Farruco Sesto – NÓSdiario
En tempos de grandes dificultades, a Hugo Chávez gostáballe reinterpretar algunha pasaxe de Shakespeare, para utilizala como metáfora: “Sopra tempestade, que aquí teño espazo para che manobrar!”.
Para o caso, tempestades de todo tipo nunca faltan nun proceso de transformación profunda da sociedade, a contrafío dos poderes hexemónicos. E as que tivo que enfrontar o pobo venezolano, liderado por Chávez, non foron cativas durante o primeiros catorce anos da Revolución Bolivariana, incluíndo golpe de estado, golpe petroleiro e a propia morte do Comandante.
Habería ser Nicolás Maduro, na súa condición de capitán da nave en circunstancias sobrevidas, a quen lle tocaría confrontar unha mar levada, de tempestades desatadas con implacable furia, unha após outra, durante estes dez anos transcorridos desque alcanzara a presidencia da República.
De feito, tralo falecemento do Comandante, e aos corenta días exactos tal como establece a Constitución, Nicolás Maduro presentouse ás eleccións presidenciais e gañounas en enfrontamento limpo. Estamos a falar do 14 de abril de 2013.
Por volta de cinco días, 19 de abril, asumiu a xefatura do Estado e a presidencia da República. O seu xuramento non se prestou a ningún xénero de confusión, e respectouse a vontade de continuar a obra de Chávez por decisión maioritaria do pobo venezolano.
“Xuro polo pobo enteiro de Venezuela, pola memoria eterna do Comandante Supremo Hugo Chávez, que cumprirei e farei cumprir a Constitución e as leis da República en todo o inherente ao cargo de Presidente para construír unha Patria de liberdade, independente e socialista, para todos e todas”.
Mais permitir que se constrúa unha Patria de liberdade, independente e socialista nun país coa riqueza de materias primas de Venezuela e situado, tal como eles din, no seu patio traseiro, non está nos plans dos EUA.
Así, o primeiro que tivo que enfrontar o novo presidente foi o desprezo do seu triunfo de parte da oposición e, a partir de alí, o asoballo de todas as iniciativas de goberno.
O décimo aniversario daquel acto de toma de posesión, cumpriuse nestes días. Como repasar este tempo se non asociándoo a unha tempestade tras outra, a un furacán tras outro, tratando de derrocar a vontade dun pobo para facer naufragar o proxecto?
Nun breve reconto aparecen insurxencias neo-fascistas da ultradereita (chantando lume a edificios e autobuses, con uso de francotiradores e persoas que foron queimadas vivas) ataques planificados á moeda para inducir inflación e destruír a economía; crueis bloqueos comerciais e financeiros, secuestro de buques e avións, ameazas de gran invasión militar; unha política de bruta desinformación planificada pola hexemonía mediática occidental; roubo de activos venezolanos no exterior (reservas de ouro, depósitos bancarios, empresas públicas) a persecución personalizada dos seus dirixentes, incluíndo recompensas polas súas cabezas; secuestro dalgún dos seus diplomáticos como é o caso de Alex Saab; actos de terrorismo continuados, en especial contra instalacións petroleiras e de xeración e distribución eléctrica; a consideración de Venezuela como ameaza inusual e extraordinaria para a seguridade dos EUA (por decreto de Obama, referendado polos seus sucesores) ilegais e chantaxistas medidas coercitivas unilaterais que hoxe suman 927; desconsideración do lexítimo goberno de Venezuela, de parte dos países que viran na órbita dos EUA (co recoñecemento explícito a un monicreque auto-nomeado) tentativas diversas de magnicidio, descoñecemento de todas as eleccións celebradas, bloqueo de medicamentos e recursos sanitarios, invasións mercenarias…todo un programa de programas de agresión constante. Non foi fácil. Non segue a ser fácil.
E como está Venezuela ao cabo destes 10 anos terríbeis de guerra asimétrica, integral, para dobregar un pobo e os seus dirixentes? Resiste. Vaise recuperando, do cal hai sinais claros. E o máis importante: non renunciou aos seus propósitos. Nin perdeu a vontade de loita. Sempre apegada á súa diplomacia bolivariana de paz, segue a ser unha referencia baixo a dirección de Nicolás Maduro, que soubo manexar con habelencia unha situación tan complexa. “Sopra tempestade, que aquí teño espazo para che manobrar!
Ora ben, como foi posibel tan colosal resistencia; tan enorme que sobardou todos os prognósticos e plans imperiais? Calquera observador sensíbel podería detectar, entre moitas outras, dúas cualidades extraordinarias: un especial sentido da dignidade, e unha profunda convicción política e moral con raíces históricas, de “a revolución ser posíbel e os pobos ser quen de facela, de no mundo contemporáneo non existiren forzas capaces de impedir o movemento de liberación dos pobos”, tal como avisara Fidel, noutro país e noutro contexto, pero cos mesmos inimigos, no ano 1962.