Erea del Rio Iglesias – Habana
A historiadora cubana de ascendencia galega Maria del Carmen Barcia foi quen primeiro nos deu noticia da empresa de Urbano Feijoo, un deputado da Restauración por Matanzas que ideou en 1854 a importación de man de obra labrega da Galiza para suplantar en Cuba o traballo escravo, na altura da abolición da trata. A historiadora Barcia trouxo ao ciclo do Hispanorama Cubano organizado pola Fundación Fernando Ortiz no Colegio San Gerónimo da Habana, novos apuntes sobre a importación de escravos e escravas galegos a Cuba. O interesante programa da primeira xeira, abordou asemade a emigración peninsular e as súas causas así coma a pegada cultural que deixou en Cuba a importante transferencia de poboación.
Urbano Feijóo de Sotomayor Cejo Marquina y Montes, natural de Viana do Bolo , convenceu ao goberno de Sagasta da fabulosa utilidade dun home o muller labrego do seu país Galiza, “que trasladado a Cuba rendería o traballo de dous escravos por un prezo comparativo menor ca o dun só escravo”. A durísima realidade do contrato, ideado para a suplantación dos escravos libertos, custou a vida de 30 emigrantes aos dous meses de comezar o chamado por Feijóo “proxecto patriótico”. A indignación dos galegos e galegas exportados, deu de fronte coas cláusulas do contrato que impuñan un sistema disciplinario con castigos físicos, arrestos e privación de alimentos semellantes aos aplicados aos traballadores escravos. Moitos fuxiron a mendigaren por camiños mais foron detidos polas autoridades coloniais españolas e tratados con cadea e castigo físico por incumpriren os contratos. As denuncias de familiares en Galiza tardaron en chegar ás Cortes que aínda demoraría a supresión da empresa. Malia o escándalo, Feijóo recibiría unha importante compensación económica do Estado pola reversión do contrato. A aventura empresarial do deputado causou a morte de 167 dos 1.744 labregos de Galiza transportados a Cuba co patrocinio do goberno de Madrid.
Miguel Barnet, presidente da Fundación Fernando Ortiz, anunciou na conferencia inaugural do Hispanorama Cubano o propósito de analizar o legado hispánico a partir dun estudo de fontes hemerográficas nas que se centrará o programa do ano actual. Barnet falou da presenza de Unamuno, María Zambrano, Fernando de los Ríos ou Federico García Lorca nas letras e no pensamento cubano. O programa ide apertura incluiu un interesante traballo de antropoloxía visual en relación coas caricaturas políticas na prensa emigrante en Cuba, impartida pola Máster Suset González Roditi; Aurelio Francos Louredo presentou o seu traballo sobre estudos da Fundación Fernando Ortiz que tratan de autores da metrópole colonial e galegos en particular, aos vintesete anos de ser creada. Alén disto, alumnos e profesores do Conservatorio Guillermo Tomás interpretaron brillantemente diferentes temas musicais que evidencian a forte pegada hispánica na Illa.
O profesor Fabio Fernández Batista tratou temas relativos á metodoloxía investigativa, salientando o carácter mediado do coñecemento histórico en función das fontes consultadas. A Dra. María Luísa Pérez López de Queralta fixo mención das raíces hemerográficas e a estrutura de investigación das Ciencias da Arte, subliñando como o obxecto de arte é tamén foco de investigación.
O teatro en tempos da colonia
Carlos Padrón tratou do teatro español no período colonial desde a prensa cubana. Rememorou o acontecido no xénero dramático desde os primeiros anos da conquista, como por exemplo que os areitos dos tainos combinaban canto con danza en espectáculos nos que tiña moita importancia a maquillaxe. Referiuse á primeira mostra de teatro en Cuba, a festa do Corpus Christi, o 1 de xullo de 1550, con cantos e entremeses. E como, a partir de entón, en na Habana, Santiago de Cuba, Santa Clara e Sancti Spíritus comezaron a mesturarse as expresións coloniais ibéricas coas africanas: procesións con comparsas e sagrado con profano. Lembrou a inauguración en 1775 do Gran Teatro Coliseo por un empresario catalán e ao actor e dramaturgo Francisco Covarrubias, fundador do teatro cubano, quen colaborou activamente co actor catalán André Prieto.
Alejandro García Rodríguez impartiu unha conferencia sobre o impacto social do grupo asturiano na rexión de Cienfuegos desde 1860 a 1930. O propio nome da cidade é de orixe asturiana por ser un tributo a José Cienfuegos. Salientou a importancia do labor de Ramón María de Labra, creador do primeiro prelo de Cuba e do alumbrado público en Cienfuegos, entre outras achegas. Falou tamén de xornalistas asturianos ilustres nesta cidade e das pegadas monumentais na arquitectura: fábricas de tabaco, museos, hospitais e bibliotecas provinciais.
A profesora Dolores Guerra afondou na proxección social da Asociación de Naturais de As Pontes de García Rodríguez activos na recíproca dimensión territorial (1912-1986) e fundadores de casas-escolas rurais na Galiza como as de Santa María das Pontes, Freixo, Deveso e San Mamede. Referiuse ás actividades ás que se dedicaron á súa chegada á Habana, como pequenos comerciantes e lembrou que esta sociedade comezou a admitir mulleres como afiliadas en 1930.
O día 29 impartíronse as conferencias “Tradicións hispánicas perdidas en Cuba: o consumo regular de viño” polo Ms.C. Dúnyer e Jesús Pérez Roque, “A obra da institución Hispanocubana de Cultura” pola doutorante Alicia Conde e “Panorámica do romance hispánico en Cuba” por Yordan Arazo, director do ciclo Hispanorama Cubano .
Jesús Pérez Roque lembrou a primeira referencia ao viño en América, no relato do diario de Cristóbal Colón que conta a chegada a Santo Domingo, posteriormente mencionado nun ensaio de Humboldt e nas ordenanazas dos séculos XVI e XVII dos cabildos habaneiros, como na de Diego de Soto. Xa no século XIX aparecen en anuncios da prensa cubana, nas receitas de cociña, en diarios de viaxe. Por exemplo en “Cuba: Pluma y Lápiz”, de Adrián del Valle. Escavacións arqueolóxicas realizadas na igrexa de San Francisco de Asís e na Praza Vella ou achádegos submariños en Cayo Largo e na baía habaneira amosan tanto as formas dos recipientes como as técnicas para a súa conservación ao longo do século XVIII. Miguel Barnet apuntou que no libro “Contrapunteo cubano del tabaco y del azúcar”, de Fernando Ortiz, alúdese tamén ao viño.
Deu conta Alicia Conde da relación de Fernando Ortiz e a Hispanocubana de Cultura coas ideas de José Martí e de Miguel de Unamuno. O enorme proxecto cultural da institución fixo un esforzo para rescatar as tradicións nacionais cubanas na radio, a televisión, o cinematógrafo, o teatros, a música, a literatura e os cursos de extensión universitaria. A profesora mencionou o labor de Fernando de los Ríos no seo da Hispanocubana.
Yordan Arazo Reyes abordou catro figuras claves do romance hispánico en Cuba, cuxo punto de partida foi Domingo del Monte e o programa do día 30 de marzo pechou coa proxección da primeira parte da serie-documental “Historia dunha emigración” do escritor Santiago Prada, colaborador da Fundación Fernando Ortiz, que analizou as causas da emigración asturiana á Maior das Antillas. O documental foi rodado nos anos 90 do pasado século e o investigador declarou que se inspirou para escribir o guión na lectura da novela “Gallego” de Miguel Barnet.
Todas as conferencias foron enriquecidas cos comentarios e achegas d@s participantes, como os do presidente da Fundación Fernando Ortiz, Miguel Barnet referidos ao contributo dos emigrantes galegos e galegas á instalación da radio na Galiza, a relación estilística entre Álvaro Cunqueiro e Alejo Carpentier e a importancia de Fernando Ortiz na teoría das mentalidades e dos símbolos.