Terra Sen Amos – Axencias
O diario The New York Times salienta esta semana que Cuba está na soleira dun avance científico sensacional: a produción a grande escala dunha singular vacina contra o Coronavirus, ideada e realizada na illa. O xornal recoñece que un alarde científico e técnico desta magnitude, debe considerarse heroico ao estar Cuba baixo un bloqueo dos EUA que, durando xa 60 anos, nunca tanto se agravara coma coas multas do goberno Trump a calquera fabricante do mundo disposto a vender equipa ou material de laboratorio aos centros de investigación da illa.
Respondendo a preguntas do NYT, científicos dos laboratorios cubanos, contan que o bloqueo non lles permitira acceder a materias primas nin a instrumental coma reactivos ou espectómetros para control de calidade.
O xornal parece celebrar que unha das catro vacinas logradas pola investigación cubana estea a piques de pasar todos os controis internacionais e situar a illa en condicións de vacinar toda a poboación e iniciar a exportación. O nome da vacina, Soberana 2, parécelle aos reporteiros estadounidenses “un chiscar de ollo ao orgullo patriótico de Cuba que resiste décadas de encarnizado asedio de parte do seu veciño do Norte”.
Richard Feinberg, cubanista da Universidade de California en San Diego, intervén na reportaxe para advertir que “para alén do fito médico e científico e do humanitarismo internacionalista de Cuba, é lícito esperar unha extraordinaria recompensa económica, amais do recoñecemento universal para a biotecnoloxía farmacéutica da illa, que verá outros mercados abrírense aos seus produtos médicos”.
O diario sitúa o lanzamento da biotecnoloxía cubana a comezos da década de 1980, e recorda que foi compromiso de Fidel, quen, como líder da Revolución, quixo dotar a Cuba de autonomía médica para protexela do terrorismo estadounidense que atrancaba a obtención de medicamentos producidos no estranxeiro. “O investimento público en saúde –engade a reportaxe- dotou a Cuba de medios para investigación e capacitación de médicos até un nivel que permite a illa compartir brigadas médicas con todo o mundo”.
O diario cifra en 5. 400 millóns de dólares os ingresos do país por servizos de saúde en 2019, o dobre do turismo, outro dos motores da economía, e sinala que a proba da capacidade cubana no sector bio-tecnolóxico está no feito de fabricar oito das 12 vacinas que administran á poboación infantil. Cuba exporta vacinas a máis de 30 países.
O artigo cita a Gail Reed, directora de MEDICC Review, que cualifica a Cuba de xigante da biotecnoloxía, e recorda a importancia da vacina para pacientes de cáncro de pulmón , que está a experimentar o Roswell Park Comprehensive Cancer Center, de Nova York. A presidenta deste centro, Candice Johnson, ironiza sobre os que din que os medicamentos de Cuba carecen de garantía, “pois é un feito probado que operan cos níveis de excelencia doutros países competidores neste campo de investigación”. Johnson dí que, sen esas condicións, non terían levado o específico cubano ao centro Roswell.
Cuba, Irán, México
Superadas con pleno éxito dúas fases, a Soberana 2 entra nun terceiro treito de probas no que vai ser administrada a máis de 150.000 persoas en Cuba e Irán, interesada na vacina; é probábel que México participe tamén nesta terceira fase.
A Soberana 2, é unha vacina de base proteiníca do Coronavirus e require tres doses administradas en intervalos de dúas semanas. A diferenza das de Moderna ou Pfizer, non precisa conxelación o que pode ser de interese para os países máis pobres que carezan de sistema de conservación a temperaturas extremas, condición que o artigo do NYT considera unha vantaxe de importancia.
O diario comenta o valor para a exportación desta vacina con tan baixo nivel de incompatibilidades e alude que podería ser administrada aos turistas en Cuba, unha circunstancia que fontes da investigación cubana supeditan ao fin principal de difundir saúde e protección. “A nosa prioridade e a saúde e calquera outro beneficio das vacinas deberá vir a maiores de termos conseguido ese obxectivo”.
A reportaxe do NYT , profusamente citada polas grandes cadeas do norte, ven ao tempo no que medios de Cuba denuncian novos actos delictivos cometidos dentro da última campaña promovida dos EUA contra a illa. A TV cubana cita testemuñas de dúas mozas da provincia de Guantánamo que recibiran subornos de axencias estatais norteamericanas para atentaren contra instalacións públicas cubanas.