Yuri Domenech –Terra sen Amos
O movemento de solidariedade con Cuba botouse á rúa en todo o mundo este Primeiro de Maio para reclamar o fin do bloqueo, das sancións e das inxerencias do imperialismo; o apoio a loita do pobo cubano polo socialismo e a soberanía é un clamor en todo o mundo. En Vigo, un numeroso grupo de amigas e amigos de Cuba responderon ao chamado da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” para manter unha parada informativa ao paso das diversas manifestacións sindicais que conmemoraban o Día do Internacionalismo Proletario, retomando unha práctica que esta asociación adoptara noutrora na intensa loita pola liberación dos Cinco cubanos presos nos EUA por loitaren contra o terrorismo.
Alén da faixa contra o bloqueo e das bandeiras cubanas, que foron saudadas por un bó número de manifestantes con berros de solidariedade con Cuba, compañeiras e compañeiros da Villamil foron ao encontro das paseatas para repartir 150 exemplares do xornal Cubainformación, así como 600 folletos convidando a apoiar as campañas de Café contra o Bloqueo e para a “Electrificación solar do Instituto Finlay de Vacinas”. Vendéronse alí mesmo dúas ducias de paquetes, como anticipo da terceira campaña da Villamil que iniciamos este mesmo día, con azucre e café para rachar o bloqueo.
Coma en Vigo, noutras ciudades do Estado coma Bilbo, Barcelona, Alacant, Málaga, Madrid ou, Toledo, organizacións de solidariedade fixeron vibrar de solidariedade con Cuba neste 1º de Maio.
Cumprindo o 40 Aniversario da súa fundación, a Francisco Villamil, incorpora afiliacións e suma esforzos para levar a todos os recunchos de Galiza a voz da solidariedade coa Revolución Cubana. O vindeiro Primeiro de Maio, seremos máis e farémolo mellor.