No seu 40 aniversario, a Asemblea da Francisco Villamil renova o compromiso fundacional coa Revolución Cubana

Terra sen Amos – Vigo

A Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil naceu a finais de 1983 e a súa primeira directiva foi elexida cos votos da Asemblea fundacional, 20 de xaneiro de 1984. Nela figuraban Olga Zurrón, Pilar Tellado, Lourdes Bares, Ester Casal, Suso Cano, Jorge Tocino Maquieira, Balbino Pérez Bellas, Waldino Varela, Luis Noia, Modesto Hermida, Fernando Franco, Xulio Magariños, Xosé M. López Graña, Alfonso Pillado, Fernando Ramos e Francisco Comesaña. Sábado 20, a Asociación convocou en Vigo unha asemblea aberta para celebrar 40 anos de labor solidario dende Galiza, e renovar seu compromiso coa defensa de Cuba fronte o cerco e a propaganda colonial denigrante e pola colaboración material e moral directamente informada polo goberno da Revolución.

A Asemblea conmemorativa do XL aniversario celebrouse na sede de Vigo.

Na mesa da Asemblea estaban a presidenta Erea del Rio Iglesias, o vice-presidente Alberto López e o secretario Yuri Domenech. Del Rio leu unha nómina de honra de persoas asociadas distinguidas por teren traballado arreo a prol da Asociación: Mariña Vázquez Graña, Coral Prieto, Luisa Cuevas, Merchi Santiago, Ana Pereira, Laura e Marina Quintillán, Chiruca e Xusto Cano, a familia Beiroa, Toya, Xosé Neira Vilas, Inhaqui Solla, Balbino Pérez Bellas, Paco Sebio, Manuel Camaño, Moncho Fernández, Luís Borines, Mariano Abalo, Xosé Collazo, Celso López Pazos, Ernesto Sáiz, Eduardo Corbelle, Herminio e Xacinto Barreiro e Cipriano Jiménez Casas; cita as persoas asociadas que previa e sucesivamente foran elexidas pola Asemblea para a presidencia da Villamil: Jorge Tocino Maquieira, Xosé Manuel García Crego, Moncho Leal, Gustavo Luca, Xosé Manuel Viqueira Sende, Valentín Alvite e Xosé Carlos Abal. A presidenta deu lectura a unha relación de comunicacións solidarias polo Aniversario, de parte da Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez, a Agrupación Xosé Velo, a Asemblea Republicana de Vigo, a Asociación José Martí, de Oleiros; o Bloque Nacionalista Galego, o Consulado Xeral da República Bolivariana de Venezuela (representada polo Cónsul Xeral Martín Pacheco; a CUT, Esquerda Unida, Mar de Lumes, o Movemento Arredista, o Partido Comunista de Galiza, o PCPG, o PCRG (representados na Asemblea) e o PCTG.

INTEGRADA NO MESC

A Asociación está integrada no Movimento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC) no que participan 63 organizacións do Estado español que defenden a soberanía do primeiro Estado Socialista de América, combaten as mentiras diarias dos media dominantes que entregan a súa liña editorial a Secretaría de Estado dos EUA e axencias de propaganda reaccionaria que adoitan contaminar a información sobre Cuba e censuran a solidariedade internacional exercida pola Revolución Cubana nos seus 62 anos de existencia asi como os avances decisivos da industria da ciencia que a illa comparte con todo o mundo; o MESC denuncia a continuidade dun Bloqueo que maltrata desde hai máis de seis décadas ao pobo de Cuba procurando multiplicar os recursos de chantaxe e terrorismo económico contra a illa. Asemade, a Villamil distribue a publicación “Cubainformación”, realizada pola Asociación Euskadi-Cuba, cuxo director José Manzaneda enfronta a semana vindeira un xuízo no que a liberdade crítica exercida polo xornalista contra unha plataforma que defende o ilegal bloqueo, e artificialmente considerada delicto de inxurias.

Os vencellos de Cuba con Galiza son históricos. A intensa emigración galega a Cuba ten conformado no correr do tempo un espazo de internacionalismo solidario con numerosos protagonistas que comunican creativamente as dúas culturas como é o caso do pai de Fidel e Raul Castro que era un galego de Armeá, ou de boa parte dos asaltantes ao cuartel Moncada galegos, ou fillos de galegos, como Julio e Pedro Trigo ou persoas claves na preparación do histórico golpe do 26 como Josué e Frank Pais.

Dende 1968 a 1972 todos os asteleiros de Vigo participaron na construción da Frota Cubana de Pesca, que creou un camiño sobre o mar entre Cuba e Galiza. A proxección pública máis sonada da FV nesa altura foron as Xornadas Galego-Cubanas en Homenaxe a José Martí, celebradas en Vigo en abril de 1989, amparadas polo Concello de Vigo e o Goberno Autonómico. Nela participou a Unión de Escritores e Artistas de Cuba, representada por Norberto Codina, Emilio Comas e Luis Toledo Sande. Carlos Sirixei e Herminio Barreiro falaron da relación histórica entre Cuba e Galiza. O acto, coñecido como Semana de Martí, comprendeu palestras sobre a historia da emigración galega a Cuba, mostras de gravados, conferencias e a inauguración do monumento a Martí, obra de René Negrín, que foi doada á cidade de Vigo polo seu autor e a UNEAC, e que está emprazada nos xardíns das Avenidas en Vigo, fronte ao antigo Peirao de Madeira, porta de saída de emigrantes e quintos para as guerras coloniais. Nestas xornadas xestouse a visita de Fidel a Láncara en 1992. En outubro de 1998, Fidel regresará a Galiza para asistir en Porto ao VIII Cumio Iberoamericano.

MARTÍ, PALABRA DE LIBERDADE

No 2003, comemorou a Villamil o 150 aniversario do nacimento de Martí, dedicándolle unhas xornadas nas que participaron o Cónsul Xeral de Cuba Humberto Hernández, Ánxel García Seoane, alcalde de Oleiros, Anisia Miranda, Herminio Barreiro, X. L. Méndez Ferrín, Xosé Neira Vilas, Xesús Alonso Montero, Xosé Luis García, Iolanda Novo, Xosé M. Dobarro, María Xosé Porteiro e Gustavo Luca. En lembranza desta data a nosa Asociación editou o libro “Martí, palabra de liberdade”, coa colaboración do Concello de Oleiros.

Salienta a creación en abril de 1995 do noso xornal voceiro “Terra sen Amos”, impreso de 2000 a 2004 en papel, e distribuido pola rede de internet a partir desa data. Un extenso arquivo garda e renova semanalmente a actualidade de Cuba e da solidariedadade publicada no xornal.

Outra parte do traballo de información a prol de Cuba consiste na actividade editorial da Asociación no selo Biblioteca Galego Cubana Herminio Barreiro que ven de presentar nestes dias en edición príncipe a versión en Galego da primeira biografía de Francisco Villamil, emigrante galego a Cuba arredor de 1830, que constituira unha partida para loitar pola independencia de Cuba en 1868 e atinxiu un ano depois o nomeamento de xeneral de división do exército Mambis. O texto é do escritor cubano Eddy E. Jiménez. Esta edición monmemoraa o XL aniversario da Asociación. Obras anteriores deste selo tratan do bloqueo, da homenaxe de poetas galegas ao  Che Guevara, de Fidel, co gallo da homenaxe nacional de 2017 e da citada homenaxe a Martí no 2003.

En 2004, a FV conmemorou o centenario do primeiro plano escolar de Galiza, enviado dende Cuba polas sociedades emigrantes. A mostra “De Cuba para Galiza” foi inaugurada en Compostela e exposta en Vigo, Viveiro e Ortigueira, antes de expoñerse no salón principal do antigo Centro Galego da Habana, como parte do programa da Feira Internacional do Libro do ano 2008, que tivo a Galiza como nación invitada, un acontecemento que reparaba feitos e obras da relación común entre as dúas culturas.

En 2007, os 40 anos da morte de Ernesto Che Guevara deron lugar unha mostra gráfica que foi inaugurada en Compostela. Xa en 1997, a vangarda da arte plástica e da escultura galega doara cen obras para unha mostra itinerante, que se titulou “Artistas galegos lembran ao Che”. Foito da venda de parte destas obras, a FV puido facer unha importante achega económica para paliar os danos causados en Cuba polos ciclóns Gustav e Ike, en 2008.

En 2010 máis de 2000 persoas participarran nunha histórica manifestación en Compostela, en solidariedade con Cuba e contra do bloqueo informativo. Subliñamos o papel do movimento feminista en Cuba e o impacto que ten o bloqueo sobre a muller cubana, contra o que loita activamente a Federación de Mulleres Cubanas, creada en 1960 e dirixida por Wilma Espín.

HOMENAXE NACIONAL A FIDEL

No 2017, a Villamil organiizou unha multitudinaria homenaxe nacional galega a Fidel no Teatro Principal de Pontevedra, a cuxo Concello queremos agradecer a súa colaboración e apoio á Revolución Cubana.

Despois de 40 anos de vida, a FV ten asociados e asociadas por todo o País, locais abertos en Vigo e Compostela, grupos colaboradores en toda Galiza e organizamos actos como a conmemoración do natalicio de Martí, o 26 de xullo e concentracións apoiando o resultado das votacións anuais da asemblea da ONU para rexeitar o infame bloqueo económico dos EUA contra Cuba. Asemade, organizamos conferencias nos que se tratan temas como a sanidade, a cultura e a economía da Revolución e participamos na Festa da Arribada en Baiona, no Festival da Poesía do Condado en Salvaterra do Miño e na iniciativa “Formigas solidarias” que envía insumos médicos e medicinas para os centros de saúde cubanos.

A inclusión de Cuba na ilegal lista de países patrocinadores do terrorismo ten efectos sumamente negativos na cidadanía cubana. Salientamos o labor solidario e altruísta do persoal médico cubano integrante da brigada Henry Reeve. Rexeitamos a posta en vigor do Título III da Lei Helms Burton que agrava a extraterritorialidade da sua aplicación e socava o dereito internacional.

A difícil situación económica e social que atravesa Cuba é o resultado combinado da aplicación desa ilegal política, da crise internacional xerada a partir da pandemia da Covid-19, dos efectos da crise económica global polas guerras en Europa e contra Palestina e das máis de 240 medidas adicionais ao bloqueo, impostas polo goberno de Donald Trump a partir de 2017 e mantidas en máis dun 90% polo goberno actual de Joe Biden; salientamos os boicots contra as navieiras que transportan combustíbel e alimentos á illa e os atrancos ás transaccións financeiras internacionais. A desinformación pola parte anticubana oculta que a Illa ten o tránsito de mar patrullado para evitar entregas de hidrocarburos e víveres e que, en xeral, é sancionado o comercio internacional con Cuba mediante intervención dos sistemas de pago, xiro bancario ou transferencias. Non se menciona que neste apagón terman doce presidencias dos EUA dende 1961.

O Bloqueo viola os dereitos económicos, sociais e culturais da poboación cubana así como os seus dereitos civís e políticos, en tanto que pretende revertir o sistema político, económico e social que as cubanas e os cubanos escolleron libremente para si.

Unha xira de éxito realizada polo Presidente Díaz-Canel a fins de novembro de 2022 por Rusia, China, Alxeria e Turquía, permitiu restaurar lazos económicos, renovar contratos de enerxía, abrir novas posibilidades de investimento, cancelar débedas e retomar créditos. Asemade, crecen na contorna latinoamericana as relacións económicas con Cuba, como é o caso de Venezuela, México e Brasil.

Salientamos o encontro realizado en Cuba en outubro de 2023 de Eurodeputadas e Eurodeputados con representantes da Asemblea Nacional do Poder Popular, organizado pola Dirección de Relacións Internacionais do Goberno Cubano, no que Galiza contou coa honrosa representación de Ana Miranda, co seu apoio total á Revolución Cubana e a participación no exitoso Tribunal Internacional realizado en Bruselas, estando a nosa asociación representada por Luisa Cuevas. 

Lembrarmos tamén o feito de Cuba asumir recentemente a presidencia do G77+China, grupo no que están integrados 134 dos 193 países da ONU, o que representa o 80% da poboación mundial, e que significa a unidade dos países do Sur .

Apoiamos a soberanía e autodeterminación de Cuba, pedimos a exclusión da Illa da espúrea lista de Estados patrocinadores do terrorismo, a suspensión da aplicación do Título III da Lei Helms Burton e o levantamento total, inmediato e incondicional do bloqueo. Neste empeño, Cuba conta co apoio total da Asociación FV, lembrando que o imperialismo estadounidense non é só un problema de Cuba, é un problema da humanidade.

VIVA CUBA SOCIALISTA E ABAIXO A CONTRARREVOLUCIÓN MERCENARIA!

VIVAN FIDEL, RAUL E DÍAZ-CANEL!

ATÉ A VITÓRIA SEMPRE!

MÁTRIA OU MORTE! VENCEREMOS!

De esquerda a dereita, Erea del Rio, presidenta da Francisco Villamil e a Cónsul Xeral de Cuba na Galiza Ingrid Izquierdo, que deu lectura ás palabras de recoñecimento polo XL aniversario da Asociación remitidas polo Diretor para Europa do ICAP.

PARABÉNS DO ICAP NO 40 ANIVERSARIO DA VILLAMIL

A Habana, 18 de xaneiro de 2024

Ano do 66 aniversario da Revolución

Queridos amigos e amigas:

Quixeramos agradecer e recoñecer, por intermedio desta misiva, o traballo realizado por esa querida organización, que, nos seus recén cumpridos 40 anos de existencia, constituíu o referente da solidariedade con Cuba en terras galegas.

Nesa querida Asociación, Cuba tivo sempre un fiel expoñente para a defensa da Revolución, que, como cooordinadora galega para a solidariedade con Cuba, característica esencial desde a súa mesma fundación, foi un baluarte na divulgación dos logros da nosa Patria.

Sería imposíbel resumir aquí todo o traballo desenvolto durante catro décadas. A organización de grandes actos de solidariedade, Encontros Estatais, a participación en campañas contra o bloqueo, pola liberación dos Cinco Heroes, caravanas, xornadas de cinema, exposicións, concertos, xiras de especialistas cubanos, concentracións, marchas, organización de grupos con intereses sociais e outras moitas accións, constituíu un motor impulsor da participación cidadá galega na solidariedade con Cuba.

Lembraremos sempre a extraordinaria mobilización con decenas de autobuses que, con motivo do Cumio Iberoamericano de Porto, no ano 1998, vostedes organizaron para expresar o seu apio á delegación cubana en terras portuguesas, encabezada polo Líder Histórico da Revolución Cubana, o noso invicto Comandante en Xefe, Fidel Castro Ruz.

Moito valoramos todas esas accións, así como o esforzo do valioso colectivo que integra a asociación para materializar accións de solidariedade material. Foron moitas as axudas enviadas durante os duros anos do período especial e antes, cando desde portos galegos, a través da Frota Cubana de Pesca, por entón con presenza na Galiza, recibíanse en Cuba. Esa solidariedade de expresión material, hoxe noutras circunstancias, tamén se mantivo por outras vías e medios ao seu alcance.

Por todo isto, e por moito máis, transmítolles o agradecemento eterno do noso pobo e do Instituto Cubano de Amizade cos Pobos, recoñecendo a valiosa achega da Galiza nestes 40 anos á solidariedade con Cuba no Estado español.

Moitas foron as accións e campañas ás que se ten sumado a Francisco Villamil. A participación nas campañas “Xa é hora: rachemos o bloqueo contra Cuba” e “Toneladas de Solidariedade con Cuba”, é unha liña de traballo importante para seguir denunciando as limitacións que nos impón o bloqueo e para lograr sensiblizar así un público maior. A activa participación da Asociación no mecanismo de coordinación Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC) tamén é un esforzo e compromiso pola unidade, ao que lle pedimos seguir contibuíndo.

O recén celebrado Tribunal Internacional contra o Bloqueo a Cuba en Bruselas, Bélxica, deixou novas ferramentas e experiencias de traballo ao Movemento de Solidariedade con Cuba, que as organizacións de amizade de toda europa deben utilizar para fortalecer a nova etapa que comeza na loita contra o bloqueo. Empreguen o veredicto como valioso documento de carácter legal para chegar a novos espazos na denuncia a esa marcada política extraterritorial.

Recentemente o ICAP lanzou a convocatoria á brigada europea de traballo voluntario José Martí, na súa 51 edición para o presente ano 2024. Pedimos tamén á Asociación que impulse unha ampla convocatoria e divulgación para involucrar un bo número de amigos e amigas, especialmente novos. Necesitamos que máis persoas veñan a Cuba, coñezan a nosa realidade e ao seu regreso, fortalezan as fileiras dos que aman e fundan, dos que nos queren e defenden, a carón de todos e todas vostedes.

Os retos que ten enfrontado a Revolución cubana ante a hostilidade de sucesivas administracións estadounidenses, vostedes saben que son enormes. O bloqueo económico, comercial e financeiro mantido desde a súa proclamación en 1962, constitúe o principal obstáculo para o desenvolvemento do noso país e a máis flagrante violación aos dereitos humanos de todo un pobo. É unha política criminal, xenocida, que pretendeu sempre o fin da Revolución.

A permamente denuncia a esa política e o dar a coñecer os seus efectos sobre todos os sectores da vida económico-social de Cuba, constitúe a tarefa principal que ten ante si a solidariedade internacional. Se a de Trump pareceu ser unha das administracións máis agresivas contra Cuba, coas súas 243 medidas adicionais e que con máis saña pretendeu a asfixia económica de todo un pobo, a actual administración de Biden practicamente nada cambiou da devandita política.

O traballo nas redes sociais continúa sendo unha batalla á que cada vez debemos prestar maior atención. Os inimigos da Revolución intentan a través da conectividade virtual reproducir as mensaxes de odio e impotencia que expresan nas súas accións presenciais. Definitivamente, o combate no escenario virtual debe incrementarse. Descaracterizar eses personaxes debe ser parte do enfrontamento ao labor de subversión ideolóxica que precisamos. Vostedes, moitas amigas e amigos galegos, souberon enfrontar, no seu momento, as accións que a contrarrevolución tentou orquestrar como parte desa campaña de odio contra Cuba.

Porén, o accionar nas redes sociais non debe estar dirixido só á defensa da Revolución, contrapoñéndonos aos que non deben ocuparnos máis tempo do necesario. A verdade e os logros de Cuba e todo o que temos alcanzado ao longo destes anos, debe prevalecer sempre como expresión do traballo comunicacional de todos os amigos de Cuba.

Queridos amigos e amigas:

Moito quédanos por facer, difíciles son as condicións ante as cales o noso pobo ten que crecerse cada día. Pero o cubano é un pobo educado nos valores da Revolución: Somos un pobo digno e traballador, un pobo que leva impregnado o pensamento humanista de José Martí, a estirpe de Maceo e as ensinanzas imperecedeiras do Che, de Fidel e de Raúl e cuxa gran maioría ten demostrado en múltiples ocasións estar á beira da Revolución.

Isto é o que non aturan os nosos inimigos. Non aturan que as súas mensaxes de odio, que as súas calumnias e mentiras, non fagan mella na vontade do noso pobo de resistir e vencer.

Ante a decisión de Patria ou Morte, de Socialismo ou Morte, berraremos sempre Venceremos!, pero non o facemos sós, senón con moitas amigas e amigos de Cuba que existen no mundo e entre tantos que temos no Estado español, os amigos e amigas galegas e especificamente os que forman parte da Asociación “Francisco Villamil”.

Conten sempre co Instituto Cubano de Amistad con  los Pueblos.

Viva o 40 Aniversario da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil”!

Desexámoslles moitos éxitos no traballo para o ano novo que recén comeza.

Moitas grazas.

Rigoberto Zarza Ross

Director de Europa do ICAP

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *