Axencias – Terra Sen Amos
O presidente de Cuba recordou a Nelson Mandela coma rebelde obrigado a loitar contra a inxustiza cos medios de que se puider valer, depois de lle pecharen os camiños de paz, coma defensor dos dereitos humanos e dos dereitos do seu povo, e no seu papel de politico que cambiou a historia. Intervindo no Cume de Paz Nelson Mandela, na Asemblea Xeral da ONU, Diaz-Canel citaba ao primeiro presidente democrático de Suláfrica na súa condición de Nobel da Paz, porén a realidade da violencia imperialista levárao a reivindicar a xustiza para o seu povo por todos os medios.
“Pensemos tamén en Mandela na súa fasquía de rebelde –dixo Diaz Canel- obrigado a loitar contra a inxustiza cando viu que lle pechaban todos os camiños pacíficos; no preso político e defensor dos dereitos humanos e dos dereitos do seu povo e no político que cambióu a historia”.
O presidente recordou a Raúl Castro cando o anterior presidente de Cuba dixo que lembraba a Mandela coma figura da heroica loita do povo sudafricano contra o governo infame do apartheid, que ficara na memoria do povo de Cuba como persoa firme, valente, serena, intelixente e capaz.
O presidente de Cuba referiuse ao aumento do gasto militar promovido por EUA, inzando no mundo unha nova carreira das armas a despeito dos recursos que o planeta precisa imperiosamente para construir a paz. “Non pode haber progreso sen paz e estabilidade, nin paz e estabilidade sen progreso: non será posibel atopar paz e seguridade en povos con altos níveis de pobreza, con fame crónica, necesidade, sede e analfabetismo; con altos índices de mortandade infantil, baixa esperanza de vida e andacios que poden ser tratados con normalidade.
Darmos construido un mundo de paz, no que impere a solución dialogada dos conflictos, obriga a atender as causas verdadeiras que os producen, dixo Diaz-Canel: “millóns de excluidos por un orde económico internacional inxusto, desprazados e famentos que escapan das guerras na busca de territorios de fartura, acomodados mercé ao despoxo dos nosos povos”.
Recordou o representante de Cuba que o único tributo a altura da memoria de Mandela, era traballar polo progreso das nacións deprimidas, con actos antes que palabras; cooperación, antes que intervención e solidariedade e non despoxo.