GRANMA – Redación Internacional)
Xa non é novidade: a Casa Branca resolveu estender máis un ano, o bloqueo económico, comercial e financeiro contra Cuba. Novidade sería que non o fixese, porque iso semella estar na axenda do mandatario electo, gañe un partido ou outros. A receta imperial é a única que teñen contra Cuba. A Joe Biden tocoulle representar a semana pasada o mesmo papel que os seus predecesores: un lance extemporáneo en pleno século XXI, como é o de botar man da Lei de Comercio co Inimigo, que fora aprobada polo Congreso Federal un 6 de outubro de 1917. Un pergameo que outorga ao xefe da Casa Branca as facultades de estorbar o comercio con nacións que discrepan cos EUA e o recurso de aplicar sancións económicas en tempo de guerra ou en calquera outro período de emerxencia nacional, asi como o de impedir o comercio co inimigo ou aliados do inimigo durante conflitos bélicos. Ao abeiro dese repoludo texto lexislativo (o máis vellouqueiro do seu xénero) o daquela presidente John F. Kennedy despregara regulacións para o Control de Activos Cubanos en 1963, despois de ter imposto o bloqueo contra Cuba en 1962. Poderoso parasol para un dia nubrado.
A Lei de Comercio co Inimigo é a arma vellouqueira coa que lanzan a asasina política contra o pobo de Cuba, fabricada para matar por fame, desesperanza e caos. Un instrumento que o goberno dos EUA reservaba de vello contra Estados que puidesen representar un problema de seguridade nacional ou de ameaza bélica comprobada. Non che hai polo de agora evidencia diso contra Cuba, nin de declaración de guerra, pois as bombas son de momento para o medio Oriente e non para o común canal da Florida.
Coida Washington que a Illa caribeña é o único país merecente da vellouca lexislación. Antes, tamén a padeceran China, a República Popular Democrática de Corea e o Vietnam, suxeitos dese texto que forma parte do armazón legal do bloqueo e que abarca outros, como a Lei para a Asistencia Exterior (1961), a Lei para a Administración das Exportacións (1979), a Lei Torricelli (1992), a Lei Helms-Burton (1996) e as Regulacións para a Administración das Exportacións (1979). Saraiba que lle causara a Cuba, entre o 1ro. de marzo de 2023 e o 29 de febreiro de 2024 (dacordo co informe presentado pola Cancillería cubana) danos e prexuízos materiais estimados nuns 5.056,8 millóns de dólares, o que significan 575. 683 dólares por cada hora de bloqueo.
Saraiba de armas e sancións que deixaron a sucesivos gobernos dos EUA na ridícula vergonza mundial de non conseguir que unha pequena illa se postrase aos seus pés. Así o afirmou, na rede social X, o membro do Buró Político e ministro de Relacións Exteriores, Bruno Rodríguez Parrilla, quen expresou que, “malia os serios danos ocasionados, os EUA continúan fracasando no obxectivo de destruír a Revolución”.
Versión en Galego de Herminia Retén para TSA