Arquivos da categoría Novas

Categoría onde van as novas

O que non se di sobre as vacinas cubanas

Karima Oliva Bello – La Pupila Insomne

A xornalista Karima Oliva explica o contexto socialista propicio para un decisivo paso da Revolución Cubana na provisión de saúde: o recente anuncio da fabricación de 100 millóns de doses da avanzada vacina Soberana 2, producida nos laboratorios de Cuba contra a Covid19. Mentres a UE dos 27 non pode executar seu programa de vacinas a causa da batalla polo máximo beneficio privado dos laboratorios ingleses e norteamericanos, a pequena Cuba bloqueada por sucesivas presidencias dos EUA dende hai 60 anos e estorbada por multas hipócritas de Bruxelas, dá exemplo de transparencia a hora de ofrecer ao mundo o resultado brillante dos seus laboratorios. De feito, Cuba sitiada é o único país do mundo que contará con vacina propia elaborada con recursos e financiamento estatais ao 100%. A investigación cubana prepara catro candidatas a vacina para a Covid19. Dúas delas, a Soberana 1 e  a Soberana 2, proceden dos laboratorios do Instituto Finlay do Estado Cubano, nos que a maioría da equipa de investigación está composta por mulleres.

Na elaboración das vacinas cubanas participan todos os medios da sociedade socialista. A información censurada do capitalismo neoliberal non pode negar a transparencia e o éxito dos laboratorios estatais de Cuba.

1. Termos unha vacina nosa que vai ser aplicada de balde a cada cubana e cubano, é un feito importantísimo nun mundo onde non vai haber vacinas para todos e no que moitas persoas levan trazas de ficar varadas e soas fronte ao risco de contaxio. Protéxenos o Estado Cubano no medio dun panorama neoliberal onde  morreran de a pouco 51 seres humanos abandonados  polo seu Estado, nun país no que o presidente pode dicir con impunidade que “o feito de morreren vellos e doentes é lei de vida”.  Un presidente que só por ser badoco esbardalla o que moitos coñecen e calan por prudencia. Dentro do sistema capitalista, a morte dos excluídos convén, ou, polo menos, non importa ao goberno porque grazas a deus representa menos gasto público. Se puidermos saber a escala global cantas desas mortes poderían terse evitado nunha situación diferente dos sistemas de saúde, empobrecidos pola onda privatizadora e os recortes de orzamento, mesmo nalgunhas nacións poderosas, non durmiriamos tranquilos. Pero a noticia é outra: os grandes medios que amplifican propaganda contra Cuba, non farán estas análises, nin darán conta da vacina cubana.

2. Que Cuba teña soberanía e desenvolvemento científico abondo  para fabricar a súa propia vacina, e non dependa de empresas farmacéuticas feroces nun contexto capitalista rexido polo mercado, no cal a saúde humana é un dos obxectos de lucro e mercantilización fundamentais.

3. A vacina, como tantos outros fármacos, é expresión dos pasos decisivos dados nun campo científico deseñado para funcionar organicamente, integrado nunha economía socialista segundo un modelo positivo, intelixente e innovador que conxuga ciencia e empresa.

4. Pero non salientamos só a fortaleza científica, herdeira en moitos sentidos da visión de Fidel sobre o papel que a ciencia debía xogar na nosa sociedade. Estamos ante unha fortaleza política. A fortaleza dun sistema que sempre pon a vida no centro. Ante quen pregoa o fracaso do socialismo, puidésemos pensar se non é xustamente por estes éxitos e a súa potencia (a pesar de tantos ataques externos e a falla de recursos) que o socialismo se converte, para o statu quo neoliberal, nunha ameaza que debe ser borrada do mapa e da historia para que na memoria colectiva non fiquen nin rastros dela e para, deste xeito, ter o capital as mans libres para asoballarnos.

5. Por último, e non menos importante: a vacina Soberana expresa a ética, a vocación humanista e a calidade profesional de grupos de investigadores e investigadoras non só expertos na súa rama senón admirabelmente formados no compromiso e a responsabilidade coa saúde humana, entendida como ben común.

Unificación monetaria, nova escala de ingresos, eliminación de gratuidades inxustas e posta en valor do traballo, propostas para 2021

Adelante.cu

Duarte Correa – Nós Diário

O ano 2021 vai ser ano de importantes acontecementos en Cuba, no mes de abril desenvolverase o VIII Congreso do Partido Comunista Cubano e co inicio do ano puxéronse en marcha reformas no ámbito económico que introducen novidades. Desas reformas, presentadas baixo a denominación Tarefa de Ordenamento, semella o máis salientábel a unificación monetaria, coa desaparición do CUC e a redución do valor de cambio do peso cubano fronte ao dólar, pero hai moito máis.

A “Tarefa de Ordenamento” contén unha reforma integral de ingresos e a eliminación gradual dalgúns subsidios e gratuidades considerados contraproducentes ou inxustos. Son cambios importantes que como é lóxico crean preocupación na poboación, preocupación á que respondeu hai uns días o presidente Díaz-Canel, deixando claro que se fará un seguimento constante dos pasos dados e que ninguén se verá desamparado, pois “…na Cuba Socialista xamais se empregarán terapias de choque contra o pobo…”.

Estas medidas responden ao aprobado nos dous congresos anteriores do Partido Comunista, e teñen por obxectivo conseguir unha economía máis dinámica e cun mellor funcionamento das estruturas de produción, para gañar en eficiencia e produtividade.

A Covid-19 impediume visitar de novo Cuba e observar directamente unha realidade moi distinta á que coñecín no período especial, pero a observación desde a distancia lévame a seguir considerando a experiencia cubana como un exemplo para quen loitamos por construír unha sociedade máis xusta. Nin idealizo Cuba nin miro cara a outro lado diante dos moitos problemas existentes e erros cometidos, pero poño en valor o que significa a existencia dun país pequeno e pobre que busca construír o seu propio camiño, na rexión máis desigual do planeta e a poucos quilómetros dos EUA.

Nos últimos meses teño lido e escoitado a algúns que botan as mans á cabeza, agoirando o final e empregando incluso palabras grosas como traizón ao espírito da revolución. Non é estraño que a maioría desas voces veñan de xente que vive comodamente en Europa, maiormente en atalaias ou grupos sen apenas traballo social, non vaia ser que o contacto coa realidade lles desfaga as súas teorías.

O ano 2020 foi un ano duro para o pobo cubano: aos efectos do criminal bloqueo sumouse a redución do apoio dunha Venezuela tamén agredida polos EUA, e houberan de dedicar inxentes cantidades de recursos á loita contra a Covid, loita na que están sendo moito máis efectivos que a maioría dos países desenvolvidos. Ademais a inxerencia externa intensificouse, sendo as protestas do mes de novembro do Movemento San Isidro só un elemento visíbel das moitas operacións encubertas financiadas por diversas axencias norteamericanas.

Diante desta situación podían ter decidido atrasar a aplicación das reformas, decisión facilmente explicábel e entendíbel. Pero seguiron adiante, conscientes de as dificultades poder aumentar, ao manter determinadas inercias moi contraproducentes que deben ser superadas.

Un dos principais temas que está na orixe das medidas económicas, e leva sendo obxecto de debate hai moito tempo, é a necesidade de pór o traballo en valor e desterrar unha perversión disfrazada de teoría marxista que considera igualdade sinónimo de igualitarismo, e trata a quen se esforza por realizar do mellor xeito posíbel a función encomendada igual ca aqueles que coa súa pasividade son unha rémora para o sistema. Un tema complexo, tendo en conta a figura do Estado protector e a confusión existente entre igualdade e equidade, pero básico no aspecto ideolóxico; e un tema estratéxico para a economía pois só co seu avance poden ser melloradas as condicións de vida, garantido os dereitos e as importantes conquistas da revolución.

Fracasan as 240 medidas de Trump contra o pobo e o goberno de Cuba

Terra Sen Amos – Redación

Entre 2017 e a primeira semana de 2021, o goberno de Washington multiplicou as medidas de Bloqueo contra Cuba, co propósito  declarado de incitar a revolta da illa contra o seu propio goberno. A infame campaña causa perdas por máis de 5.000 millóns de dólares. Recordaba onte o chanceler de Cuba, Bruno Rodríguez Parrilla, que as 240 medidas procuraban borrar o pouco que se adiantara na normalización de relacións bilaterais, iniciada por Obama, ao tempo que intensificaba difamación e aldraxes divulgados a cotío pola megafonía imperial na que meteran máis de 50 millóns de dólares. O ramo desta desigual guerra sería a inclusión de Cuba na lista de estados promotores do terrorismo, nas horas finais de Trump na Casa Branca, mentres o Congreso dos EUA prepara  seu procesamento por intento de golpe de estado.

2017

    8 de xuño. A Oficina de Control de Activos Estranxeiros do Departamento do Tesouro (OFAC) sancionou á compañía American Fonda Finance Corporation, por un valor de 87. 255 $ por 13 acordos de arrendamento de autos entre a embaixada de Cuba no Canadá e un concesionario de Fonda en Ottawa.

    16 de xuño. Trump derroga os acordos de Obama con Cuba.

    26 de xuño. A OFAC sanciona a compañía estadounidense American Internacional Group por un valor de 148 698 $ por prover de cobertura de seguro a varios envíos de mercadorías cara a ou desde Cuba.

    3 de outubro. Expulsión de 15 funcionarios da Embaixada de Cuba en Washington.

    8 de setembro. Donald Trump estende por un ano a aplicación das sancións económicas baixo o marco establecido na Lei de Comercio co Inimigo.

    26 de setembro. A OFAC prohibe unha doazón a unha ONG  en Cuba por o barco que transportaba a carga pertencer á compañía estadounidense Norwegian Cruise Line Holdings Ltd.

    29 de setembro. Suspensión da emisión de visas no consulado dos EUA na Habana.

    8 de novembro. O Departamento de Estado anuncia a creación da Lista de Entidades Cubanas Restrinxidas, na que inclúe 179 empresas cubanas coas que sancionarán transaccións financeiras directas.

   A OFAC elimina as viaxes educativas individuais «pobo a pobo» entre EUA e Cuba.

    O Buró de Industria e Seguridade (BIS) estableceu a denegación de solicitudes de licenzas para artigos de exportación que poidan ser usadas por entidades e sub-entidades na Lista de Entidades Cubanas Restrinxidas.

    17 de novembro. A OFAC sanciona por 291 825 $ á compañía belga bcc Corporate s.a, por vender tarxetas de crédito que foran utilizadas para realizar compras en Cuba.

2018

    22 de febreiro.  Proclama Presidencial para estender o estado de Emerxencia Nacional até 2019 e regular o movemento e o fondeo das embarcacións que, dentro das súas augas territoriais, vaian viaxar ou pretendan viaxar a Cuba.

    10 de setembro. Trump estende por un ano a aplicación das sancións económicas a Cuba baixo o marco legal establecido na Lei de Comercio co Inimigo.

    5 de outubro. A OFAC impuxo unha sanción de 5. 263 .171 $ á entidade bancaria j.p. Morgan Chase por realizar transaccións e prestar servizos non autorizados a clientes incluídos na Lista de Persoas Especialmente Designadas e Bloqueadas entre 2008 e 2012.

    15 de novembro. O Departamento de Estado actualizou a Lista de Entidades Cubanas Restrinxidas, a partir da incorporación de 27 novas empresas, para un total de 206.

    19 de novembro. A entidade bancario-financeira Société Générale s.a., con sede en Francia, acordou un pago total de 1.340. 231. 916,05 $ á OFAC por procesar 796 transaccións con Cuba.

2019

    16 de xaneiro. O Departamento de Estado anuncia a suspensión por 45 días do Título III da Lei Helms-Burton, a partir de febreiro, para, nese prazo, estudar en detalle a opción de aplicar o Capítulo III.

    14 de febreiro. A OFAC sanciona por 5. 512. 564 dólares á empresa AppliChem GmbH, con sede en Alemaña, por 304 presuntas  violacións das Regulacións para o Control de Activos Cubanos.

    11 de marzo. O Departamento de Estado pon ao dia a Lista de Entidades Cubanas Restrinxidas, coa incorporación de cinco novas subentidades (Gaivota Hoteis Cuba, Hoteis Habaguanex, Hoteis Praia Gaivota, Mariñas Gaivota Cuba e Festa Club Adults Only). Con iso suman 211 entidades.

    5 de abril. A OFAC inclúe na súa lista de sancionados a 34 embarcacións propiedades da petroleira venezolana PDVSA, así como a outras dúas compañías estranxeiras (Ballito Shipping Incorporated e ProPer In Management Incorporated), alegando que prestaban servizos a Caracas para o envío de petróleo a Cuba.

    8 de abril. A administración de Trump cancela o acordo asinado en xaneiro entre as Grandes Ligas do Béisbol (MLB) e a federación cubana deste deporte, que permitiría a xogadores da Illa intervir nese nivel deportivo.

    9 de abril. A OFAC sanciona a Standard Chartered Bank, entidade do sector bancario-financeiro con sede en Inglaterra, ante presuntas violacións das Regulacións para o Control de Activos Cubanos.

    11 de abril. A OFAC multa ás compañías inglesas Acteon Group Ltd. e 2h Offshore, polo monto de 227.500 e 213.866 $, respectivamente.

    12 de abril. A OFAC sanciona catro empresas que operaban no sector petroleiro de Venezuela e a nove buques que transportaban petróleo algúns algúns deles, ppresuntamente, a Cuba.

    15 de abril. A OFAC sanciona a UniCredit Bank Austria e á italiana UniCredit Bank SPA.

    17 de abril. O secretario de Estado (ministro de relacións exteriores) Pompeo, anuncia a activación total do Título III da Lei Helms-Burton, a partir do 2 de maio de 2019.

    24 de abril. O Departamento de Estado amplía a Lista de Entidades Cubanas Restrinxidas, mediante a inclusión de cinco novas empresas,o que leva o total a 216.

    4 de xuño. A OFAC anunciou que vai denegar licenzas para as viaxes de transporte de pasaxeiros (cruceiros), as embarcacións recreativas e as aeronaves privadas a Cuba.

    A OFAC establece para os viaxeiros estadounidenses que cheguen a Cuba baixo calquera das 12 categorías, non poidan realizar transaccións financeiras directas con empresas incluídas na Lista de Entidades Cubanas Restrinxidas.

    13 de xuño.  A OFAC sanciona ás compañías estadounidenses Expedia Group Inc, Hotelbeds usa Inc e Cubasphere Inc. por presuntas violacións das Regulacións para o Control de Activos Cubanos.

    3 de xullo. O Departamento do Tesouro mete a empresa Cubametales na Lista de Nacionais Especialmente Designados (SDN).

    20 de xuño. O Departamento de Estado decreta a inclusión de Cuba  na peor categoría (nivel tres) nun informe sobre trata de persoas.

    25 de xullo. O Departamento de Estado incluíu a dúas novas institucións na Lista de Entidades Cubanas Restrinxidas, para un total de 218.

    6 de setembro. A OFAC limita a 1.000 $ por trimestre ás remesas familiares e suspende as remesas de doazón (non familiares), así como as transferencias relacionadas con Cuba que teñan a súa orixe e destino fóra de EE. UU.

    13 de setembro. Trump prorrogou por un ano a vixencia da Lei de Comercio co Inimigo para Cuba.

    17 de setembro. A OFAC incorpora a Lista de Nacionais Especialmente Designados (SDN)  a tres individuos (dous de nacionalidade colombiana e un italiana) e 17 compañías (12 baseadas en Colombia, catro en Panamá e unha en Italia), ao alegar que participaran no transporte de petróleo a Cuba.

    19 de setembro. Expulsión de dous funcionarios da misión cubana na ONU.

    26 de setembro. Inclusión do Xeneral de Exército Raúl Castro e a súa familia na lista de sancionados.

    30 de setembro. Restricións de visa a funcionarios cubanos asociados a programas de cooperación médica internacional, baixo a Sección 212 (a)(3)(c) da Lei de Inmigración e Nacionalidade.

    1ro. de outubro. A OFAC multa con 2.718. 581 dólares á compañía General Electric, por 289 aparentes violacións das Regulacións para o Control de Activos Cubanos.

    18 de outubro.  O Buró de Industrias e Seguridade (BIS) anuncia novas emendas ás Regulacións para a Administración de Exportacións e unha política xeral de denegación de licenzas para o arrendamento de aeronaves a compañías aéreas de Cuba.

    O BIS intervén contra a reexportación a Cuba de artigos estranxeiros que conteñan máis dun 10 % de compoñentes estadounidenses.

    O BIS revisa a Excepción de Licenza para Apoio ao Pobo Cubano co obxectivo de evitar doazóns ao goberno de Cuba e ao Partido Comunista.

    O BIS limita a exportación de bens destinados a mellorar a infraestrutura de telecomunicacións a aqueles que faciliten a liberdade de información entre o pobo cubano.

    25 de outubro. O Departamento de Transporte suspende todos os voos de aerolíneas estadounidenses desde EUA a Cuba, con excepción dos dirixidos ao aeroporto internacional José Martí, da Habana.

    15 de novembro. Meten cinco novas entidades cubanas na lista de  Entidades Cubanas Restrinxidas, o que leva o total a 223.

    26 de novembro. A OFAC anuncia a inclusión da empresa Corporación Panamericana s. a. na Lista de Nacionais Especialmente Designados.

    3 de decembro. A OFAC incorpora seis buques (un de bandeira panameña e o resto venezolana) na SDN por levaren petróleo a Cuba.

    9 de decembro A OFAC recibe de Allianz Global Risks us Insurance Company, con sede en Chicago, 170. 535 $ por un acordo que evita sanción maior imputada por  trato con Cuba.

    A OFAC anuncia que a Chubb Limited, con sede en Suíza, pagará  66.212 $, por realizar transaccións e outras operacións relacionadas cos seguros de viaxes a Cuba.

    20 de decembro. Inclusión de Cuba nunha Lista Especial de Vixilancia, en virtude da Lei de Liberdade Relixiosa Internacional, de 1998.

    31 de decembro. A Confederación de Béisbol Profesional do Caribe (CBPC) informou á Federación Cubana de Béisbol que non poderá garantir a presenza de Cuba na Serie do Caribe, tras ceder a presións dos EUA.

2020

    2 de xaneiro. Incorporan ao ministro das FAR, xeneral de corpo de Exército, Leopoldo Cintra Frías, a lista de sancionados.

    10 de xaneiro. O Departamento do Transporte suspende os voos de contrata entre EUA e Cuba, excepto os dirixidos ao aeroporto internacional José Martí, da Habana.

    26 de febreiro. Prohiben a estadounidense Western Union, que elimina a posibilidade de enviar remesas a Cuba desde terceiros países.

    6 de maio. A OFAC anuncia un arranxo de 257. 862 $, para evitar un preito civil, coa entidade Biomin America, debido a aparentes violacións das Regulacións para o Control de Activos Cubanos.

    13 de maio. Notificación do Departamento de Estado ao Congreso estadounidense sobre certificación de Cuba baixo a Sección 40A de a Lei de Control de Exportación de Armas, como país que «non coopera plenamente» cos esforzos antiterroristas dos EUA.

    3 de xuño. O Departamento de Estado anunciou a inclusión de sete entidades na Lista de Entidades Cubanas Restrinxidas, entre elas a compañía Fincimex.

    5 de xuño. O Departamento do Tesouro denega a renovación da licenza que permitía a Marriott International operar un hotel en Cuba, á vez que prohibe á compañía desenvolver futuros negocios no país.

    8 de xullo. A OFAC acorda o pago de 134 523 dólares para evitar un preito civil coa compañía estadounidense Amazon Inc, por aceptar e procesar pedidos nos seus sitios web, para persoas situadas ou empregadas por misións estranxeiras de Cuba.

    Inclusión de Cuba en listaxe de adversarios estranxeiros, supostamente involucrados en condutas adversas para a seguridade nacional doas EUA.

    6 de agosto. Inclusión de Cuba no Nivel 4 do Sistema de Alerta de Viaxes do Departamento de Estado.

    13 de agosto. O Departamento do Transporte anuncia a suspensión de todos os voos chárter privados entre ese país e Cuba, excepto os autorizados á Habana agás os considerados de interese para os EUA. 

    9 de setembro. Trump estende por un ano máis as restricións do bloqueo contra Cuba baixo a Lei de Comercio co Inimigo.

    24 de setembro. Publicación da Lista de Aloxamentos Prohibidos en Cuba, nas que se incorporan entidades baixo a propiedade ou o control do goberno, dun funcionario do goberno, dun membro do Partido Comunista, ou dos familiares próximos destes.

    Restrinxen a importación aos EUA de produtos de alcol e tabaco de orixe cubana.

    Anulan a autorización a persoas suxeitas á xurisdición estadounidense a asistir ou organizar reunións ou conferencias profesionais en Cuba.

    Eliminan a autorización mediante licenza xeral para as transaccións relacionadas con actuacións públicas, clínicas, talleres, competicións deportivas e doutro tipo e exposicións.

    28 de setembro. Amplían a Lista de Entidades Cubanas Restrinxidas,  do Departamento de Estado, mediante a adición de American International Services (AIS) o que eleva o total a 230 entidades.

    30 de setembro. A OFAC mete a Luís Alberto Rodríguez López-Calleja na Lista de Nacionais Especialmente Designados. Coa inclusión suman 112 as entradas relacionadas con Cuba na referida listaxe.

1 de outubro. A OFAC fixo público un acordo para evitar un preito civil coa empresa de servizos de viaxe rexistrada en Nova York, Generali Global Assistance, Inc (GGA). O monto a pagar pola entidade foi de 5. 864. 860 $.

    Trump estende por un ano as restricións de outorgar fondos federais para intercambios culturais e educacionais con Cuba.

    23 de outubro. A  OFAC impide a persoas suxeitas á xurisdición doas EUA procesaren remesas con Cuba que comprometan empresas da Lista de Entidades Cubanas Restrinxidas do Departamento de Estado. En virtude destes cambios, quedarían imposibilitados os envíos a través de Fincimex e AIS.

    18 de novembro. O Departamento de Transporte denega a solicitude dos contratistas de transporte aéreo Skyway Enterprises, Inc. e IBC para levaren carga humanitaria a Cuba.

    7 de decembro. Mantemento na Lista Especial de Vixilancia en virtude da Lei de Liberdade Relixiosa Internacional, segundo a cal o Secretario de Estado designa anualmente aos gobernos que participaron ou toleran violacións sistemáticas da liberdade relixiosa.

    21 de decembro. A OFAC mete na Lista de Nacionais Especialmente Designados ás entidades Fincimex, Gaesa e Kave Coffee.

    31 de decembro. A OFAC sanciona á compañía estadounidense BitGo.

    Entre 2019 e 2020, Cuba é obxecto de bloqueo masivo e ilegal de parte do goberno dos EUA , con perdas calculadas en máis de 5.000 millóns de dólares. A administración de Trump tamén puxo máis de 50 millóns de dólares en financiar a subversión en Cuba, e creou un comando especial en internet con igual obxectivo.

2021

1 de xaneiro. O Departamento de Estado mete o Banco Financeiro Internacional na Lista de Entidades Cubanas Restrinxidas.

    11 de xaneiro. Inclusión de Cuba na Lista de Estados Patrocinadores do Terrorismo.

    14 de xaneiro. Inclusión de Cuba na lista de Adversarios Estranxeiros do Departamento de Comercio, en virtude dunha orde executiva asinada polo presidente.

    O Departamento do Comercio de EE. UU. anuncia novas medidas contra a exportación de tecnoloxías e actividades específicas que poidan servir á intelixencia militar en China, Cuba, Rusia, Venezuela e outros países que no seu criterio apoian o terrorismo e están suxeitos a medidas unilaterais dos EUA.

    O goberno de Washington modifica o regulamento das exportacións co obxectivo de prohibir certas transaccións que expoñan un risco indebido ou inaceptable para a seguridade nacional dos EUA en materia de tecnoloxía da información e a comunicación.

    15 de xaneiro.  A OFAC dá  conta da inclusión do Ministerio do Interior de Cuba e do ministro, xeneral de brigada Lázaro Alberto Álvarez Casas, na Lista de Nacionais Especialmente Designados.

 

É Cuba quen pode reclamar por terrorismo ao goberno de Washington

Comunicado difundido pola Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil,  a pouco de a secretaria de Estado dos EUA anunciar que incluía outravolta a Cuba na lista de Estados Promotores do Terrorismo, unha decisión que foi condenada por voces solidarias de todo o mundo.

Cualificar a Cuba de Estado Promotor do Terrorismo, como ven de anunciar o governo en despedida de Trump, é, en si mesmo, un acto terrorista dunha presidencia violenta e fracasada, contra un país ao que sucesivos gobernos da Casa Branca impón o infame castigo colectivo do bloqueo, medida prohibida pola ONU e expresamente  condenada nos Acordos de Xenebra.

É Cuba quen pode reclamar por terrorismo ao goberno de Washington por ter sido obxecto de atentados e violencia organizada por terra, mar e aire de parte de doce presidentes dos EUA.  Cuba ten memoria viva das accións violentas contra persoas e patrimonio de seu organizadas polo imperio e da protección que sucesivos presidentes estadounidenses aseguraron aos criminais executores. Accións terroristas que tomaron por veces forma de guerra biolóxica, de secuestro de persoas ou de ataques con arma de repetición, coma o lanzado 30 de abril pasado contra a Embaixada de Cuba en Washington, sobre o que a Casa Branca non ten nada que comentar.

Lembremos que o uso da violencia contra Cuba foi repetidamente defendido coma recurso necesario para corrixir o que a dirección imperial consideraba na súa arrogancia un extravio da democracia.. O imperio dá leccións pero recusa verse no espello da súa violencia contra o mundo e, desde o pasado dia 7, contra o seu Templo da Lei, o Capitolio, nun ataque terrorista lanzado polo  mesmo presidente.Donald Trump.

A Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil  recusa esta abusiva reinclusión de Cuba na comisaría imperial contra o terrorismo de parte dun presidente que parece querer vingarse do seu propio procesamento por terrorismo, iniciado cando mal lle queda unha semana no cargo,

Vergoña para un goberno imperial delincuente que ousa acusar a Cuba de terrorismo!

Respecto para Cuba!

Viva Cuba independente e socialista!

Luis González “O Ferreiro”, amigo de Cuba

Luis O Ferreiro, nun fotograma do documental biográfico realizado polos seus compañeiros do Partido Comunista Roi Cagiao e Fernando Llor, que fora estreado en Vigo en setembro de 2010.

TSA – Redacción

Luís González López O Ferreiro (Barreiros, Vila de Cruces 02,08,39 – Vigo, 09.01.2021) foi un militante comunista amigo de Cuba que participou na solidariedade coa Revolución durante a súa longa vida de traballo. A Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, recórdao coma un imprescindíbel voluntario para aparellar envíos básicos a Cuba por mar desde Galiza, nos anos en que a escaseza de medicamentos e aveños clínicos facía do Bloqueo un castigo colectivo crítico para a poboación da illa heroica. Sempre discreto e omnipresente, cunha lista na man, O Ferreiro procesaba a secuencia de carga, aquelaba as eslingas dun autobús a piques de voar sobre a cuberta dun mercante, arrumaba unha delicada equipa de hemodiálise ou acenaba para dar conta do recado en suspensión sobre o convés. Asistir a Cuba era vivir coa Revolución.

Rematada a súa longa vida de traballo en Franza e Galiza, O Ferreiro foi voluntario en cooperativas de Cuba.  A solidariedade recorda a firmeza do seu compromiso e a xenerosidade e paixón da entrega, só comparábel ao exemplo humilde e capáz do seu traballo, consciente do vital de transmitir forza a Revolución e desprendido até a invisibilidade do esforzo persoal entregado. Reproducimos a semblanza publicada onte por Xesús Alonso Montero.

A exemplaridade dun home do común

Xesús Alonso Montero – La Voz de Galicia

Acaba de morrer un grande, un ser humano adornado das mellores virtudes. Eu nunca souben doutro mellor nos 50 anos que tivemos de trato fraterno. Non era un científico, nin un artista plástico, nin un escritor celebrado, nin un home público que saíse nos xornais… Era un home do común. Manuel Rivas,o gran narrador Manuel Rivas, acaba de publicar un conto maxistral e comovedor sobre a vida de quen, cun pouco de escola primaria, xa traballaba de canteiro no Courel aos 15 anos, e, con 17, nunha mina do sur de Francia, país onde os ventos cantaban cancións que el nunca oira no noso. Alí coñece a Pilar García Jiiménez, filla dun exiliado andaluz comunista , casan e teñen dous fillos: Katia (o nome da protagonista dunha novela soviética)  e Rubén (o dun capitán que morreu ás portas de Stalingrado, fillo de Dolores Ibárruri Pasionaria).

Porque Luis Ferreiro, militaba sempre, tanto que, cando faleceu Pilar, a súa loitadora compañeira, as cinzas dela foron esparexidas por el en tres lugares moi especiais: un monte da periferia de Vigo onde, ás veces, o comité local de Comisións Obreiras celebraba xuntanzas clandestinas, na terra andaluza das súas raíces e nun lugar emblemático de Cuba, que se chama Sierra Maestra.

No relato de Manuel Rivas relaciónase, nun alarde literario, a vida do traballador adolescente cun feito que lle acaecéu na Coruña do 5 ao 8 de abril de 1969: nesas 72 horas, na comisaría de policía, a súa carne de home de 30 anos foi obxecto de práticas que os mesmos interrogadores cualificaron, nun documento oficial (publicado) de exhaustivos interrogatorios. Pero Luís saíu vitorioso desa infame proba: non cantóu, e,  polo tanto, os protagoniistas da infamia nunca chegaron saber onde estaba a multicopista do Partido, da que Luis era responsable (tampouco o souberon por Lisardo, irmán seu, caído na mesma redada) Eran homes de ferro.

Os interrogadores (eufemismo) nin sequera sospeitaban que quen, naquel cruel abril, non cantou,era amigo de cantar e posuía unha voz de tenor excelente onde puña a tenrura e a bondade do seu espírito; tamén era festeiro, bailarín, paroleiro cos amigos e moi convincente, por persuasivo, cos adversarios. Non sei de ninguén que, fóra dos seus correlixionarios, tivese tantos amigos ou admiradores.

Hai dous anos, no Ribeiro, compuxo uns versos para unha suposta Dulcinea da comarca, cantounos cunha melodía tradicional e aínda hoxe algúns asistentes pregúntanme se aqueles versos, dignos do mellor fistor, eran seus, e se a súa voz, prodixiosa, era sempre así. Oíndoo cantar aquel improvisado madrigal, abrollaban nos seus versos e no  seu xeito musical, a bondade e o humanismo cálido que a cotío transmitía nas súas conversas e nos seus encontros. Era para todos un compañeiro que sempre repartía, como quen non quere a cousa, o pan e o compango da vida. Unha das súas paixóns era recitar El niño yuntero de Miguel Hernández, que poucas veces finalizaba porque na segunda ou terceira estrofa llo impedían as bágoas.

Luis, amigo e camarada, Hasta la victoria siempre!