Margallo pide a Habana repatriar presos cubanos levados a Madrid polo Vaticano e o governo español en 2010

Terra Sen Amos-Rosa Lemos
Na súa visita de Estado a Cuba, José Manuel García Margallo, ministro de Negocios Extranxeiros do governo Rajoy, solicitou o regreso urxente a Cuba dos 115 presos e dos seus 650 familiares invitados en 2010 a España por mediación do governo e do Vaticano. Na volta de catro anos, os exiliados ergueron un campamento de protesta ás portas do ministerio de Asuntos Exteriores en Madrid para denunciaren o seu abandono por parte do governo Español e conseguir a repatriación.

O xornal ABC celebrara en portada no 2010 a chegada  dos mesmos que recomenda agora repatriar
O xornal ABC celebrara en portada no 2010 a chegada dos mesmos que recomenda agora repatriar

O que o diario ABC chamara en 2010 La Cuba libre llega a España foi o asunto central da visita do ministro español a Cuba. O resto do publicitado programa de García Margallo na Habana foi un chasco: o ministro non foi recibido por Raúl Castro; o obxectivo español de interesar governo de Cuba das vantaxes da OEA para a integración continental, non foi nin sequer citado na comparecencia de despedida do ministro. Expulsa da OEA en 1962,  Cuba ten hoxe un papel principal na CELAC e é EUA quen vive exiliada na OEA e precisa o reingreso cubano.
Na despedida, García Margallo fixo unha condena do bloqueo e gabou o esforzo de Cuba contra o Ébola. Para o exilio de Miami, é unha rendición do PP ainda que o din nun salaio depois de ler os terminantes editoriais de The New York Times e The Washington Post contra o bloqueo
Ponderar en Cuba as enormes virtudes dunha democracia delegada de EUA coma a española foi a última invención do PP para manter un fío coa posición Aznar. Na florecente prensa dixital cubana, produce risa: un goberno con tropa en Afganistán e bases nucleares gobernadas dende Virxinia, que nunca abriu a boca sobre a infamia de Guantánamo e as sevicias praticadas contra Cuba e debruzado até os pés nunha guerra de ricos contra pobres, de lado inequívoco cos primeiros, mírase no espello e asegura que está encantado de coñecerse. Que aproveite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *