Nikki Haley, embaixadora de Trump na ONU, comentou que ver Cuba recibir os votos de todo o mundo na Asemblea Xeral, un verdadeiro clamor para a vergoña do Bloqueo rematar, carecía da menor importáncia porque Washington, convencido de ter a razón, ignora o que é a vacilación nin a vergoña. Toda a Asemblea votou contra as recomendacións e intereses caciquís dos EUA, nunha soidade agraviada polo resultado nulo da estratexia de Haley, na véspera da votación, coa súa equipa a petar portas ao abrente por meter de limosna un feixe de votos de sospeita de Cuba non cumprir algún regulamento. Haley xa formalizara a súa renuncia a representar EUA na ONU, e na súa derradeira encarga, antes da despedida de fin de ano, procuraba, á desesperada, un xeito calquera de estorbar a razón manifesta de Cuba.
Relato da aclamación da Asemblea da ONU contra o Bloqueo, na versión de Martirena, caricaturista de Granma.
Trump di que o socialismo trae miseria e chama a todas as nacións do mundo a loitar contra tan perigoso sistema. Sabendo que Washington teima no Bloqueo dende hai 60 anos, sen conseguir mudar nin un anaco a posición de Cuba, teremos todo o dereito a sospeitar que o socialismo non acaba cos povos senón que os axuda. En todo caso, sorprende que o pais mais rico da terra gaste unha fortuna durante seis décadas para cercar por fame a Cuba socialista, cando Trump proclama que o socialismo é un sistema que acaba cos povos por antonomasia.
Trump achaca ao sistema socialista os males de Cuba e Venezuela, e prefire ignorar o cerco de que son obxecto.
O governo dos EUA tenta evitar a vergoña de quedar coma único votante a prol do Bloqueo na Asemblea da ONU e para iso fai circular unha denuncia contra Cuba á que acusa e comprometer gravemente a axenda de desenvolvemento sostíbel das Nacións Unidas para a illa. O ministro de Estado de Cuba denunciou a manobra con estas palabras: “Se Estados Unidos quer debater nas Nacións Unidas a situación dos dereitos humanos en relación coas metas de desenvolvemento sostíbel, podemos facelo: diga só onde e cando”, desafiou Bruno Rodríguez Parrilla quen a seguir denunciou a violencia policial e a política migratoria racista dos EUA.
Bruno Rodríguez Parrilla amosa a carta do ministerio de Relacións Exteriores dos EUA na que acusan a Cuba de provocaren o Bloqueo.
A representación de Sonia se fue, peza dramática sobre a infame Operación Peter Pan que inducira o exilio de 14.000 cativos cubanos e fora organizada pola CIA e a Igrexa Católica, foi a luzada do XVII Festival Nacional de Teatro, en Camaguey. A obra é de Melinda López, filla de exilados cubanos nos EUA, dramaturga de moda en Nova Inglaterra, autora residente do Huntington Theatre de Boston e citada por Barack Obama no seu histórico discurso da Habana polo que ten de exemplo da sinerxia cultural entre as dúas beiras do Estreito da Florida. O drama de López volve sobre o que Fidel chamara unha das agresión morais máis noxentaspraticadas contra Cuba. As louvanzas a Sonia se fue, en Cuba e en varias capitais de EUA, contrasta coa censura da obra na Florida de Marco Rubio onde o recordo da Operación Peter Pan é ainda coto vedado.
Cartaz da obra de Melinda López no XVII Festival Nacional de Teatro, en Camaguey
O presidente de Cuba recordou a Nelson Mandela coma rebelde obrigado a loitar contra a inxustiza cos medios de que se puider valer, depois de lle pecharen os camiños de paz, coma defensor dos dereitos humanos e dos dereitos do seu povo, e no seu papel de politico que cambiou a historia. Intervindo no Cume de Paz Nelson Mandela, na Asemblea Xeral da ONU, Diaz-Canel citaba ao primeiro presidente democrático de Suláfrica na súa condición de Nobel da Paz, porén a realidade da violencia imperialista levárao a reivindicar a xustiza para o seu povo por todos os medios.
Diaz Canel dialogou con representantes do Congreso do EUA na sede da Misión de Cuba na ONU.