Karima Oliva Bello – La Pupila Insomne
A xornalista Karima Oliva explica o contexto socialista propicio para un decisivo paso da Revolución Cubana na provisión de saúde: o recente anuncio da fabricación de 100 millóns de doses da avanzada vacina Soberana 2, producida nos laboratorios de Cuba contra a Covid19. Mentres a UE dos 27 non pode executar seu programa de vacinas a causa da batalla polo máximo beneficio privado dos laboratorios ingleses e norteamericanos, a pequena Cuba bloqueada por sucesivas presidencias dos EUA dende hai 60 anos e estorbada por multas hipócritas de Bruxelas, dá exemplo de transparencia a hora de ofrecer ao mundo o resultado brillante dos seus laboratorios. De feito, Cuba sitiada é o único país do mundo que contará con vacina propia elaborada con recursos e financiamento estatais ao 100%. A investigación cubana prepara catro candidatas a vacina para a Covid19. Dúas delas, a Soberana 1 e a Soberana 2, proceden dos laboratorios do Instituto Finlay do Estado Cubano, nos que a maioría da equipa de investigación está composta por mulleres.
1. Termos unha vacina nosa que vai ser aplicada de balde a cada cubana e cubano, é un feito importantísimo nun mundo onde non vai haber vacinas para todos e no que moitas persoas levan trazas de ficar varadas e soas fronte ao risco de contaxio. Protéxenos o Estado Cubano no medio dun panorama neoliberal onde morreran de a pouco 51 seres humanos abandonados polo seu Estado, nun país no que o presidente pode dicir con impunidade que “o feito de morreren vellos e doentes é lei de vida”. Un presidente que só por ser badoco esbardalla o que moitos coñecen e calan por prudencia. Dentro do sistema capitalista, a morte dos excluídos convén, ou, polo menos, non importa ao goberno porque grazas a deus representa menos gasto público. Se puidermos saber a escala global cantas desas mortes poderían terse evitado nunha situación diferente dos sistemas de saúde, empobrecidos pola onda privatizadora e os recortes de orzamento, mesmo nalgunhas nacións poderosas, non durmiriamos tranquilos. Pero a noticia é outra: os grandes medios que amplifican propaganda contra Cuba, non farán estas análises, nin darán conta da vacina cubana.
2. Que Cuba teña soberanía e desenvolvemento científico abondo para fabricar a súa propia vacina, e non dependa de empresas farmacéuticas feroces nun contexto capitalista rexido polo mercado, no cal a saúde humana é un dos obxectos de lucro e mercantilización fundamentais.
3. A vacina, como tantos outros fármacos, é expresión dos pasos decisivos dados nun campo científico deseñado para funcionar organicamente, integrado nunha economía socialista segundo un modelo positivo, intelixente e innovador que conxuga ciencia e empresa.
4. Pero non salientamos só a fortaleza científica, herdeira en moitos sentidos da visión de Fidel sobre o papel que a ciencia debía xogar na nosa sociedade. Estamos ante unha fortaleza política. A fortaleza dun sistema que sempre pon a vida no centro. Ante quen pregoa o fracaso do socialismo, puidésemos pensar se non é xustamente por estes éxitos e a súa potencia (a pesar de tantos ataques externos e a falla de recursos) que o socialismo se converte, para o statu quo neoliberal, nunha ameaza que debe ser borrada do mapa e da historia para que na memoria colectiva non fiquen nin rastros dela e para, deste xeito, ter o capital as mans libres para asoballarnos.
5. Por último, e non menos importante: a vacina Soberana expresa a ética, a vocación humanista e a calidade profesional de grupos de investigadores e investigadoras non só expertos na súa rama senón admirabelmente formados no compromiso e a responsabilidade coa saúde humana, entendida como ben común.