A leitura de Internet lémbrame estes dias a John Kerry e o seu exemplo de Vietnam, coma país dinámico, cunha economía crecente, que escollera para nós na inauguración da embaixada estadounidense na Habana. Non dixo que nesa terra irmá, coa fortaleza cultural que supoñen miles de anos como nación antes de EUA existir, con oito veces a poboación de Cuba e a millentos quilómetros dos EUA, todos os medios de comunicación son de propiedade pública, e as regulacións sobre difusión de información por privados no Internet son moito máis restritivas que aquí. Dende fontes que non existen en Vietnam, din e calan o mesmo que Kerry sobre Vietnam.
A presidencia norteamericana di que o Bloqueo é absurdo, e ao tempo eleva a máximos históricos as multas por comerciar con Cuba. Todas as forzas comprometidas no remate do inhumano e interminábel cerco contra o povo cubano, denuncian a incoheréncia mentres os republicanos de Washington ven no dobre discurso de Obama un recurso do presidente contra a maioría do Congreso, contraria á apertura con Cuba. A Casa Branca procura mover a opinión dos grupos de presión mediante un aumento extraordinário de sancións contra empresas de todo o mundo por comerciaren con Cuba. A banca francesa BNP Paribas foi obrigada a pagar 6.500 millóns de euros a Estados Unidos por ter servido de intermediaria financeira coa administración cubana; de a pouco, o banco Crédit Agricole recibiu unha sanción de 694 millóns de euros por admitir un pago en dólares dende Cuba. O peso da Lei Helms-Burton caeu tamén sobre Banca Morgan, por unha imputación semellante e contra innúmeros provedores. Tres meses antes do histórico anuncio de 17 de nadal de 2014, o presidente estadounidense renovara a inxeréncia contra Cuba ao amparo da Lei de Comercio co Inimigo, de 1917. Obama repite de feito un esquema clásico da coerción imperial norteamericana no que obriga a convivir a reconciliación formal coa dilación, a escalada e o ultimato, como sucedeu por acaso cos criminais Bombardeos de Nadal contra Vietnam do Norte en 1972, cando xa o FNL fora invitado ao diálogo constructivo. Disparando con multas contra os grupos de capital da maioría republicana do Congreso, Obama agrava o Bloqueo e agranda o aillamento de EUA denunciado por Kerry, que presuntamente debería remediar o cambio da política para Cuba.
Terra Sen Amos-Compostela O cartaz de quince varas, iniciativa da “Francisco Villamil” con imaxes de Antonio, René, Fernando, Gerardo e Ramón, imprescindibel durante anos en concentracións e marchas, foi decorado principal da Festa Aniversario da Revolución en Compostela, adicada este ano á volta dos Cinco e ao triunfo completo da posición de Cuba.
A Xunta Directiva da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”, ven de publicar un comunicado sobre o propósito do governo de EUA de renunciar ao bloqueo que causou un quebranto económico a Cuba de máis de cen mil millóns de dólares en cinco décadas. A Directiva recorda que a defensa dos dereitos humanos nunca foi a razón do bloqueo económico e que, fracasada a política belicista, o acordo diplomático abre o camiño a un novo tempo. Asina o comunicado Valentín Alvite Gándara, presidente da “Francisco Villamil”.
Terra Sen Amos-Redacción Os cubanólogos dos EUA anunciaran o fin do socialismo cubano despois da caida do CAME (Consello de Axuda Mutua Económica) comezos dos 90. Vintecatro anos despois, non se cumpriu nin un só dos agoiros sobre Cuba daqueles analistas, acubillados nas universidades norteamericanas. Emily Morris, profesora do Instituto das Américas do University College de Londres repasa nun artigo publicado na New Left Review o completo fracaso daquelas arrogantes prediccións, malia ser Cuba o país máis afectado pola desaparición do mercado común dos paises socialistas e ter que aturar as consecuencias dun bloqueo que dura 53 anos.