Rosa Mirian Elizalde
A campaña do 15 de novembro contra Cuba fracasou. Non o di o xornal comunista Granma, senón os padriños e patrocinadores dunha marcha que non aconteceu. Reafírmao o clamoroso silenzo dos lexisladores que se benefician da industria anticubana nos EUA, como o da representante María Elvira Salazar que chegou a emitir desde a Florida máis de 20 comunicados nun día en Twitter para impulsar a revolta na Illa e 16 de novembro parou en seco para non quedar coma cronista do seu propio fracaso.
O desafío publicitario do 15N confirmou a hipótese de a conxunción dos medios e as plataformas sociais poderen crear ficcións e falsear a realidade. O que non poden facer é suplantala. Mentres tentaban enrarecer e envelenar o clima social, a illa respiraba por primeira vez por volta de dous anos da pandemia, con tres doses de vacinas en máis do 80 por cento da poboación -cativos incluídos- e fronteiras de mar por fin abertas, que nunha nación rodeada de auga é como recuperar a porta principal do comercio e o reencontro familiar.
Quen viviu esta campaña, que comezara hai dous meses para repetir as revoltas do 11 e 12 de xullo en Cuba, identificará un relato xa coñecido: o 15N era un movemento contestatario da mesma caste que os lanzados en América Latina e noutras partes do mundo vía Internet, co propósito de turrar da mocidade pendente dos seus móbiles e desconectados do socialismo cubano, para faceren desaparecer o comunismo no Caribe nun trending topic sostido.
En realidade, fume para unha típica Operación de Información do Exército dos EUA (agora chamadas Operacións Militares de Apoio de Información (MISO polas súas siglas en Inglés). Dirixidas a influír en audiencias estranxeiras para conseguir os obxectivos de política exterior de Washington, estes exercicios adoitan activar varias iniciativas en simultáneo como foi extensamente documentado en América Latina.
Desde territorio de Estados Unidos, cuxo goberno emitiu decenas de declaracións de apoio ao 15N en menos de dous meses, tentaron todo para povocar a revolución 2.0 en Cuba: guerra diplomática e simbólica; ciber-ataques con uso de robots de última xeración para replicar Twitter, ciber-tropas e virus informáticos que secuestran datos (o ramsoware Cuba, por exemplo); espionaxe dixital co rastrexo de toda a circulación aérea e naval na illa, a máis de chamados continuos á delación; propaganda e información falsa, manipulada e hiperbólica. Un concerto coreado por convocatorias a marchas en máis de 120 cidades do mundo, flotillas navais, influencers comprados e a rede da dereita transnacional a todo dar para conseguir declaracións de parlamentos e parlamentarios, acoso a embaixadas e irrupción no Vaticano, entre outras manifestacións concertadas de presión internacional contra Cuba.
Promoveron a etiqueta #15NCuba. O obxectivo era lanzar un movemento social creado en laboratorio, que quedase no imaxinario como outros referenciados polas súas etiquetas de metadados ou hashtags: #jan25 para a evolta na Praza Tahrir, de Exipto, 25 de xaneiro de 2011; #VemPraRua no Brasil, contra Dilma Rousseff; #direngezi para as protestas no parque Gezi Park de Istambul, #occupywallstreet, en Nova York, e moitos máis.
Ao carecer de imaxe que o sostivese, o “movimento #15NCuba” esvaiu en menos de 24 horas. O que non quita que o sistema de propaganda de precisión do exército dos EUA continúe a apurar súas tácticas. Mentres escribo, hai decenas de convocatorias en Internet para combater o que eles alcuman de totalitarismo cubano con ou sen disfraces de corrección política, chamando á violencia e o saqueo. Agora mesmo, desde perfís falsos en Facebook, convócase a algo tan perigoso e provocador como ir en caravana migratoria á base militar que ten os EUA en Guantánamo.
Fracasada a campaña do 15N, ninguén ten dúbidas de que apenas está a comezar unha nova forma de guerra encuberta ou de terrorismo 2.0 que só pode deseñar un Estado contra outro. Os EUA non puideron en máis de 60 anos con Cuba, e desta regresan pola apocalipse dixital. Para Washington non será pancomido, a xulgar por como lle foi nesta escaramuza.
Publicado no diario La Jornada de México e traducido ao Galego para TSA por Berta Retén.