Cristóbal León Campos
O triunfo da Revolución Cubana en 1959 significou unha nova era para os pobos oprimidos. O internacionalismo revolucionario, como política de solidariedade, permitiu estender a esperanza aos recunchos máis esquecidos do mundo. Desde os primeiros meses posteriores á instauración do goberno revolucionario, Cuba iniciou unha serie de visitas e reunións cos principais dirixentes do mundo que se opuñan ao imperialismo dos EUA e das potencias europeas neocolonialistas, como Gran Bretaña e Francia. A era das loitas poscoloniais tiña comezado; xustamente, é nese contexto de unidade e integración das nacións en resistencia, que acontece a visita de Ernesto Che Guevara á Franxa de Gaza o 18 de xuño de 1959.
O Che encabezou a delegación diplomática do goberno cubano que visitou aos países participantes na Conferencia de Bandung (celebrada en Indonesia en 1955) da que había agromar o Movemento dos Países Non Aliñados, cuxo primeiro cumio foi en 1961 en Belgrado, Iugoslavia, sendo Cuba o único país representante de América Latina xa que nesa cita Bolivia, Brasil e Ecuador asistiron so en calidade de observadores. As bases de acción e integración dos países non aliñados eran o apoio á autodeterminación; a oposición ao apartheid en Sudáfrica; a non adhesión a pactos multilaterais militares; a loita contra o imperialismo en todas as súas formas e manifestacións; o desarmamento; a non inxerencia nos asuntos internos dos Estados; o fortalecemento da ONU; a democratización das relacións internacionais; o desenvolvemento socioeconómico e a reestruturación do sistema económico internacional.
A visita cubana iniciouse o 13 de xuño no Cairo (Exipto) e prolongouse até o 8 de setembro, incluíndo no seu camiño á India, Indonesia, República Federativa de Iugoslavia, Ceilán (Sri Lanka), Paquistán, Myanmar, Xapón, Sudán e Marrocos. A delegación cubana buscaba establecer relacións (políticas, diplomáticas, comerciais e culturais) que lle permitisen colaborar para a liberación dos pobos e resistir ante as ameazas e accións que xa sufría por parte do imperialismo estadounidense: Cuba era xa un símbolo na loita contra o colonialismo.
O historiador palestino Salman Abu Sitta di que a visita do Che á Franxa de Gaza “foi un feito histórico que marcou o inicio do carácter internacional da causa Palestina”. Sensibel ao acontecer da rexión, o propio Che foi quen solicitou visitar Gaza, logo de escoitar a descrición da vida cotiá dos refuxiados palestinos e coñecer un pouco máis sobre os “fedayines” (guerrilleiros palestinos que resistían ante o exército sionista) xurdidos durante a Guerra da Canle de Suez en 1956, iniciada pola invasión israelí ao territorio de Sinaí, o 29 de outubro dese ano, xunto con Gran Bretaña e Francia. Sobre estes feitos, o Che opinou que a vitoria da coalición árabe naquela altura foi posibel pola distribución de armas que realizou o presidente de Exipto, Gamal Abdel Nasser, entre a poboación e pola solidariedade internacional. A partir do narrado, non é difícil comprender a simpatía xurdida entre o Che e a resistencia palestina.
O Che expresou a súa convicción de que o retorno dos palestinos ao seu fogar só se lograría mediante a loita revolucionaria de liberación: “Non hai outro camiño senón a resistencia á ocupación […] O dereito finalmente debe ser restituído”. É probable que as opinións e análises do Che contribuísen á conformación do Exército para a liberación de Palestina (ELP) en 1967.
Durante a xira diplomática, o Che foi condecorado coa orde Gran Liberador dos Oprimidos, que lle entregou o presidente de Exipto no Cairo. O 20 de xuño, visitou a cidade de Alexandría, onde coñeceu o monumento que conmemora en Port Said aos caídos durante a invasión de Israel, Gran Bretaña e Francia de 1956. O 26 do mesmo mes, sostivo unha reunión con Salah Salem, unha das máis destacadas figuras da resistencia nacionalista.
A solidariedade pode acabar coa división
No remate da viaxe, o Che reflexionou sobre a experiencia: “Desde antes do descubrimento de América, obedecendo á expansión europea en busca de novos mercados onde adquirir materia prima para as súas industrias nacentes, Asia e África foron obxecto da visita e da rapina disfrazada baixo o aldraxante título de colonización. A nosa viaxe de tres meses polos países que acaban de liberarse dun xugo feroz e iniciaron o seu camiño cara á liberación económica e o desenvolvemento industrial, apórtanos ensinanzas políticas, sociais e económicas que farei chegar aos compañeiros do Exército Rebelde […] O poder solidario dos pobos foi máis grande ca a división sementada pola forzas coloniais ee hoxe vivimos un verdadeiro abrente da recuperación dos pobos Afro-Asiáticos”.
Guevara salientou o papel central de Nasser na loita pola integración das nacións empeñadas na descolonización. “Exipto tomara o nome de Provincia Sur da República Árabe Unida. A República Árabe Unida (RAU) é o principio do soño secular árabe por lograr unha unificación política que dea marco á súa unidade étnica, relixiosa e cultural”.
Os paises do Terceiro Mundo estiveron sempre presentes no pensamento e na obra do Che que foi que nos entrego o lema de crear dous, tres… moitos Viet-Nam, como expresión de a solidariedade revolucionaria a gañar espazo en todo mundo, sen importar fronteiras, para pór fin aos sistemas de opresión como o sionismo e o imperialismo.
Omar Fernández Cañizares, capitán do Exército Rebelde, que acompañou ao Che na viaxe, conta dos diálogos con militares brasileiros integrantes de Forzas de Nacións Unidas despregadas na zona e con autoridades locais exipcias. Por demais reveladora é a crónica que fai Fernández Cañizares no seu libro “Unha viaxe histórica co Che”, ao mencionar que cando regresaban en automóbil a territorio exipcio; homes, mulleres e nenos palestinos enfilábanse polo camiño para despedir ao Che, que viaxaba co seu uniforme militar verde oliveira e a pucha negra.
Malia a brevidade da visita, a representación de internacionalismo solidario na palabra do Che levou a resistencia palestina a aperta dun mundo distante mais próximo na loita e no compromiso. A figura do Che mantén a súa vixencia nas terras negadas, fronte ao agravamento da violencia sionista e imperialista coa decisión de Donald Trump de recoñecer a Xerusalén como sede do estado maior da ocupación sionista coa anuencia vergoñenta da UE que con este xesto nega de facto a patria a millóns de palestinos refuxiados. A imaxe revolucionaria do Che aparece en cada volta dos escenarios da resistencia e da dignidade do pobo palestino. A causa común de Cuba pola liberación dos pobos e o fin da dominación imperialista escribiu un pacto construido sobre a dignidade.
Traducción ao Galego de Moncho Fernández Leal
REFERENCIAS:
Abu Faisal, Sergio Tapia. Crónicas de un Escritor de Izquierda. Éditions La Libraire Politique 1871. 2019.
-Abu Sitta, Salman. “El Che Guevara en Gaza”. En: arabia.watch. Publicado o 26 xullo 2015.
-Fernández Cañizares, Oscar. “Un viaje histórico con el Che”. Editorial Ciencias Sociales. La Habana, Cuba. 2005.
-Leo, Martín. “El Che Guevara en Palestina”. En: www.laizquierdadiario.com. Publicado o 9 de decembro de 2017.
-López de la Torre, Carlos Fernando. “Encuentros solidarios en épocas revolucionarias. La Revolución Cubana y el Frente Sandinista de Liberación Nacional ante la causa palestina”. En: Crítica y Emancipación. Año VII. Núm. 14. Segundo semestre xullo- decembro 2015.
-Nodal, Leoneol. “Cuando el Che estuvo en Gaza”. En: www.juventudrebelde.cu. Consultado o 17 de xuño de 2019.