Silvio Rodríguez
Coido que a Revolución Cubana dignificou o noso país e dignificou os cubanos. O Goberno Revolucionario foi o mellor goberno da nosa Historia.
Si. Antes da Revolución, A Habana estaba máis pintureira, os pavimentos non tiñan fochas nin bulleiros e podiamos camiñar rúas e rúas de tendas cheas e iluminadas. Mais quen podía comprar nelas? E quen podía camiñar con verdadeira liberdade por aquelas rúas?
Por suposto, os que tiñan “con que” nos seus petos. Os demais, a embazar vidreiras e a soñar, como a miña nai, como a nosa familia, como a maioría das familias cubanas.
Por aquelas avenidas fabulosas só paseaban os “cidadáns respectabeis”, ben considerados en primeiro lugar polo seu aspecto.
Os farrapentos, os pobres de pedir, case todos negros, tiñan que facer rodeos, porque cando un policía os vía nalgunha rúa “decente”, botábanos a paus.
Isto vino eu cos meus propios ollos de neno de 7 ou 8 anos e estíveno a ver até cumprir 12, cando o trunfo da Revolución.
No recanto da miña casa había dous bares e, nun de eles, por veces, no canto de cear, tomabamos un batido. En ocasións pasaban mariñeiros de barcos de guerra norteamericanos, bébados de cruzar os pés, a procura de prostitutas e botándose contra as mulleres do barrio.
A un noso veciño que saíra en defensa da súa irmá, deitáronno contra o chan, e cando chegou a policía, contra quen cren que cargaron? Cos abusadores? Vaiche boa: a couces levaron de alí a aquel mozo universitario que, loxicamente, despois destacaba nas revoltas estudantís.
Consérvanse as fotos dun oficial da mariña norteamericana a mexar, sentado na cabeza da estatua de Martí, no Parque Central da nosa Capital.
Iso era Cuba, antes do 59. Cando menos, así eran as rúas da Centrohabana que eu vivín a diario, as do barrio de San Leopoldo, lindante con Dragones e Cayo Hueso . Agora están arruinadas. Magóame pasar por alí porque é coma ver as ruinas da miña propia infancia.
Cánteino en “Trobador antigo”. Como puidemos chegar a semellante decadencia?
Por moitas razóns. Moita culpa foi nosa por non ver as árbores, embelesados como estabamos co bosque, pero culpa tamén dos que queren que regresen os “marines” a desprezar a Martí.
Estou de acordo en reverter os erros, en desterrar o autoritarismo e en construír unha democracia socialista sólida, eficiente, cun funcionamento sempre perfectibel, que se garanta en por si. Négome a renunciar aos dereitos fundamentais que a Revolución conquistou para o povo. Antes que nada, dignidade e soberanía, e, así mesmo, saúde, educación, cultura e unha vellez honorabel para todos.
Mellor querería non ter que saber do que pasa no meu país pola prensa de fóra, cos seus enfoques que traen non pouca confusión. Quero a melloría de moitas cousas que dixen e doutras que non falei.
Pero, por riba de todo, non quero que regrese aquela ignominia, aquela miseria, aquela falsidade de partidos que nada mais tomar o poder entregábanlle o país ao mellor postor. Todo aquilo sucedía baixo a sombra morna da Declaración dos Dereitos Humanos e da Constitución de 1940.
A experiencia pre-revolucionaria cubana e a de moitos outros países demostra o que importan os dereitos humanos nas democracias representativas.
Moitos dos que hoxe atacan a Revolución, foron educados por ela. Profesionais emigrados, que comparan forzadamente as condicións ideais da “culta Europa”, coa da sitiada Cuba. Outros, máis vellos, chegaron se cadra a “ser alguén” grazas á Revolución e hoxe presúmen de ideólogos pro-capitalistas, estudosos de Leis e Historia, disfrazados de humildes obreiros.
Persoalmente, non soporto os vira-chaquetas: eses arrependidos, eruditos de marxismo e todo, que eran máis papistas ca o Papa e agora son o seu propio reverso. Non lle desexo mal, a ninguén llo desexo, pero tanta inconsistencia revólveme.
A Revolución, como Prometeo (débolle unha canción con ese nome), alumbrou aos esquecidos. Porque a Revolución, no canto de dicirlle ao pobo: cre, díxolle: le. Por iso, como ao heroi mitolóxico, queren facerlle pagar a súa ousadía, atándoo a un remoto cumio onde un voitre (ou un aguia imperial) lle devore eternamente as entrañas.
Eu non nego os erros e os voluntarismos, pero non sei esquecer a vocación do pobo da Revolución, fronte a agresións que usaron todas as armas para ferir e matar, así como os máis poderosos e sofisticados medios de difusión (e mistificación) de ideas.
Nunca dixen que o bloqueo teña a culpa toda das nosas desgracias. Pero a existencia do bloqueo non nos deu nunca a oportunidade de medirnos a nós mesmos.
A min gustaríame morrer coas responsabilidades das nosas desditas ben clariñas.
Por iso invito a todos os que aman a Cuba e desexan a dignidade dos cubanos, a berrar comigo agora, mañá, en tódalas partes: Abaixo o bloqueo!
Fonte: segundacita
Traducido pola Redación de Terra Sen Amos