Farruco Sesto – NÓSdiario
A famosa frase América para os americanos, formulación oficial da Doutrina Monroe en decembro de 1823, nunha intervención ante o Congreso polo presidente norteamericano que lle dera nome, ven de cumprir douscentos anos. Representa unha época onde unha potencia nacente, os Estados Unidos de América (aínda en plena mocidade, mais cunha xenética imperial que anticipa seu desenvolvemento a futuro) comezaba a disputarlle, xeo-politicamente, os espazos do continente ao imperio británico, así como ás outras potencias europeas que conquistaran e colonizaran eses espazos.
Era un problema de marcaxe do territorio de caza, como no caso do depredador que lles di aos outros: este lugar é meu, está destinado para min e, en consecuencia, vostedes xa non teñen nada que facer aquí. Desta maneira, os EUA chantaban unha marca a Europa: Coidado con seguir intervindo nesta parte do mundo. A partir de agora, América será para os americanos. (Ou sexa eles)
O verdadeiro significado desa frase, de aromas coloniais e imperiais, reflíctese no tipo de relación dos EUA co resto dos países de América Latina e o Caribe durante estes douscentos anos. Unha historia terríbel e sanguenta, cuxo resultado, cando se cualifica é cuantifica, é arrepiante.
É ben coñecido. Non paga a pena facer reconto dos países invadidos, as democracias intervidas, as ditaduras impostas e alentadas, os presidentes destituídos, os líderes asasinados, os territorios anexionados (que o diga México, que perdeu a metade do seu territorio) e todos os excesos de explotación e control que as forzas imperiais norteamericanas desenvolveron nestes dous séculos contra os pobos americanos. Todo iso como consecuencia directa daquela auto-proclamada hexemonía territorial.
Ora ben, e aquí comeza a segunda parte desta análise, con que evidencia podemos afirmar que segue vixente, tal como fora exposta, a doutrina Monroe? Ao noso xuízo, así se mantivo ata mediados do século pasado, mais a partir dunha determinada situación histórica e xeopolítica, que tivo que ver co desenvolvemento da Segunda Guerra Mundial, concentrada fundamentalmente no continente europeo, o postulado de América para os americanos, comezou a sufrir unha transformación profunda, sen anular o postulado inicial, ao ampliar o seu ámbito a outro espazo, se cadra superior.
En que consiste esa transformación? Seica os EUA variaron en algo a súa posición con respecto ao espazo americano, comprendido entre o Círculo Polar Ártico e o extremo sur da Patagonia? Non, e aquí precísase ser enfático: os EUA non modificaron seu criterio de América Latina e O Caribe seren teerritorio territorio baixo a súa tutela. O gran cambio que se produce, e isto é o que lle dá esoutra dimensión aínda máis dramática a todo o asunto, é que, na reconsideración non escrita, a propia Europa desaparece como posible contendente e pasa a converterse nun novo espazo dominado ou a dominar.
Tal situación, que comezou a cociñarse ao longo do século XX, completouse e deveu evidente no que levamos do XXI. Pois se os países suramericanos conforman aínda, desde o punto de vista dos EUA, o seu famoso patio traseiro, o certo é que a vella Europa converteuse tamén noutro patio seu adicional, talvez o dianteiro, o cal parece aceptar en forma submisa.
Unha submisión que é demostrable no militar, no diplomático, no referente á política internacional e as súas directrices (por exemplo, na complicidade coas sancións a outros países do mundo) no financeiro, así como nas grandes liñas da comunicación e a cultura. E nomeadamente na renuncia implícita a proxectarse como polo libre e independente no mundo multipolar que está a nacer.
Traer a tempo presente a Doutrina Monroe, podería resumirse na frase “América e Europa para os (norte) americanos” e notar que, mentres os pobos suramericanos están en rebeldía e resistencia sempre, con rexo ánimo de loita e vitoria, os gobernos europeos decidiron aceptar, con esa singular mansedume xa descrita, o seu triste papel subordinado.