“Sen unha prensa crítica non é posibel a Revolución” (Diaz-Canel no XI Congreso da Unión de Periodistas)

Cubadebate – Terra Sen Amos

O presidente de Cuba dixo na clausura do XI Congreso de la Unión de Periodistas (UPEC) que “sen unha prensa crítica, que apele á conciencia e aos valores humanos, non é posibel a Revolución e sen unha comunicación política, institucional e social transparente, eficiente e orientadora e un xornalismo comprometido, cribel, ético, esixente crítico e educativo, non hai Revolución”.  Para Diaz-Canel o xornalismo debe ser verdadeiro e revolucionario: “Todos temos a responsabilidade de defender a verdade e por veces para defender a verdade non contamos con outros recursos que non sexan o comprommiso e o talento”.

O congreso gardou un minuto de silenzo polos xornalistas asasinados en Gaza polo bombardeo por terra e aire da tropa que ocupa Palestina.

No Congreso foi presentado o libro Anatomías do Xornalismo Cubano, de Flor de Paz, e o informe central do período 2018-2023 que  constata que o sistema de comunicación pública cubano enfronta, xunto a clásicos e complexos desafíos, os da sociedade en Rede, como resultado da masiva e a acelerada penetración da internet no país.

Nos debates da comisión “Prensa cubana nunha sociedade en Rede” Randy Alonso, moderador do programa Mesa Redonda,  declarouse convencido “da crenza martiana de un xornalista ter a obriga de saber dende a nube até o microbio. Eis o desafío que hoxe temos nas nosas redaccións e medios de comunicación xa que a mediocridade, descoñecemento e precipitación non pode ser o destino do noso xornalismo”.

Tratando das fontes como elemento básico da información, obser vou que dende  2018 producírase un cambio na accesibilidade das institucións e da sociedade. “O lamentabel é que moitas institucións entenden a comunicación só como divulgación. A comunicación é un proceso multilateral, interactivo, de transformación, e moitas institucións  no canto de dar o peito e saír enfrontar o desafío, pechan a porta. Algo lamentabel, sobre todo cando o Partido recomendou que as fontes falen, expliquen, dean información”. Neste sentido, lembrou a recente entrevista ao presidente Díaz-Canel na que dicía que o servidor público ten a obriga de render contas.

A posta en marcha do Instituto de Información e Comunicación Social compromete ás institucións públicas para lle daren información ao noso pobo. O xornalismo non pode existir sen a sociedade, sen a participación da opinión e do pensamiento doutros”.

Alonso reclamou un sistema de medios públicos máis profesional, máis anovador, máis revolucionario e máis comprometido co sentir e facer do pobo.

A Asemblea Xeral da ONU protesta contra o bloqueo e a arbitraria calificación de Cuba como pais terrorista

Áurea Lia Trevier – TSA – Nova York

A Asemblea Xeral da ONU aclamou máis unha vez a proposta de acabar co bloqueo que padece Cuba dende hai máis e 60 anos, un desafío dos EUA contra a legalidade internacional.  A defensa internacional de Cuba é un feito que deixa a vista unilateralidade do bloqueo e a infamia dunha Casa Branca en decadéncia. No taboleiro da Asemblea Xeral aparece apenas un voluntario disposto a acompañar ao goberno de Washington no seu despropósito diplomático. A opinión mundial a prol do dereito de Cuba resoa na ONU anualmente dende 1992.

O mundo representado na Asemblea recusou a política imperial de odio e arbitrariedade preferiu renovar  súa solidariedade coa nación cubana, que continúa sendo, malia o bloqueo, un exemplo de colaboración na loita pola xustiza social e contra o terrorismo.

Na primeira xornada do debate previo á votación, a representante de Namibia reafirmou os seu compromiso con Cuba fronte o cerco aleve e dixo que era preciso defender o dereito da illa digna a unha vida sen intromisións ilegais. “Cuba é unha nación amiga, que propicia a paz namentres o bloqueo lacera os principios do multilateralismo e a causa contra o bloqueo é nosa dende os tempos de loita pola independencia nos que contamos coa axuda de Cuba”.

Pediu a representante de Mexico o fin do bloqueo “por ser este contrario ao dereito internacional e alleo aos valores nos que se basea a convivencia pacífica” e dixo que era indecente a aplicación do Título III da lei Helms-Burton, namentresa arbtraria inclusión de Cuba na lista de países patrocinadores do terrorismo danaba a economía cubana.

Cuba ensinou o verdadeiro valor da solidariedade, dixo a representación de Venezuela que reclamou para o bloqueo unilateral dos EUA contra a  illa un lugar no museo das vergoñas históricas.” Dificilmente poderá esquecerse o apoio das brigadas médicas de Cuba en todo o mundo –dixo- para axudar a combater a pandemia da COVID-19, e o feito de a iIla lograr cinco vacinas que puxo ao dispor da comunidade internacional. Eis a diferenza entre Cuba e os EUA”.

China condenou tamén o xenocida bloqueo económico, comercial e financeiro contra Cuba e a súa inclusión na lista de países patrocinadores do terrorismo. “A comunidade internacional condena esa política”, notou o diplomático chinés, quen pediu fomentar a solidariedade global a prol da paz e a harmonía mundial e gabou o papel de Cuba na cooperación sur-sur, e o feito notábel de presidir outros grupos rexionais e globais. Recoñeceu que todos os países forman unha comunidade na que deben prevalecer os intereses comúns por riba do imperialismo egoista dalgunhas potencias que queren dominar o planeta.

A representante de Sudáfrica endosou declaracións previas en defensa da resolución contra o bloqueo que cualificou de política hostil e violación grave do dereito internacional.

Pola súa banda, o representante de Etiopía rexeitou a aplicación do bloqueo que, “de maneira ilegal durante seis décadas, trabou o dereito do pobo cubano a resolver seus problemas pesia súa formidábel resistencia”.

Cun chamado a rematar a prolongada inxustiza do bloqueo, a representación de Arxentina recordou que seu país condenara arreo o bloqueo, unha práctica moralmente inxustificable e violatoria da Carta das Nacións Unidas.

 Bielorrusia, na persoa do seu representante na Asemblea Xeral da onu, cualificou de xenocida o bloqueo dos EUA contra Cuba coma  xenocidio, segundo a Convención para a prevención do xenocidio, en vigor dende hai máis de 60 anos e reparou no seu impacto directo en cada cubano, todos os días do ano, ”, e que non soamente infrinxe os dereitos humanos, “senón que limita o investimento e vulnera o dereito de todos os estados en cooperar coa Habana”“.

A representante de Kenya subliñou que “Cuba é vítima dunha política de dobre rapadoira que socava a honestidade dos estados, e agregou que “o bloqueo é parte dun sistema de sancións maiores que violenta a paz dos países do sur e entorpece a prosperidade que defenderon os países ricos cando falaron de globalización”“.

A delegación de Nicaragua  recusou a política exterior imperial que vai contra a ONU e a súa Carta Magna. “O bloqueo –dixo– violenta os dereitos de todo un pobo, socava o seu desenvolvemento e impide o cumprimento da axenda 2030”“.

Coma violación dos dereitos humanos dun pobo enteiro cualificou a representación de Bolivia a persistencia do bloqueo económico, comercial e financeiro que o goberno dos EUA impón a Cuba desde hai máis de 60 anos. O voceiro de Bolivia agradeceu á Illa pola súa comprometida solidariedade coas causas máis nobres da humanidade. “Os seus soldados da saúde estiveron ao longo do planeta e os pobos do mundo fomos testemuñas de que 60 anos non foron suficientes para castigar a un pobo solidario”.

Para Gabón o bloqueo ten consecuencias a cada máis nefastas para a poboación, e pon en perigo a convivencia pacífica entre estados.

A República Islámica do Irán adheriuse ás posicións de organizacións internacionais e de países que rexeitan o bloqueo contra Cuba. Tamén Belice sumouse á declaración dos grupos rexionais que apoiaron a Resolución cubana, e o seu representante recordou  que non hai ningún Estado membro da ONU que estea por encima da lei. Rexeitou a inclusión de Cuba na lista de patrocinadores do terrorismo, unha medida que, segundo as súas palabras, exacerba as consecuencias inhumanas do bloqueo.

O representante de Brasil referiuse aos enormes danos no plano económico que esta política provocou, e afirmou que «afectou ao pleno goce dos seus dereitos ao pobo cubano”.

Por Chile recoñeceuse que o bloqueo «xera escaseza e sufrimento para toda a poboación cubana” e o seu representante lamentou «o feito de que siga vixente”.

A representación de Perú dixo que «as sancións deben ser eliminadas de contado” e agregou que o bloqueo é contrario aos principios da Carta da ONU e do dereito internacional.

Tamén se sumaron ao reclamo internacional para poñer fin ao bloqueo  contra Cuba, países como Xamaica, Exipto, o Congo, Irán e Barbados.

«O bloqueo viola o dereito á vida, á saúde, á educación e ao benestar de todas as cubanas e cubanos, sénteno as nosas familias a través  do desabastecemento nas tendas, as longas colas, os prezos excesivos ou os salarios devaluados». Así comezou a súa intervención o chanceler cubano, Bruno Rodríguez Parrilla e recordou que o goberno fai por atender a canastra familiar normada, que non é suficiente, pero atende as necesidades indispensables baixo prezos subsidiados.

Dixo que, para ese obxectivo, neste ano, requeranse   máis de 1600 millóns de dólares, e que só cun terzo das afectacións entre marzo do 2022 e febreiro do 2023 puidéranse ter atendido eses gastos.

Unha comisión do Parlamento Europeo recibe en Cuba información de primeira man sobre a resistencia efectiva ao bloqueo

E. del Río – Habana

Unha comisión do Parlamento Europeo (PE) coñeceu en Cuba información directa do pobo e das institucións sobre os efectos do Bloqueo e a profusión de iniciativas postas en prática pola Revolución para resistiren o cerco propagandístico, comercial e financeiro. A viaxe formaba parte da axenda internacionalista do Grupo de Esquerda.  Deputadas e deputados foron recibidos pola Mesa do Parlamento Cuba e a Dirección de Relacións Internacionais. Galiza contou coa honrosa representación de Ana Miranda, histórica militante do BNG e reivindicativa europarlamentaria galega, amiga incondicional da Maior das Antillas e da Revolución Cubana.

Ana Miranda conversa coa equipa da Oficina do Historiariador da Habana dentro do programa da axenda de esquerda do Parlamento Europeo en relación co ilegal bloqueo.

O programa incluíu encontros co Departamento de Relacións Internacionais do Comité Central do Partido Comunista de Cuba, coa Dirección Nacional dos CDR, con representantes da Sociedade Civil Cubana e con membros da Unión Nacional de Escritores e Artistas de Cuba. Visitaron asemade o Cenesex (Centro Nacional de Educación Sexual de Cuba) o Capitolio, o Instituto Finlay de Vacinas, a Asociación Cubana de Nacións Unidas, o Proxecto Quisicuaba e diferentes barrios da cidade da Habana, para establerceren contacto de primeira man coa poboación.

Da mesa da Asemblea Nacional Cubana e das Comisións Permanentes de Atención aos Servizos, de Educación, Cultura, Ciencia,Tecnoloxía e Medio Ambiente así como de Atención aos Órganos Locais  tiveron información sobre a diaria dialéctica entre medios e obxectivos do proceso constitucional en marcha..

Deste cumprido intercambio, Ana Miranda tirou conclusións positivas sobre as iniciativas de defensa de Cuba contra o ilegal bloqueo imperialista que afecta gravemente a poboación; as consecuencias da inclusión de Cuba na arbitraria lista de países patrocinadores do terrorismo que a Casa Branca inventa con desprezo da Lei Internacional  formaron parte da conversa. A lista no ten máis intención que impedir as relacións internacionais dos paises que loitan por estableceren e seguiren normas de seu.

O exemplo de Coral Prieto permanece na solidariedade con Cuba e Venezuela

V.C – Terra Sen Amos

De Coral Prieto Estévez , que ven de falecer  en Vigo, quédanos o seu exemplo de xestión solidaria eficiente e xenerosa en relación con países coma Cuba e Venezuela que loitan pola súa construción nacional en liberdade. A emerxencia por resolver problemas concretos en fronteiras bloqueadas ou a denuncia de informacións falseadas, convertíanse en razón vital para Coral indignada pola ofensa executada sobre outros ou, como díría Martí, “a causa da ofensa sufrida por inocentes acendía roibén ás súas meixelas”.

Fernando González Llort,  entregara en setembro de 2014 a Coral Prieto unha mensaxe de agradecimento para a Francisco Villamil, desprazada a Madrid para un encontro de homenaxe aos Cinco.

Antes de poder Cuba regularizar na Galiza a súa representación consular, Coral Prieto e Afonso Lubián abriran unha oficina na Alameda de Vigo para atenderen as xestións administrativas básicas, do magno proxecto da Flota Cubana (1968-1972) O labor realizado por Coral merecera tempo despois unha mención expresa de Roberto Robaina, responsábel do Minrex  .

Ingrid Izquierdo Sterling,  Cónsul Xeral de Cuba en Compostela, recordou o labor de Coral a prol do pobo de Cuba e do progreso da solidariedade de Galiza coa Revolución Cubana. “Gardamos con moito agarimo tantos recordos dela e sabemos do traballo arreo que desenvolvera na Francisco Villamil. Ao falar da solidariedade galega con Cuba, teremos de mencionar sempre a Coral”.

Rigoberto Zarza, director para Europa do Instituto Cubano de Amistad con los Pueblos (ICAP) doeuse pola perda “dunha amiga incondicional que probou decote seu amor por Cuba e polo proxecto social que estamos a construir, non só no labor solidario, senón no envío de doazóns materiais a illa. como parte do traballo inveterado da Asociación Francisco Villamil para combater o criminal bloqueo imperialista dos EUA que por máis de seis décadas procura destruir a Revolución Cubana”.

Martín Pacheco Morillo, Cónsul Xeral da República  Bolivariana de Venezuela, expresou seu pesar pola desaparición “de tan notábel e comprometida loitadora pola igualdade, liberdade e soberanía dos pobos”.

Os ex-cónsules de Cuba en Galiza Juan Humberto Macías Pino e Luz Alina Santa Suárez  recordan a compañeira falecida coma alguén da familia: “Sempre en primeira fila ao carón do noso pobo, colaborando cos nosos compañeiros e compañeiras no que fixer falta. Cubana de corazón sempre dando o mellor de si co seu carácter amistoso, divertido, pendente dos demais. Na distancia, nunca deixou de transmitir  o seu apoio á Revolución. A súa luz non se apagará.

“Lembraremos Coral Prieto como unha fiel galega amiga da nosa Revolución – din os ex-cónsules en Compostela María Sánchez Rodríguez e Rubén Franco González. “Nunca esqueceremos a súa fidelidade á nosa Revolución, a súa defensa dos nosos principios. Non a esqueceremos xamais. Terémola presente nos nosos corazóns, como irmá, como amiga e como revolucionaria. Até A Vitoria, sempre!“.

Miriam Arestuche, que tamén fora representante consular de Cuba para Galiza e Asturies, conserva a imaxe de Coral coma a da “unha compañeira, unha amiga, unha irmá. Todos e todas esperabamos este desenlace,mais a amiga non marchou: quíxoselle moito, quéreselle moito e quereráselle por sempre! “

“A morte de Coral golpeounos e aínda nos golpea –di a tamén ex-consul Caridad Montaner-  A súa amizade era connosco e cos nosos principios, como representantes que eramos do Goberno Cubano. Xa enferma, foi visitarnos en febreiro deste 2023 e vímola vivamente interesada na actualidade cubana. A súa lembranza fica no noso corazón”.

O ex-Cónsul Angel Torres ten a certeza de todas as homenaxes adicadas a Coral Prieto seren merecidas e nesa opinión acrecenta o seu compañeiro José Antonio Solana cando asegura que a amiga que perden “foi extraordinaria como ser humano”.

Graciela Arbajal Blanco, traballadora da Frota Cubana de Pesca, pondera “a lealdade incondicional e absoluta de Coral con Cuba e cos seus amigos e amigas e non podemos esquecer con canto amor e entrega desenvolveu o traballo no Consulado de Cuba, cando este se encontraba en Vigo, e na representación de Cubana de Aviación en Compostela“.

Erea del Rio Iglesias, presidenta da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil recorda a Coral coma “unha persoa carismática, serena, forte, racional, con capacidade de análise, transparente; estivo ao noso carón transmitíndonos a súa experiencia e saber e o seu exemplo de vida, tanto a galegas e galegos como a cubanos e cubanas. Coral gañaba axiña o corazón das persoas a través das súas accións, da súa experiencia e dos seus atinados consellos, tanto para as cuestións persoais como para as políticas”.

A presidenta da Villamil recorda a súa colaboración co Consulado de Cuba en Compostela e co de Venezuela en Vigo. “Por mor do seu claro compromiso político a prol da Revolución cubana e da venezolana recibiu acedas críticas e mesmo mesquiñas ofensas que encaixaba coa mesma enteireza con que enfrontou a doenza que a fixo marchar tan prematuramente”.

“Acompañárame en moitos intres importantes da miña vida como foi na presentación da edición cubana dun libro meu na sala Villena da Unión de Escritores e Artistas de Cuba, acompañada por Marcia, unha das súas mellores amigas. De feito, eu ingresara na Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil polo seu exemplo solidario. Viaxei con ela a Cuba e a diferentes cidades do Estado español para asistir a encontros da solidariedade galega con Cuba e Venezuela, e aprendín moitísimo do seu exemplo pragmático. Concordo con Justo Cano e a súa filla Chiruca:  Coral, ti es insustituíbel!

Sobre a asociación estratéxica de China con Venezuela e o seu sentido creador e positivo

Farruco Sesto – Nós Diario

O ritmo da partida xeopolítica é tan intenso no xadrez internacional, que ás veces non é tan fácil seguirlle o paso para comprendela. Pois é evidente que os grandes movementos que de súpeto sacoden o taboleiro, como foron recentemente o cume dos BRICS en Sudáfrica coa súa ampliación a 11 países, o gran Foro Económico Oriental en Vladivostok, ou as rebelións nacionalistas do Sahel, non poden pasar desapercibidos.  Pero tamén hai outros movementos máis acoutados, que aínda que alumeen por un instante, deseguida corren o risco de se diluír na marea de noticias do día a día, tal como acontecéu na recente xira do presidente Nicolás Maduro pola República Popular China, e o seu encontro co presidente Xi Jinping.

Xi Jinping anuncióu a Nicolás Maduro en Pequín “a elevación das relacións entre China e Venezuela a unha asociación estratéxica A TODA PROBA E TODO TEMPO”

É a este tipo de movementos, un pouco menos rechamantes, pero ben representativos da situación na partida de xadrez, é aos que hai que saber prestarlle o debido seguimento polo seu significado profundo.

Tal é o caso da xira do presidente Maduro, que vale a pena comentala, na súa condición reveladora da nova dimensión que alcanzou a relación entre Venezuela e China,  que aínda que vén de lonxe, inciada en 1973 e foi adquirindo un novo carácter a partir de 1999, é innegabel que chegou agora a un singular momento de esplendor e de máxima intensidade que se proxecta cara ao futuro.

Foi, xustamente, nese marco da xira presidencial, que tivo lugar a XVII Comisión Mixta de Alto Nivel (CMAN) China-Venezuela, a cuxa sesión final ampliada, realizada mércores 13 de setembro no Gran Palacio do Pobo, en Beijing, incorporáronse persoalmente os presidentes Xi Jinping e Nicolás Maduro.

 O máis importante dela, ao noso xuízo, nin sequera son os acordos de impportancia que se asinaron nas áreas de economía, xeoloxía, saúde (que inclúe transferencia tecnolóxica), minería, hábitat e vivenda, enerxía eléctrica e telecomunicacións, por citar máis trascendentes, senón a demostración dese nivel que adquiriu a relación entre os dous países, neste xusto período histórico en que o mundo da hexemonía occidental comeza a perder terreo, para abrirlle paso á realidade dun mundo pluripolar sen hexemonías.

Se tratamos de precisar a achega de China á ecuación que expresa este mundo novo que está a se consolidar, por riba do seu papel económico-produtivo de primeiro nivel, teriamos que destacar a calidade pacífica da súa política exterior, non só apegada ao dereito internacional en todo momento, senón tamén dotada dunha visión igualitaria das relacións e dun profundo respecto pola independencia e as características de cada país, sempre á procura dun desenvolvemento global e dunha seguridade global beneficiosa para o conxunto dos pobos.

Se, pola súa banda, tratamos de considerar a achega de Venezuela, ademais da súa condición de país con extraordinarias riquezas naturais de todo tipo, deberiamos salientar asemade, en termos políticos, sociais e humanos, a súa referencia como símbolo de dignidade e de resistencia activa fronte ao cruel bloqueo económico, comercial, comunicacional e financeiro a que se ve sometida, sen renunciar por iso, nin por un instante, á súa vocación de paz e de diálogo, doutrinariamente concretada na chamada Diplomacia Bolivariana de Paz.

Un recurso moi sinxelo, e se cadra extrapolítico, para valorar na súa verdadeira importancia ese novo estadio da relación China-Venezuela, consiste en prestar atención ao nome que lle deron os presidentes Xin Jiping e Nicolás Maduro, tal como consta nos documentos subscritos.  Na cultura chinesa, é bastante frecuente denominar as políticas propias con nomes de resonancias poéticas, con todo o peso metafórico que poida cargar o nome elixido. Quen non se acorda da “Campaña das Cen Flores” (Que cen flores ábranse e florezan cen escolas de pensamento) ou a “do Gran Salto Adiante”, ou xa na nosa época, “A Franxa e a Ruta”?

Pois ben, desde esa óptica é significativa a caracterización que China dálle ás novas relacións con Venezuela, se atendemos ás calidades con que se definiu. En palabras de propio presidente Xin Jinping á audiencia no Palacio do Pobo: “Compráceme anunciar xunto a Vostede -presidente Nicolás Maduro- a elevación das relacións entre China e Venezuela a unha asociación estratéxica A TODA PROBA E TODO TEMPO”

Mao Zedong dicía con acerto: “Estratexicamente debemos desdeñar a todos os nosos inimigos, pero tácticamente debemos tomalos moi en serio”. Arestora, a China liderada por Xi Jinping, a quen parece tomar tamén moi en serio, pero nun sentido creador e positivo, é aos seus numerosos amigos no mundo, como é o caso da Venezuela Bolivariana.

Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil"

Visit Us On TwitterVisit Us On Facebook