A CESC responsabiliza as autoridades dos EUA polo atentado contra a embaixada de Cuba en Washington

A Coordenadora Estatal de Solidariedade con Cuba (CESC) que agrupa máis de un centenar de comités de solidaridade internacionalista, organizacións non gubernamentais, e asociacións políticas e sociais progresistas, e na que está integrada dende a súa constitución a Asociación de Amizade Galego- Cubana Francisco Villamil, ven de publicar o seguinte escrito de protesta contra o atentado do que foi obxecto a embaixada de Cuba en Washington.

As pegadas dos disparos vense sobre as columnas, as fiestras e o teito da soleira da embaixada.

Os disparos do desespero imperialista

A Revolución Cubana sofreu 30 de abril un atentado terrorista na súa embaixada de Washington, tiroteada por alguén evidentemente entolecido pola propaganda e mentiras anticubanas emitidas a diario pola administración e os medios corporativos dos EUA. Dende a Coordenadora Estatal de Solidariedade con Cuba, condenamos este novo acto de violencia contra quen endexamais atentou contra pais ningún, e, mália o cerco e as agresións constantes, contribúe ao benestar dos pobos máis desfavorecidos con misións médicas voluntarias, como ven facendo en todo o mundo para loitar contra a pandemia.

A Coordenadora Estatal ven de celebrar Primeiro de Maio como un fito histórico de primeira magnitude na xesta heroica da clase traballadora contra a ferropea do capitalismo. Só a revolución proletaria, como expresión acabada da loita do pobo, poderá salvar á humanidade do abismo ao que é conducida por un sistema baseado na explotación duns seres humanos por outros e na depredación medioambiental. É por esta razón que gobernos imperialistas atacan sen descanso, por medio de calumnias mediáticas permanentes, criminais bloqueos económicos e, chegado o caso, agresións militares, a países e gobernos que miran polos intereses do pobo no canto de cebar as contas de multinacionais e capitalistas de voracidade insaciábel.

Antes de máis, facemos responsábeis ás autoridades estadounidenses do acto terrorista sufrido pola embaixada cubana, por corresponder a esas mesmas autoridade a protección das sedes diplomáticas representadas no pais; tamén por o atentado terrorista estar vencellado á retórica anticubana da Casa Branca, co presidente Trump á cabeza; retórica reforzada nos feitos co aumento das agresións contra Cuba, especialmente no eido económico.

Recordemos que Cuba perdeu máis de 3.500 compatrioras en atentados promovidos e organizados dende territorio norteamericano co obxectivo de escarmentar ao pobo para facelo renunciar a súa resistencia en defensa das conquistas sociais e políticas e da súa Revolución; ao cabo, trátase tanto de facerlle pagar por esta resistencia como de derrocar a súa Revolución.

Pretensión condenada ao fracaso. Se a pandemia do coronavirus revelou a impotencia do capitalismo para enfrontar calquer problema serio da humanidade, probou, pola contra, a capacidade dos pobos que loitan polo socialismo, como Cuba e Venezuela, para conter a extensión da enfermidade, o que atrae o interese de moitos países polos medicamentos de tecnoloxía cubana para se defenderen do virus.

Todo iso por volta dunha agresión e bloqueo brutais que, no caso de Cuba, dura xa máis de 60 anos. Mália a crueldade do asedio, a Revolución Cubana puido facer fronte ao contaxio masivo do virus, ao tempo que defendia a súa soberanía e xustiza social. Non é de estrañar a desesperación imperialista: Cuba vence á pandemia que a máis de rrasar o territorio do mismísimo Estados Unidos, maltrata o mundo occidental. Por iso aumentan os seus ataques de terrorismo económico anticubano e por iso mesmo renovamos a nosa solidariedade coa Revolución Cubana. Porque é o futuro de Cuba e da humanidade enteira.

Viva Cuba socialista! Viva a Revolución cubana! Vivan Cuba, Fidel e o  Che! Até a vitoria sempre! Venceremos!

Coordenadora Estatal de Solidariedade con Cuba.




Médicos, académicos e investigadores de Canadá e os EUA, defenden a colaboración con Cuba contra a pandemia

REDEH – Terra Sen Amos

A campaña Colaboración entre Estados Unidos, Cuba e Canadá para loitar contra a Covid-19 fixo público 30 de Abril que máis de 200 profesionais da medicina, académicos, funcionarios e residentes de EEUU e Canadá apoiaron unha declaración na que solicitan a colaboración médica, clínica e científica con Cuba, a incorporación do Interferón Alfa 2B Recombinante de Cuba en ensaios clínicos asi como pór fin aos intentos de impedir que outros países acepten a asistencia médica cubana. Tamén demandan a anulación das medidas que impiden que Cuba importe equipos médicos e medicamentos de EE.UU.

O Roswell Park Comprehensive Cancer Center, de Buffalo (Nova York) xa ten permiso da Food and Drug Administration para aplicar patentes cubanas contra o cancro.

As persoas que colaboran neste traballo conxunto defenden a solidariedade e a colaboración como esenciais no intre de o planeta loitar contra a pandemia. Entenden que non se pode deixar de lado ningunha fonte de coñecementos para defenderen vidas contra esta nova praga. Ante a catástrofe provocada pola epidemia que vive a humanidade culifican de inmoral o bloqueo de recursos médicos en razón da súa procedencia.

O doutor Michael Osterholm, Director do Centro de Investigación e Política de Enfermidades Infecciosas da Universidade de Minnesota e un dos expertos en saúde máis respectados do país, apoiou a inclusión do Interferón Alfa 2B de Cuba nos ensaios. Dixo: “Todos os medicamentos posibeis deben ser evaluados rápida e exhaustivamente sen importar o país que os produza”.

A colaboración médica entre entidades dos EUA e Cuba ten precedentes. O recente programa de PBS Nova, Cuba’s Cancer Hope, repara na asociación de Cuba co Centro Integral de Cancro de Roswell Park para un ensaio da Food and Drug Administration (FDA) da vacina cubana contra o cancro de pulmón Cimavax-EGF. En 2016, o Servizo de Saúde e Servizos Humanos dos Estados Unidos, asinou un memorando de entendemento co Ministerio de Saúde Pública de Cuba, sentando as bases para a  colaboración clínica. En 2017 catro médicos cubanos chegaron á Universidade de Illinois para traballaren na disminución da estatística de morte materno infantil de Chicago. (https://terrasenamos.org/o-asesor-cientifico-de-biocubafarma-recorda-o-exito-da-primeira-empresa-mixta-cubano-estadounidense-de-farmacia/)

As estatísticas comparativas de Covid-19, dos dias 21 e 22 de abril pasado, entre a poboación da cidade de Detroit, de 670.000 habitantes, e a de Cuba, de 11,3 millóns, avala a importancia da experiencia cubana. “Representando só o 6 por cento da poboación de Cuba, Detroit sufriu 18 veces máis mortes”, dixo Cheryl LaBash, do Miller Grove Block Club,  no noroeste de Detroit. “Non podemos desprezar recursos que poidan salvar vidas”.

A Red Nacional de Solidaridad con Cuba con base nos Estados Unidos (NNOC.info) e a Red Canadiana de Solidariedade con Cuba (canadiannetworkoncuba.ca) traballan por este obxectivo común.

SavingLives.US-CubaNormalization.org

Correo electrónico: SavingLives@US-CubaNormalization.org

Comité Internacional Paz, Justicia y Dignidad a los Pueblos

510-219-0092 | info@TheInternationalCommittee.org | Website



Cuba, Venezuela ou Nicaragua bloqueados combaten a pandemia con máis eficiencia ca os bloqueadores

Jornada –Terra Sen Amos

Nun artigo sobre as implicacións políticas da pandemia, Ignacio Ramonet compara os apuros dos EUA e os seus aliados, co rigor e excelentes resultados dos paises con planificación central e recursos públicos,  nos que salienta Venezuela e Cuba, sitiados e sancionados mais mellor defendidos ca o mesmo imperialismo que os bloquea. No extenso traballo titulado “La Pandemia y el Sistema Mundo”, o xornalista e experto nos media, repara na eficiencia da medicina pública cubana e das brigadas, primeiras en asistiren en todo o planeta con técnicas e medios eficaces, unha exemplar solidariedade despregada mália o bloqueo criminal dos EUA que xa dura 60 anos. Como declarou estes dias Noam Chomsky, Cuba está a dar o único exemplo verdadeiro de internacionalismo no mundo.  

No medio da pandemia, o mundo clama polo cese do bloqueo a Cuba.

“Cuba –di o autor de Conversas con Fidel – é digna de admiración: sitiada e bloqueada sesenta anos por EUA, con brutais medidas coercitivas unilaterais, foi a primeira en acudir en axuda de China cando estalou a pandemia, e as brigadas médicas de Cuba, herois do noso tempo, arriscan a súa propia vida para atallar o Coronavirus en 23 países, atendendo requerimentos gubernamentais”. Cita a tres da Europa rica: “Italia, Francia e Andorra, beneficiados polo  Continxente Internacional de Médicos Especializados en Situacións de Desastres e Graves Epidemias Henry Reeve”.

E no caso de Venezuela asediada por EUA, o xornalista di que mesmo que os media dominantes non queran admitilo, o presidente Nicolás Maduro foi o líder latinoamericano que antes entendeu cómo actuar drásticamente fronte o andacio e por mor da batería de medidas (confinamiento, peche de fronteiras, consultas casa por casa, hospitalización dos positivos) decididas polo seu Goberno e malia o ilegal bloqueo económico, financeiro e comercial imposto por EUA e as ameazas bélicas, Venezuela deu evitado errores coma os cometidos en Italia, España ou Estados Unidos e  salvar centos de vidas. O método Venezuela resultou ser un dos máis eficaces del mundo.

O abraio do mundo é grande cando descobre que Cuba é unha superpotencia médica, con máis de 30 mil médicos e enfermeiros despregados en 66 nacións, malia que os principais medios dominantes internacionais trataron de silencialo até agora. “Todo isto obedece a unha consigna humanista e visionaria de Fidel Castro –engade RAmonet-  formulada con estas palabras: un día dixen que nós non podiamos nin realizariamos nunca ataques preventivos e sorpresivos contra ningún escuro recanto do mundo; pero que, no canto, o noso país era quen de enviar os médicos que se necesiten aos máis escuros recantos do mundo. Médicos e non bombas;médicos e non armas intelixentes”.

“A Habana –engade o ex­­-director do mensal “Le Monde Diplomatique”- tamén aporta seu medicamento antiviral Interferón Alfa-2B Recombinante, probado por científicos cubanos nos laboratorios de biotecnoloxía do Estado, cuxo uso é eficaz contra as complicacións críticas en pacientes infectados polo novo coronavirus”. Ramonet denuncia que os grandes medios, <malia realizaren unha  cobertura universal e acuciosa da pandemia, silencian a solidariedade médica de Cuba. “Durante meses,  os principais media, mallaron en nós cun único tema : o Coronavirus. Sobreinformación a millentos vóltios. Nunca viramos fenómeno coral semellante, hipermediático, de envergadura global! Nin coa caida do Muro de Berlín, nin cos atentados contra as torres xémeas de Nova York”.

O xornalista galego nota que recursos convencionais coma o xabrón, as máscaras de pano, manter unha prudente distancia física e medios públicos de información, foron decisivos para parar o avance da pandemia. De feito, na pobreza de Kerala, na India, administrada por socialistas, coma no Vietnam, Nicaragua, ou nos casos de Venezuela ou Cuba nos que repara con detalle, os programas integrais de asistencia primaria e as campañas de prevención deron resultados superiores ao seguimento dixital ou as cuarentenas militarmente vixiadas. A paradoxa é notábel, pois a información privada e a propaganda política do imperialismo adoitan repetir que no socialismo non é posibel a eficiencia nin a información. A información non privatizada deu lugar a unha mellor formación das poboacións en risco e a medicina pública superou aos sistemas de saúde entregados a intereses privados depois de ter liquidado ou deixado sen recursos clínicas, hospitais e gabinetes de crise sanitaria.

A solidariedade protesta contra fabricantes suizos de equipo médico por seguiren ordes de bloqueo contra Cuba

Suiza-Cuba – Terra Sen Amos

As asociacións MediCuba-Suisse, mediCuba-Europa, a Asociación, ALBA-Suiza, AMCA, Médico International Schweiz, CSSR Solifonds e a asociación Suiza-Cuba protestaron en Berna ás portas das empresas  IMT Medical AG e Acutronic por ter seguido ordes do goberno dos EUA no sentido de recusar todo contrato con Cuba. As asociacións denunciaron que as empresas suizas citadas recén admitiran capital da empresa estadounidense Vyaire baixo a condición de romperen relación comercial con Medicuba, cliente regular delas.

A solidariedade con Cuba maniféstase en Berna perante as industrias de equipo médico, por seguiren ordes de bloqueo contra Cuba.

A solidariedade levóu perante as portas dos fabricantes bandas nas que acusaban de covardía fronte os EUA aos até o de agora  subministradores de material clínico básico para o sistema sanitario da illa, en especial respiradores, precisos para tratar infectados por Covid-19. Nun dos cartaces chamaban aos empresarios “ben mandados”.

Suiza-Cuba recordou aos medios que cubriron a protesta, que Cuba era un exemplo de internacionalismo solidario que a invitación de gobernos de todo o mundo asistia con brigadas médicas para contribuir nas batallas locais contra o Coronavirus, un traballo heroico que realizaban contra a propaganda mentireira dos EUA e atrancos inadmisíbeis e iinhumanos coma o que viñan denunciar fronte as empresas de Berna.  Nunha voandeira repartida na protesta, recordaban que o bloqueo contra Cuba era o máis longo da historia, condenado 27 veces pola ONU. Más do70 % dos once millóns de cubanos naciera baixo o bloqueo. Os danos materiais acumulados deica marzo de 2019, sobordaban un billón de dólares.

De porparte, a solidariedade británica con Cuba fixo público que as oficinas de crédito do pais recusaran o envio a Habana de 20.000 libras esterlinas recadadas para axudar a sanidade cubana a compra de material para tratar o Coronavirus, que, por causa do bloqueo dos EUA, debe adquirir a un prezo sempre máis elevado que no comercio internacional libre.

A REDEH empraza a “Fundación para la Libertad” a debater sobre a economía do mundo en tempo de pandemia

REDEH – Terra Sen Amos

A Rede en Defensa da Humanidade (REDH) desafía á Fundación Internacional para la Libertad (FIL) a explicar nun debate público as súas descalificación de gobernos democráticos que no medio da grave pandemia esfórzanse por defenderen a saúde física e espiritual dos seus pobos e son solidarios cos 39 paises que padecen sancións e bloqueo dos principais fabricantes de armas que son, de porparte, solar e defensa dos primeiros grupos de presión económica do mundo, manteñen control preferente dos sistemas de comunicación establecidos, teñen bases armadas en todo o planeta e representan un gasto militar que multiplica por 6 o que o mundo enteiro gasta en atención médica e farmacia. A seguir publicamos un resumo do manifesto da REDEH, distribuido en todo o mundo o 24 de Abril.

“A Fundación Internacional para la Libertad (FIL) acusa ofensivamente a gobernos de inspiración humanista que, no medio da pandemia, adoptan decisións en beneficio dos seus pobos; chaman “autoritario”, “populista”, “antidemocrático” ou “ditatorial” a canto gobernante asuma a tarefa heroica de reparar os desastres económicos e sociais producidos polos gobernos que vostedes alcuman de defensores da liberdade, simplemente por se posicionaren a prol da inxusta maxia do mercado; non vacilan en descualificar como “réximes” a gobernos que representan a vontade democrática e procuran a saúde física e espiritual dos pobos, cousa que non fan quen lles serven a vostedes de modelo.

Emprazámolos máis unha vez, como xa fixeramos en foros internacionais dos que sempre fuxiron por careceren de argumentos para xustificar as súas posturas ideolóxicas ou políticas. Liscaran de caralavada, protexidos como sempre polos media establecidos que agachan as feitorías dos membros da FIL e seus mentores intelectuais. Neoliberais de militancia e republicanos de antroido , mal lles dá a capa para taparen os furtos dos gobernos e grupos económicos que patrocinan á Fundación, requitropa ao servizo da corrupción capitalista e a explotación de homes, mulleres e nenos aos que raparan dereitos e dignidade.  A visión do estrago de recursos naturais en nome do gaño, non lles habia apurar o pulso pois gabáronno coma modelo de bon goberno, nin escusaron alaudes ao privilexio económico dunha gandalla de empresarios, croupiers de ruleta don mundo onde o 1 por cento achanda máis riqueza ca o resto da humanidade. A defensa a ferro e fouce do mercado recorda  unha estadea medieval e, no medio da pandemia, é máis inadmisibel xustificar gobernos que atrancan remesas elementais para combater o estado de alarma sanitaria desprezar aos que loitan por salvar vidas e dereitos sociais. Para a súa deshonra, esa conduta ten o nome de Crime de lesa Humanidade.

Nun debate aberto que non poderán recusar, é nosa intención definir que intereses están a defender. Falemos da súa relación cos grupos de presión que dominan a economía mundial; do papel do Estado na  defensa do planeta e da humanidade; do holocausto social e ecolóxico producido polas políticas que vostedes defenden e publicitan; dos méritos comparativos do egoísmo e do individualismo desenfreados, fronte á ética da solidariedade e a economía en defensa da vida; dos modos de produción sustentabeis e das relacións de produción xustas no mundo que vén, que mal será o de antes; de estratexias probadas contra a corrupción, contra a acumulación de riquezas en poucas mans o que multiplica a fame; da democracia plena e participativa, con educación, saúde, vivenda, seguridade social, xustiza laboral e de medios de comunicación democratizados para facermos verdade aquilo de “un só mundo, voces múltiples”.

Cremos no debate e no diálogo até as últimas consecuencias. Debémosllo aos nosos pobos e a todas as vítimas, directas e indirectas, do neoliberalismo. Decidan vostedes o lugar e a data”. REDEH.




Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil"

Visit Us On TwitterVisit Us On Facebook