Berenice Sobral – Coral Gables (Miami)
Policías dos aeroportos de Miami e Nova York detiveron ilegalmente e interrogaron durante horas a persoas que formaban parte dun grupo de 150 mozas e mozos con pasaporte dos EUA chegados da Habana onde participaran no Encontro Internacional de Solidariedade con Cuba dende o pasado 24 de abril. Os axentes fixéronse con varios telefones móbeis das persoas detidas. Os feitos sucederon en 3 de maio e foron denunciados como intromisión ilegal dos axentes nos dereitos de reunión, información e opinión que garante a 1ª Emenda da Constitución dos EUA, de 1791, razón legal que leva aos suxeitos desta cidadanía a proclamaren que viven no país máis libre do mundo.
Segundo a denuncia espallada nas redes pola asociación The People’s Forum (TPF) a detención e acoso policial tiña por obxecto intimidar a todo o grupo por ter viaxado a Cuba e participado en asembleas con persoas e delegados de institucións da illa. “O que procuraban era meternos medo e penalizar o noso dereito a viaxar e dialogar libremente”, dixo TPF nun comunicado no que cualificaba de escandaloso o comportamento dos axentes. “¡Reclamamos a liberación dos compañeiros detidos e lembramos que o noso compromiso de pór fin ao Bloqueo de Cuba será irrenunciábel”.
En nome da TPF, Manolo De Los Santos, dixo que no Encontro Internacional de Solidariedade trataran con camaradas procedentes de todo o planeta que, por moitas razóns, os detidos na fronteira deben ser considerados prisioneiros do goberno dos EUA e vítimas da violéncia imperial. “Este sistema violento, concentra forza e recursos contra os pobos que en todo o planeta loitan por organizárense e defender seus recursos, o planeta e a vida. A ira do Imperio combate eses pobos. Este é o panorama actual”.
A delegación da mocidade dos EUA é a máis numerosa que visita Cuba dende hai décadas. “Regresamos a casa con información cabal e contrastada da agresión contra Cuba, e, a maiores, coa experiencia concreta de como dar conseguido unidade na diversidade e como é posíbel derrotar un inimigo que presume de invencíbel; é fundamental que o amor e a esperanza estean no centro de todo o que facemos”, comentou Kawenaʻulaokalā Kapahua, da Academic Labor United, de Hawai.
O comunicado de TPF atribúe á xeración actual o deber histórico de “derrotar, dunha vez por todas, o Bloqueo asasino” e internacionalizar a solidariedade con Cuba contra a agresión do goberno dos EUA.
A delegación solidaria estaba organizada pola Asemblea Internacional dos Pobos (AIP) e nela participaban sindicalistas, traballadores culturais, activistas contra a brutalidade policial, grupos de inquilinos e científicos de diversas organizacións de Estados Unidos.
Durante a visita, dialogaron con representantes da comunidade Lgbtqi+, agrupacións afrocubanas e alumnos e profesores da Escuela Latinoamericana de Medicina (ELAM) da Habana. Con eles e con equipas de educación popular, investigación, arte e deporte, entre outras, intercambiaron opinións e experiencias.
A activa delegación procedente dos EUA traballou arreo con outros grupos invitados ao Encontro que en conxunto sobordou un milleiro de participantes.