo en conta que aparece ledamente abrochada.
Entre a asistencia estaban Nadia Rivas, concelleira do BNG; Branca Novoneira e Marta Lois, de Compostela Aberta; Xosé Luis Borines, presidente de AGABO; Rubén Cela, presidente da Fundación Galiza Sempre; Xosé Collazo, voceiro do PCPG; Celso López Pazos, presidente da Asemblea Republicana de Vigo; Oscar Valadares, de Mar de Lumes e Carlos Morais, entre outras representación sindicais, políticas e da cultura.
Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil"