Cubadebate – TSA
Rematado 2023, superamos por camiños enfestos unha montaña empolicada. Como tantas veces a longo de 65 anos, a subida foi ardua e por momentos houberamos de retroceder. Pero chegamos. Chegar é vencer, conscientes de que cada meta é un novo punto de partida. Eis o camiño do ideal socialista, como nos ensinaron Fidel e Raúl.
Celebrando o 65 aniversario da Revolución Cubana, é miña vontade facerlles chegar unha aperta agradecida por cada paso dado contra os desafíos de seis décadas de bloqueo económico e pola superación dos erros provocados pola incesante procura de saídas contra o cerco brutal.
Tan longos anos aturando o criminal peso dunha alevosa ofensiva de cercos e sancións que parece infinita na súa crueldade, fan que os atrancos parezan recrecidos, mais os revolucionarios non chegamos até este 65 aniversario para render e entregar bandeiras.
A xeración histórica que, contra os presaxios dos agoreiros da adversidade, foi quen de traer a Revolución até este día, acompáñanos aínda e transmítenos a certeza de que si se pode.
Dende a Demajagua alzada até os nosos días, o segredo da Revolución para termar fronte adversidades, é a participación popular nunha historia única de resistencia e creatividade, cun liderado firme e unha presada de principios como base.
Eis a historia que nos inspira a convidalos hoxe, en vésperas doutro Aninovo desafiante, a entrarlle ao 2024 coa paixón e alegría que precisa e merece o alto obxectivo de cambiar todo o que deba ser cambiado.
A forza de creatividade esnaquizamos cada lastro de bloqueo que nos lanzan e facémolo con plena conciencia de que ninguén o vai facer por nós.
A Revolución non é obra dun día, dun ano, nin sequera de 65 anos. É unha idea, unha vontade.
Eis a Revolución: realizábel, de ninguén en solitario e de todos nós xuntos, vencendo imposíbeis!
Patria ou Morte: venceremos!