Arquivo da etiqueta: Aula Castelao de Pontevedra

Eduardo Galeano, cronista do mundo ao revés e amigo de Cuba

 

ggal

Belarmino Vázquez – Terra Sen Amos

Cronista do mundo ao revés, do “medio mundo que vive en guerra contra os pobres cando debería estar en guerra contra a pobreza”, Eduardo Galeano será recordado como valedor da América en guerra contra o imperialismo. Na morte de Rockefeller, dono do mundo, rei do petróleo, Galeano foi relator único da súa autópsia: “Non lle atoparon escrúpulo ningún”. Consecuente inimigo do Bloqueo, o mago uruguaio nunca deixaba de tirar do sombreiro das palabras un reproche polo xeito de a Revolución gobernar a información no medio do cerco, crítica de turista, amigo, non revolucionário, que os revolucionários bloqueados acollían con paciencia sen límites. Xa tocado de morte  polo cancro, Galeano escrebeu o limiar do último libro de Salim Lamrani “Cuba, os medios e o desafío da imparcialidade”, editado en Nova  York pola Monthly Review, no que repasa con ironía os agravios clásicos da contra-revolución e declárase conforme con moitos deles. Mais no remate, engade: “O que non contan os inimigos de Fidel Castro é como puxo o seu peito contra as balas cando chegou a invasión; nin din que afrontou furacáns de igual a igual ou que conserva a vida porque safóu de seiscentos trinta e sete atentados, ou que a súa contaxiosa enerxía foi decisiva para transformar unha colonia en país; non din que debeu ser un feitizo Mandinga ou un milagre divino o feito de Cuba termar contra dez presidentes norteamericanos que  afiaban coitelos e garfos en privado e puñan cara de Dereitos Humanos no balcón; e tamén non contan que Cuba é un raro país que renunciou a competir no campionato mundial de felpudos e que, no medio do cerco,  a Revolución é como é e non como quixeran os revolucionarios”.

Conferenciante en Galiza en várias ocasións (nomeadamente na Aula Castelao de Pontevedra en 1993 e 2003) Galeano confesábase herdeiro da ironía, o estilo conciso e claro e a vontade de ser comprendido das “Cousas”, o relato breve transparente, de alta tensión levado por Castelao ás súas conferencias do exilio en Montevideo ás que asistira o autor de “As veas abertas de América Latina” de rapáz.

CUBA INDICA A FEIJOO QUE AS MUDANZAS FARANSE DENTRO DO SOCIALISMO

Sermos Galiza – Redacion de TSA.

“Raúl Castro deixoulle claro ao presidente da Xunta que ningunha mudanza se desenvolverá en Cuba fóra do socialismo”. O xornal Sermos Galiza resume hoxe neste titular a resposta do Goberno de Cuba á recomendación de Núñez Feijoo de seguiren o exemplo da Reforma Política española. Raúl celebrou unha reunión de cortesía con Feijoo, á marxe do programa acordado para a visita á Habana do presidente de Galiza, e a seguir departiu no seu despacho cunha delegación do Partido Comunista de España e Izquierda Unida, invitada polo Partido Comunista de Cuba. “O encontro -conta a xornal Juventud Rebelde na portada- propiciou un amplo intercambio sobre diversos asuntos de interese nacional e internacional, na coincidencia de continuar afortalando as relacións de amizade e cooperación existentes entre o Partido Comunista de Cuba, o PCE e IU”.

Sermos Galiza lembra nunha crónica asinada por M.L., as críticas de Feijoo a Touriño cando o socialista visitara Cuba como presidente da Xunta e relata que o actual presidente, na súa primeira viaxe a Cuba, “mostrou a súa vontade de establecer novos lazos comerciais coa illa, en especial convidando a empresarios galegos a investiren en Cuba. Seguir lendo CUBA INDICA A FEIJOO QUE AS MUDANZAS FARANSE DENTRO DO SOCIALISMO