Farruco Sesto / Caracas / NÓSdiario
Cinco de marzo de 2013, faleceu Hugo Chávez. Uns meses antes recomendara que de sobrevir algunha circunstancia fortuita, designasen Nicolás Maduro como candidato a Presidencia da República. Tal como indica a Constitución para os casos de ausencia absoluta, 14 de abril tiveron lugar as eleccións nas que o pobo, seguindo aquela expresa recomendación, elixiu, efectivamente, a Maduro.
Non foi doado para o novo presidente. Dende o primeiro momento todas as forzas internas e externas contrarias á Revolución Bolivariana lanzáronse contra el. O propio Chávez advertírao con duras verbas proféticas naquel 8 de decembro: “Non faltarán os que aproveitando circunstancias difíciles, teimen na restauración do capitalismo, do neoliberalismo, para acabar coa Patria. Non, non poderán. A esta circunstancia de novas dificultades -do tamaño que fosen- a resposta de todos e de todas as patriotas, os revolucionarios (…) é unidade, loita, batalla e vitoria.! E así foi, de feito.
Trala toma de posesión de Nicolás Maduro, os EUA, apoiándose nos factores da oposición venezolana ao servizo da oligarquía nacional, lanzaron contra Venezuela unha guerra prolífica, brutal e desapiadada, centrada no obxectivo de destruír a economía e violentar o acontecer diario para desarmaren o ánimo vital do pobo Venezolano.
Desataron no país unha estratexia insurreccional de carácter neofascista, nomeadamente entre os anos 2014 e 2021. E desde o exterior, promovido polos EUA coa complicidade europea, comezou o brutal bloqueo comercial, financeiro, diplomático e comunicacional que continúa até hoxe. A historia é longa, pero abonda lembrar que a partir de 2015, o inquilino da Casa Branca renova cada ano o desavezado decreto de Obama que declarara Venezuela “ameaza insólita e extraordinaria para a seguridade dos EUA”, para manter a agresión, que inclúe, entre outros factores, un total de 927 medidas coercitivas ilegais, mal chamadas sancións, co propósito expreso de dobregar a vontade do pobo venezolano e derrubar o goberno democrático de Nicolás Maduro.
Pero as palabras de Chávez daquel 8 de decembro, non soamente foron proféticas canto ás ameazas e agresións, senón tamén na resposta de “Unidade, loita, batalla e Vitoria” do pobo venezolano. Porque durante estes dez anos, a unión do pobo organizado e a relación cívico-militar mantiveron admirábel resistencia contra a bárbara guerra de cuarta xeración que lles decretaran. Resistencia que gañara cada batalla, do xénero que fose, nos distintos escenarios, con asombrosas vitorias estruturais, até esta etapa de renacemento que agora comeza a vivir Venezuela e que é recoñecida por observadores imparciais.
Venezuela non foi derrotada. A revolución non se entregou. Os traidores e desertores non foron tantos como imaxinaba o imperio nesas circunstancias. O pobo resistiu. E a confianza nun futuro de prosperidade, en soberanía, e co poder do pobo intacto, comeza a despexar nubes agoreiras.
Todo isto conforma a paisaxe política da Venezuela que, en conmemoración dos dez anos da partida física do comandante, ven de celebrar o primeiro Encontro Mundial de Vixencia do Pensamento Bolivariano do Comandante Chávez no Século XXI, con representantes de 55 países, no marco do cume de presidentes do ALBA-TPC, a reunión dos movementos sociais do ALBA, un novo encontro internacional de intelectuais e artistas en defensa da humanidade, con foros e debates, un magno concerto de cantautores, acompañados da Orquestra Filarmónica nacional. Todo isto a maiores dos actos conmemorativos específicos, tanto no gran teatro Teresa Carreño como no lugar onde descansa o Comandante, con presenza de invitados da talla de Evo Morales, Rafael Correa e Raúl Castro. Igualmente recibindo mensaxes de todas partes do mundo.
A nota sobranceira é a actitude dun pobo bolivariano que xa non rememora a Chávez con tristeza, senón que o fai cunha inusitada alegría combativa. Un pobo que asume a presenza do seu comandante en cada minuto da vida e en cada escenario de loita. “Chávez non son eu; Chávez é un pobo” dixera o líder da revolución. E hoxe a xente corea cun sentimento impresionante: Chávez non morreu, multiplicouse. Aquí ninguén fala de Chávez en pasado.