Cuba, xa incluida arbitrariamente nas listas unilaterales de promoción do terrorismo e de violación de dereitos humanos polo governo dos EUA, ven de ingresar por decisión de Biden no purgatorio de paises que non respectan a libertade relixiosa. Máis un recurso de Washington para gastar a paciencia da poboación sen a malicia do Imperio brillar nos titulares. Sesenta e un anos de bloqueo deixan de ser noticia e aumenta de xeito manipulador e mentireiro a presunta ameaza de Cuba para o mundo. Non importa que a solidaria asistencia cubana contra os andacios, a Pandemia e os meteoros sexa honrada por todo o planeta, e que, nin durante o papado do reaccionario Woytila (que visitara a illa entre aplausos da poboación) ousara a igrexa de Roma pór en dúbida a plena liberdade de crencias de Cuba. Na aclamación de o dereito de Cuba a vivir sen bloqueo, vota o mundo enteiro dende hai 19 anos na Asemblea Xeral da ONU e nese coro participan todas as crenzas do mundo coas únicas excepcións da capital do Imperio e do seu probador-comprador de armas primeiro da lista, incurso en Apartheid e xenocidio armado e en disparar contra mulleres e homes que rezan (naturalmente desarmados) no templo de Al Aqsa. Para os EUA, ese socio nin parece terrorista nin ameaza a liberdade relixiosa.
En Xullo de 2019, Mike Pompeo, ministro de Estado de Trump, anunciou un programa para promover a liberdade de culto.
O ministro de Relacións Exteriores de Cuba recordou con admirábel serenidade, que sucesivos governos dos EUA teiman en proclamar que no lugar principal do Indice está o governo cubano por promover o terrorismo, aldraxar a Declaración Universal de Dereitos Humanos e, agora, por impedir a liberdade relixiosa e que esta inclusión arbitraria ten por único obxectivo servir de pretexto para as medidas inhumanas de bloqueo e guerra económica contra a illa.
O governo de Washington inaugurou 2024 coa ascensión de Cuba e Nicaragua a lista dos “paises que participan ou permiten violacións particularmente graves da liberdade relixiosa”. Nese cadro de herexes figuran en observación Alxeria, Vietnam, as Illas Comores, A República Centroafricana e O Acerbaixán.
O vicechanceler cubano Carlos Fernández de Cossío denunciou a hipocrisía de acusar Cuba de violar liberdades relixiosas e de o goberno acusador ter “as mans manchadas de sangue pola súa complicidade racista e criminal no xenocidio de Israel contra Palestina”.
A fundación Ayuda a la Iglesia Necesitada de obediencia romana informaba hai pouco que Cuba é un dos seis únicos países del mundo nos que mellora a liberdade de culto mentres que en 82 dos 196 países relacionados recúa a libertad religiosa. Ao tratar en concreto de Cuba, o informe nota que, habendo de feito liberdade de culto, “o Estado non deixa de estorbar o libre camiño das almas para seguir a luz católica” porque entre outros impedimentos, non permite o ensino privado.
A Constitución Cubana garante o dereito a profesar todos os credos e tamén a escoller a opción do ateismo. A Igrexa Católica ten máis de 600 lugares de culto abertos e algúns asilos. Coa Revolución, aumentou na illa a presenza de ordes católicas que conviven con igrexas protestantes (54) e con outros 912 templos ortodoxos, islámicos, xudeos e masónicos.
Celebramos o 65 aniversario do triunfo da Revolución cubana, anuncio dun feito histórico. Cuba resistiu con heroísmo, pagando por iso un custe inmenso: a máis prolongada agresión endexamais lanzada por un gran imperio sobre calquera pobo que tivese a ousadía de resistirse aos afáns de dominio. Ningún, absolutamente ningún imperio, nin o Exipcio, aredor del 3000 a. C., nin o Acadio, que dominara grande parte da Mesopotamia, 2400 anos a. C; os imperios Shang e Zhou, ambos en China, entre 1500 e 770 a. C. nin o de Roma ou o xigantesco imperio Mongol, ou os múltiples califatos e sultanatos do mundo islámico e o imperio otomán; os imperios español, portugués, francés e ruso, e o imperio británico, o máis extenso de toda a historia universal; ningún, repito, absolutamente ningún destes imperios asañouse con tanta brutalidade e durante tanto tempo no bloqueo dun pobo como vén facendo o imperio estadounidense dende o intre no que triunfa o Movemento 26 de Julio en Cuba. Non houbo pobo sometido a cerco integral —que se pretende ocultar baixo o aséptico vocábulo embargo— coma o que padece Cuba, agravado co perverso agravamento infame durante a emerxencia da pandemia do Covid-19. Cuba resistiu en pé firme unha agresión atróz á cal non foi sometido ningún outro país no mundo. Honra eterna a ese pobo e aos seus líderes históricos, Martí e Fidel!
Permítaseme engadir a esta nota o recordo persoal sobre este día, o día do triunfo do Movemento 26 de Julio, extraído das miñas memorias reconstruídas “a catro mans” no libro A contramano. Una biografía dialogada. Edicións Akal, 2023, pp. 78-79
“Antes da vitoria o 1 de xaneiro de 1959, na Arxentina sabíase moi pouco do 26 de Julio; o que chegaba eran reflexos parciais da entrevista que Herbert Matthews fixéralle a Fidel na Serra Mestra para o New York Times. O que se divulgaba era a imaxe, case diría idílica, dun heroe popular en loita contra un ditador infame, torturador, corrupto, ao que a prensa arxentina asimilaba impúdicamente a Perón. De todos os xeitos, os diarios non informaban demasiado, porque desconfiaban daqueles barbudos armados loitando na serra. A dereita é aguda e ten bos reflexos, aprendidos pola súa longa historia. En todo caso, os dous principais diarios da época falaban pouco ou nada da guerrilla do 26 de xullo, aínda que algunhas noticias apareceran antes do triunfo da Revolución.
E como souben eu dá vitoria histórica? Estaba cos meus pais no Mar del Plata, onde chegaramos a pouco do Nadal. Aloxámonos nun hotel típico de clase media que á hora do xantar e a cea sintonizaba un programa de radio (hoxe fano coa TV) e con altoparlantes transmitíanllo aos comensais. Dominaban os programas musicais, interrompidos polos noticieiros cada hora. Acórdome coma se fose hoxe que estabamos no xantar e de súbito interrompeuse a transmisión cun anuncio dun locutor que, aos berros, dicía: ‘Cable de último momento, cable de último momento: o ditador Fulgencio Batista acaba de fuxir de Cuba e o Movemento 26 de Julio goberna a illa toda’. A sorpresa foi que todo o salón (80 ou 90 persoas reaccionou de consuno e puxéronse posto en pé berrou ‘Viva Fidel, viva Cuba, viva a Revolución cubana!’ Seguiron brindes interminabeis por Fidel e os seus. Eu nese momento tiña pouco máis de 15 anos e fiquei abraiado. Non era un asunto do que falaramos na casa. Conservo un recordo indelébel da emoción da xente!”.
Rematado 2023, superamos por camiños enfestos unha montaña empolicada. Como tantas veces a longo de 65 anos, a subida foi ardua e por momentos houberamos de retroceder. Pero chegamos. Chegar é vencer, conscientes de que cada meta é un novo punto de partida. Eis o camiño do ideal socialista, como nos ensinaron Fidel e Raúl.
Celebrando o 65 aniversario da Revolución Cubana, é miña vontade facerlles chegar unha aperta agradecida por cada paso dado contra os desafíos de seis décadas de bloqueo económico e pola superación dos erros provocados pola incesante procura de saídas contra o cerco brutal.
Tan longos anos aturando o criminal peso dunha alevosa ofensiva de cercos e sancións que parece infinita na súa crueldade, fan que os atrancos parezan recrecidos, mais os revolucionarios non chegamos até este 65 aniversario para render e entregar bandeiras.
A xeración histórica que, contra os presaxios dos agoreiros da adversidade, foi quen de traer a Revolución até este día, acompáñanos aínda e transmítenos a certeza de que si se pode.
Dende a Demajagua alzada até os nosos días, o segredo da Revolución para termar fronte adversidades, é a participación popular nunha historia única de resistencia e creatividade, cun liderado firme e unha presada de principios como base.
Eis a historia que nos inspira a convidalos hoxe, en vésperas doutro Aninovo desafiante, a entrarlle ao 2024 coa paixón e alegría que precisa e merece o alto obxectivo de cambiar todo o que deba ser cambiado.
A forza de creatividade esnaquizamos cada lastro de bloqueo que nos lanzan e facémolo con plena conciencia de que ninguén o vai facer por nós.
A Revolución non é obra dun día, dun ano, nin sequera de 65 anos. É unha idea, unha vontade.
Eis a Revolución: realizábel, de ninguén en solitario e de todos nós xuntos, vencendo imposíbeis!
Figuras da cultura mereceron onte os recoñecementos que distinguen a continuidade do labor e as aportacións concretas ao patrimonio das letras e do pensamento cubano. O Premio Nacional de Literatura 2023, que entrega o Instituto Cubano del Libro (ICL) foi para a escritora e xornalista María Elena Llana Castro; o de Ciencias Sociais e Humanísticas e o Nacional de Edición, ambos tamén do ICL, foron, respectivamente, para o antropólogo Jesús Guanche Pérez e o editor e escritor Enrique Pérez Díaz. Pola súa banda, o Premio Nacional de Patrimonio Cultural 2023, que outorga o Consello Nacional de Patrimonio Cultural, foi para o etnólogo e narrador Miguel Barnet Lanza.
Un xurado encabezado pola poeta Nancy Morejón recoñeceu na autora de Casas del Vedado e Tras la quinta puerta, entre outros elementos, “a precursora orixinalidade dunha escrita ricáz na que brilla a orixinalidade e a profusión temática”.
Llana, dixo sentirse satisfeita, pola extensa nómina de narradores e narradoras que expresaran a súa confianza neste premio.
O xurado que votou por Guanche, salientou que “os seus estudos dos compoñentes étnicos da nación cubana son notabeis e mostran a profundidade do seu pensamento”, á vez que lle recoñeceu a incorporación “de aspectos novos e pouco estudados da cultura popular cubana, tanto nas orixes hispanas como africanas».
A acta do xurado asinada por un grupo de editores encabezados por Virgilio López Lemus, identificou a Enrique Pérez Díaz como editor excelente “e moi notabel xestor e líder do mundo editorial cubano, que exerceu de director editorial e salientou na promoción do libro e a leitura”. Pérez Díaz aceptou o recoñecemento “por fidelidade e por manter sempre o anceio de a xente poder ler o mellor”.
O xurado do Premio Nacional de Patrimonio Cultural 2023, distingue en Barnet unha vida consagrada ao resgate, investigación, preservación e promoción de aspectos cardinais na formación da identidade cubana.
Cando a presidenta do Consejo Nacional de Patrimonio Cultural, Sonia Virgen Pérez Mojena, deu a noticia ao autor de Gallego e Biografía de un cimarrón, acudiron á memoria do premiado os nomes de aqueles que deitaran as bases do pensamento cubano, dende José Agustín Caballero e Félix Varela até José Martí e Fernando Ortiz. Evocou a Argeliers León, un dos seus mentores, e ecoaron nos seus oídos os toques, rezos e cantos dos practicantes de relixións populares e rumberos que de neno escoitara nun solar do Vedado. Miguel Barnet, labora no seu prezado anceio vital de erguer e coidar a diario o tesouro patrimonial da nación dende a Fundación Fernando Ortiz, fundada e presidida por el.
O anuncio editorial da primeira biografía de Francisco Villamil, heroe da Guerra Grande de Cuba nacido en Galiza, que dá nome a Asociación de Amizade Galego-Cubana, reuniu na Libraría Cartabón de Vigo a irmandade solidaria da América Martiana. A esperada investigación do historiador cubano Eddy E. Jimenez, sae do prelo en coincidencia co XL aniversario da fundación da Galego Cubana que leva o nome de Francisco Villamil, por iniciativa de Xosé Neira Vilas, e co 156 aniversario da morte de Villamil por ferida de guerra. Ao acto de Vigo asistiu a Cónsul Xeral da República de Cuba en Galiza, Ingrid Izquierdo, que gabou a aportación biográfica e a solidariedade de longo treito da Asociación Francisco Villamil coa Revolución Cubana.
A Libraría Cartabón de Vigo acolleu a xuntanza arredor da primeira biografía de Francisco Villamil (Foto de Luisa Cuevas, cedida a TSA)
Ramón Fernandez Leal, que fora presidente da Galego-Cubana nos 90, ten, antes de máis, un recordo para Eddy E. Jiménez e para a Resistencia Palestina e a loita mundial porque remate o xenocidio en Gaza; declárase alleo aos que nunca perderon unha loita porque non deran batalla ningunha: “nós estamos afeitos a perder mais tamén a gañar e a celebrarmos triunfos; preferimos cometer erros facendo cousas que cometer o erro de non facer nada. E isto ten que ver coa Revolución Cubana e coa biografía de Francisco Villamil escrita por Eddy E. Jiménez”.
“Coñecín a Eddy Jiménez na Praza do Obradoiro en marzo de 2001-relata Leal- viña dar unha conferencia no Clube Faro e eu, que daquela era presidente da Villamil, facía de presentador; con Eddy teño trato e sentimento de irmán; a vida fai que teñas unha familia de sangue e outra que sobrevén; con Eddy sentín dende o comezo unha afinidade e comprensión que vai para alén das nosas compartidas ideas guevarianas. Somos ambosdous poetas clandestinos da madrugada; el é cubano e ama a terra galega; eu son galego e en Cuba estou na miña casa”.
Para Leal, a historia da Revolución Cubana está chea de galegas e galegos: “atrévome a dicer que o relato da Revolución mal estaría completo se fosen omitidos os seus nomes; están recoñecidas moitas desas persoas, dirixentes do histórico triunfo do 59, e hai con certeza outras que non transcenderon e a historia non as recolleu. A nazón galega ten un himno que foi interpretado pola primeira vez na Habana e unha Academia da Lingua que non podería ter nacido sen o apoio da emigración galega na illa; alí foi editado o primeiro xornal na nosa língua; Francisco Villamil dá nome á nosa Asociación e o feito de ter chegado como emigrante que vivira o desarraigo, levouno a ter consciencia da situación e a tomar partido pola emancipación contra o imperialismo. Isto converteuno nun símbolo da renuncia e da rebeldía contra a orde das cousas. Sentiuse galego identificado coa causa cubana”.
Ramón Fernandez Leal encarece a importancia da Revolución Cubana “para as loitas de liberación no mundo e para a transformación social do planeta; unha revolución que foi cercada dende o primeiro momento polo máis retrógrado dos EUA que estraga millóns de dólares argallando planos contra a Revolución que eles enmascaran de “defensa da democracia e da liberdade”; novos tempos, novas tácticas ; hai que prestar atención, sempre”.
Recorda a Neira Vilas que dende o Institutodde Literatura e Lingüística da Habana fixera de demiurgo, de organizador do universo, coa proposta de dar o nome de Francisco Villamil a Asociación de Amizade Galego-Cubana; Villami nacera probablemente na Mariña Lucense. “Hoxe, cumprindo 40 anos, a Asociación é coñecida co nome de Francisco Villamil; mantén unha completa Biblioteca da Revolución Cubana e un centro activo de información non contaminada. O noso local é compartido coa Asemblea Republicana de Vigo e a Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez. Está no número 10 da rúa de Cánovas del Castillo de Vigo. Nestes anos moitas persoas pasaron pola Asociación; algunhas xa non están, outras marcharon. As máis, os máis, están sempre. A actividade mudou. Nos primeiros momentos era máis de solidariedade cultural, de solidariedade material nos 90; de apoio ao coñecemento de Cuba e contra a manipulación informativa no de agora; temos a certeza de que estar con Cuba e a súa Revolución, defendela e apoiala, é porse á beira da Humanidade por un futuro que lle dá máis importancia a compartir que a competir. Pasou o tempo e Cuba está aí, sempre”.
Gustavo Luca, que tamén fora presidente da Francisco Villamil, recordou protagonistas da Asociación que anticiparan a importancia de contar cunha biografía de Francisco Villamil tan precisa e recreadora coma a que produciu Eddy E. Jiménez .No primeiro lugar a Coral Prieto, de a pouco finada, que xunto a Afonso Lubián organizara a secretaría de emerxencia da Flota Pesqueira Cubana, que estaba a ser construida nos estaleiros de Vigo a partir do 76; a Herminio Barreiro, mestre e profesor de mestres, fundador da Villamil e divulgador do fundamental compromiso da Revolución Cubana coa educación e o saber. A biografía de Villamil leva na capa o número 2 da Biblioteca Galego-Cubana Herminio Barreiro; ao seu irmán Xacinto, sembre voluntario para defender Cuba e a Balbino Pérez Bellas, que como presidente da Villamil procurara en Cuba, guiado por Neira Vilas, información sobre a vida de Villamil.
Pondera o relator o labor de investigación de Eddy E. jimenez en arquivos de Cuba e Madrid que serviron de base para o relato dunha vida fulgurante, dende o intre no que Villamil resolve entregarse a causa da independencia de Cuba. A biografía revela un compromiso radical coa emancipación do traballo escravo algo que non contemplaba, por exemplo, Abraham Lincoln no decreto da Emancipación de 1863, cinco anos antes do alzamento da Demajagua en Cuba. Lincoln recusaba a escravitude mais non era abolicionista. A decisión de Carlos Manuel de Céspedes, que Villamil honra até entregar a súa vida en combate, é radical e de histórico alcance no seu propósito emancipador.
Non por estar construido con referencias da crónica da Guerra Grande e de citas e relatos contemporáneos, deixa o retrato de Villamil de brillar con luz de seu na escrita de Eddy E. Jiménez. Chama a atención que conservemos imaxes en baño de cristal de 6X6 de todos os comandantes da Guerra Grande, agás do xeneral de división Francisco Villamil. Con todo, Blas Villate, capitán xeral de Cuba publica no 1872 un bando de amnistia para a tropa mambisa disposta a se pasar ao exército colonial con armas, mais expresamente exclue a Francisco Villamil pola súa “criminal conduta” a beira doutros 12 compañeiros alzados.
A común referencia ás baixas na tropa colonial por enfermidades tropicais, aparece confirmada nas páxinas do libro coa cita de batallóns de soldados de Quintas postos en fuga por un grupo menor de mambises, armados só de machetes. Cita a historiadora Valentina Fernández Vargas na súa investigación sobre a Guerra Grande e a Guerra Chica de Cuba (1868-1898) que entre o 30% e o 60% da tropa colonial eran labregos galegos pobres, sen medios para pagar a fianza que os librase de quintas. No libro, o dramático relato dun quinto pasado ás filas de Villamil a voces de “son republicano, non disparen”, ilustra a teoría da “guerra de pobres”.
Chaman a atención dende a mesa, da excepcional coincidencia nos xardíns de Montero Rios de Vigo de protagonistas de primeira liña no bando imperialista (José Elduayen, ministro de Estado e o propio Montero Rios) coa figura de José Martí, na estatua lanzal de René Negrín, “Martí mira cara o mar, xusto cara o lugar no que amarrara o barco coa tropa de feridos e doentes da Guerra Chica, que houberan de ser auxiliado polo pobo de Vigo ante a deserción da oficialidade, en xuño de 1989”.
A venda desta esperada edición da biografía de Villamil, de títulos precedente publicados pola Asociación de Amizade Galego-Cubana deuse en coincidencia coa oferta de zucre e café de Cuba, antes e depois da presentación. As persoas interesadas na adquisición do libro e dos produtos cubanos citados poden dirixirse a galegocubana@gmail.com
Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil"