IP – Terra Sen Amos
Unha carta, asinada por seiscentas persoas, condenan a arbitraria cualificación de Cuba polos EUA de Estado patrocinador do terrorismo, que consideran “cínica, cruel e unha clara violación do Dereito Internacional”. As asinaturas proceden de persoas que adquiriran por mor do voto o dereito de ocuparen un escano parlamentário en 73 países de todo o mundo. Coordinada e publicada pola Internacional Progresista (IP) a carta, publicada venres 20 de setembro, chama aos seus respectivos gobernos a “tomar medidas inmediatas para conseguiren a exclusión urxente de Cuba desa arbitraria lista”.
A designación de Estado patrocinador do terrorismo por parte dos EUA, foille retirada a Cuba en 2015, logo dunha exhaustiva avaliación da Administración Obama, mais Donald Trump volveu incluila nos últimos días da súa presidencia en 2021. Os países da ilegal lista enfróntanse a sancións extremas que dificultan o acceso a medicamentos, alimentos, adquisicións de interese civil emerxente e dereitos de xiro, transacción e crédito internacional. Os outros tres países que tamén padecen o sambenito dos EUA, son Siria, dende 1979, Irán, a partir de 1984 e Corea do Norte, dende 2017. O presidente Joe Biden non retirou a pragmática, malia prometer a Cuba o regreso á política da era Obama.
Para as parlamentares asinantes “é urxente retirar a Cuba da lista de Estados patrocinadores do terrorismo en nome da dignidade, a decencia e a integridade da Carta da ONU”. Aportan a opinión de expertos das Nacións Unidas, que denuncia a afección desta ilegal medida “sobre dereitos humanos fundamentais, incluídos o dereito á alimentación, o dereito á saúde, o dereito á educación, os dereitos económicos e sociais, o dereito á vida e o dereito ao desenvolvemento”.
Entre os asinantes atópanse o ex presidente do Partido dos Traballadores belga Peter Mertens, a deputada brasileira Célia Xakriabá, a deputada canadense e membro do Consello da IP Niki Ashton, a senadora colombiana e membro do Consello da IP Clara López Obregón, o ex secretario xeral do Partido Progresista do Pobo Traballador (AKEL) de Chipre, Andros Kyprianou, a deputada ecuatoriana Jahiren Noriega, o deputado francés Arnaud Lle Gall, o líder do partido alemán Die Linke Martin Schirdewan, o deputado ganés Samuel Okudzeto Ablakwa, o secretario xeral do Partido Comunista de Grecia (KKE) Dimitris Koutsoumpas, o ex presidente de Güiana Donald Ramotar, o vicepresidente primeiro do Congreso Nacional de Honduras Hugo Noé Pino, o deputado indio John Brittas, o líder do Partido Nacional do Pobo de Xamaica Mark Golding, o deputado malasio Wong Chen, a secretaria xeral do partido mexicano Morena, Citlalli Hernández, o deputado senegalés Guy Marius Sagna, o líder do Movemento dos Socialistas de Serbia, Bojan Torbica, o líder da oposición de Seychelles Sebastian Pillay, o deputado español e membro do Consello da IP Gerardo Pisarello, a líder de Podemos Ione Belarra, o líder da Fronte de Liberdade Nacional de Sri Lanka Wimal Weerawansa, o Presidente do Partido Democrático dos Pobos de Turquía e membro do Consello da IP, Ertuğrul Kürkcü, o ex líder do Partido Laborista do Reino Unido e membro do Consello da IP Jeremy Corbyn.
Os asinantes argumentan que a designación “é cruel porque está deseñada para maximizar o sufrimento do pobo de Cuba, afogando a súa economía, desprazando ás súas familias e mesmo restrinxindo o fluxo de axuda humanitaria”.
En maio de 2024, o ministerio de Estado (asuntos exteriores) estadounidense retirou finalmente a Cuba da lista de Estados que “non cooperan plenamente” cos EUA na loita antiterrorista”. Con todo, a carta sostén que «isto non é suficiente», xa que «Cuba segue sufrindo como consecuencia da súa exclusión cínica, cruel e ilegal da economía internacional.»
A carta, coordinada pola Internacional Progresista, chega despois de 35 ex xefes de Estado e de goberno escribiren a Joe Biden pedíndolle retirar Cuba da lista ao entrar nos seus últimos meses na Casa Branca.
Versión en Galego para TSA de Lila Hermelo