Unha comisión do Parlamento Europeo recibe en Cuba información de primeira man sobre a resistencia efectiva ao bloqueo

E. del Río – Habana

Unha comisión do Parlamento Europeo (PE) coñeceu en Cuba información directa do pobo e das institucións sobre os efectos do Bloqueo e a profusión de iniciativas postas en prática pola Revolución para resistiren o cerco propagandístico, comercial e financeiro. A viaxe formaba parte da axenda internacionalista do Grupo de Esquerda.  Deputadas e deputados foron recibidos pola Mesa do Parlamento Cuba e a Dirección de Relacións Internacionais. Galiza contou coa honrosa representación de Ana Miranda, histórica militante do BNG e reivindicativa europarlamentaria galega, amiga incondicional da Maior das Antillas e da Revolución Cubana.

Ana Miranda conversa coa equipa da Oficina do Historiariador da Habana dentro do programa da axenda de esquerda do Parlamento Europeo en relación co ilegal bloqueo.

O programa incluíu encontros co Departamento de Relacións Internacionais do Comité Central do Partido Comunista de Cuba, coa Dirección Nacional dos CDR, con representantes da Sociedade Civil Cubana e con membros da Unión Nacional de Escritores e Artistas de Cuba. Visitaron asemade o Cenesex (Centro Nacional de Educación Sexual de Cuba) o Capitolio, o Instituto Finlay de Vacinas, a Asociación Cubana de Nacións Unidas, o Proxecto Quisicuaba e diferentes barrios da cidade da Habana, para establerceren contacto de primeira man coa poboación.

Da mesa da Asemblea Nacional Cubana e das Comisións Permanentes de Atención aos Servizos, de Educación, Cultura, Ciencia,Tecnoloxía e Medio Ambiente así como de Atención aos Órganos Locais  tiveron información sobre a diaria dialéctica entre medios e obxectivos do proceso constitucional en marcha..

Deste cumprido intercambio, Ana Miranda tirou conclusións positivas sobre as iniciativas de defensa de Cuba contra o ilegal bloqueo imperialista que afecta gravemente a poboación; as consecuencias da inclusión de Cuba na arbitraria lista de países patrocinadores do terrorismo que a Casa Branca inventa con desprezo da Lei Internacional  formaron parte da conversa. A lista no ten máis intención que impedir as relacións internacionais dos paises que loitan por estableceren e seguiren normas de seu.

O exemplo de Coral Prieto permanece na solidariedade con Cuba e Venezuela

V.C – Terra Sen Amos

De Coral Prieto Estévez , que ven de falecer  en Vigo, quédanos o seu exemplo de xestión solidaria eficiente e xenerosa en relación con países coma Cuba e Venezuela que loitan pola súa construción nacional en liberdade. A emerxencia por resolver problemas concretos en fronteiras bloqueadas ou a denuncia de informacións falseadas, convertíanse en razón vital para Coral indignada pola ofensa executada sobre outros ou, como díría Martí, “a causa da ofensa sufrida por inocentes acendía roibén ás súas meixelas”.

Fernando González Llort,  entregara en setembro de 2014 a Coral Prieto unha mensaxe de agradecimento para a Francisco Villamil, desprazada a Madrid para un encontro de homenaxe aos Cinco.

Antes de poder Cuba regularizar na Galiza a súa representación consular, Coral Prieto e Afonso Lubián abriran unha oficina na Alameda de Vigo para atenderen as xestións administrativas básicas, do magno proxecto da Flota Cubana (1968-1972) O labor realizado por Coral merecera tempo despois unha mención expresa de Roberto Robaina, responsábel do Minrex  .

Ingrid Izquierdo Sterling,  Cónsul Xeral de Cuba en Compostela, recordou o labor de Coral a prol do pobo de Cuba e do progreso da solidariedade de Galiza coa Revolución Cubana. “Gardamos con moito agarimo tantos recordos dela e sabemos do traballo arreo que desenvolvera na Francisco Villamil. Ao falar da solidariedade galega con Cuba, teremos de mencionar sempre a Coral”.

Rigoberto Zarza, director para Europa do Instituto Cubano de Amistad con los Pueblos (ICAP) doeuse pola perda “dunha amiga incondicional que probou decote seu amor por Cuba e polo proxecto social que estamos a construir, non só no labor solidario, senón no envío de doazóns materiais a illa. como parte do traballo inveterado da Asociación Francisco Villamil para combater o criminal bloqueo imperialista dos EUA que por máis de seis décadas procura destruir a Revolución Cubana”.

Martín Pacheco Morillo, Cónsul Xeral da República  Bolivariana de Venezuela, expresou seu pesar pola desaparición “de tan notábel e comprometida loitadora pola igualdade, liberdade e soberanía dos pobos”.

Os ex-cónsules de Cuba en Galiza Juan Humberto Macías Pino e Luz Alina Santa Suárez  recordan a compañeira falecida coma alguén da familia: “Sempre en primeira fila ao carón do noso pobo, colaborando cos nosos compañeiros e compañeiras no que fixer falta. Cubana de corazón sempre dando o mellor de si co seu carácter amistoso, divertido, pendente dos demais. Na distancia, nunca deixou de transmitir  o seu apoio á Revolución. A súa luz non se apagará.

“Lembraremos Coral Prieto como unha fiel galega amiga da nosa Revolución – din os ex-cónsules en Compostela María Sánchez Rodríguez e Rubén Franco González. “Nunca esqueceremos a súa fidelidade á nosa Revolución, a súa defensa dos nosos principios. Non a esqueceremos xamais. Terémola presente nos nosos corazóns, como irmá, como amiga e como revolucionaria. Até A Vitoria, sempre!“.

Miriam Arestuche, que tamén fora representante consular de Cuba para Galiza e Asturies, conserva a imaxe de Coral coma a da “unha compañeira, unha amiga, unha irmá. Todos e todas esperabamos este desenlace,mais a amiga non marchou: quíxoselle moito, quéreselle moito e quereráselle por sempre! “

“A morte de Coral golpeounos e aínda nos golpea –di a tamén ex-consul Caridad Montaner-  A súa amizade era connosco e cos nosos principios, como representantes que eramos do Goberno Cubano. Xa enferma, foi visitarnos en febreiro deste 2023 e vímola vivamente interesada na actualidade cubana. A súa lembranza fica no noso corazón”.

O ex-Cónsul Angel Torres ten a certeza de todas as homenaxes adicadas a Coral Prieto seren merecidas e nesa opinión acrecenta o seu compañeiro José Antonio Solana cando asegura que a amiga que perden “foi extraordinaria como ser humano”.

Graciela Arbajal Blanco, traballadora da Frota Cubana de Pesca, pondera “a lealdade incondicional e absoluta de Coral con Cuba e cos seus amigos e amigas e non podemos esquecer con canto amor e entrega desenvolveu o traballo no Consulado de Cuba, cando este se encontraba en Vigo, e na representación de Cubana de Aviación en Compostela“.

Erea del Rio Iglesias, presidenta da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil recorda a Coral coma “unha persoa carismática, serena, forte, racional, con capacidade de análise, transparente; estivo ao noso carón transmitíndonos a súa experiencia e saber e o seu exemplo de vida, tanto a galegas e galegos como a cubanos e cubanas. Coral gañaba axiña o corazón das persoas a través das súas accións, da súa experiencia e dos seus atinados consellos, tanto para as cuestións persoais como para as políticas”.

A presidenta da Villamil recorda a súa colaboración co Consulado de Cuba en Compostela e co de Venezuela en Vigo. “Por mor do seu claro compromiso político a prol da Revolución cubana e da venezolana recibiu acedas críticas e mesmo mesquiñas ofensas que encaixaba coa mesma enteireza con que enfrontou a doenza que a fixo marchar tan prematuramente”.

“Acompañárame en moitos intres importantes da miña vida como foi na presentación da edición cubana dun libro meu na sala Villena da Unión de Escritores e Artistas de Cuba, acompañada por Marcia, unha das súas mellores amigas. De feito, eu ingresara na Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil polo seu exemplo solidario. Viaxei con ela a Cuba e a diferentes cidades do Estado español para asistir a encontros da solidariedade galega con Cuba e Venezuela, e aprendín moitísimo do seu exemplo pragmático. Concordo con Justo Cano e a súa filla Chiruca:  Coral, ti es insustituíbel!

Sobre a asociación estratéxica de China con Venezuela e o seu sentido creador e positivo

Farruco Sesto – Nós Diario

O ritmo da partida xeopolítica é tan intenso no xadrez internacional, que ás veces non é tan fácil seguirlle o paso para comprendela. Pois é evidente que os grandes movementos que de súpeto sacoden o taboleiro, como foron recentemente o cume dos BRICS en Sudáfrica coa súa ampliación a 11 países, o gran Foro Económico Oriental en Vladivostok, ou as rebelións nacionalistas do Sahel, non poden pasar desapercibidos.  Pero tamén hai outros movementos máis acoutados, que aínda que alumeen por un instante, deseguida corren o risco de se diluír na marea de noticias do día a día, tal como acontecéu na recente xira do presidente Nicolás Maduro pola República Popular China, e o seu encontro co presidente Xi Jinping.

Xi Jinping anuncióu a Nicolás Maduro en Pequín “a elevación das relacións entre China e Venezuela a unha asociación estratéxica A TODA PROBA E TODO TEMPO”

É a este tipo de movementos, un pouco menos rechamantes, pero ben representativos da situación na partida de xadrez, é aos que hai que saber prestarlle o debido seguimento polo seu significado profundo.

Tal é o caso da xira do presidente Maduro, que vale a pena comentala, na súa condición reveladora da nova dimensión que alcanzou a relación entre Venezuela e China,  que aínda que vén de lonxe, inciada en 1973 e foi adquirindo un novo carácter a partir de 1999, é innegabel que chegou agora a un singular momento de esplendor e de máxima intensidade que se proxecta cara ao futuro.

Foi, xustamente, nese marco da xira presidencial, que tivo lugar a XVII Comisión Mixta de Alto Nivel (CMAN) China-Venezuela, a cuxa sesión final ampliada, realizada mércores 13 de setembro no Gran Palacio do Pobo, en Beijing, incorporáronse persoalmente os presidentes Xi Jinping e Nicolás Maduro.

 O máis importante dela, ao noso xuízo, nin sequera son os acordos de impportancia que se asinaron nas áreas de economía, xeoloxía, saúde (que inclúe transferencia tecnolóxica), minería, hábitat e vivenda, enerxía eléctrica e telecomunicacións, por citar máis trascendentes, senón a demostración dese nivel que adquiriu a relación entre os dous países, neste xusto período histórico en que o mundo da hexemonía occidental comeza a perder terreo, para abrirlle paso á realidade dun mundo pluripolar sen hexemonías.

Se tratamos de precisar a achega de China á ecuación que expresa este mundo novo que está a se consolidar, por riba do seu papel económico-produtivo de primeiro nivel, teriamos que destacar a calidade pacífica da súa política exterior, non só apegada ao dereito internacional en todo momento, senón tamén dotada dunha visión igualitaria das relacións e dun profundo respecto pola independencia e as características de cada país, sempre á procura dun desenvolvemento global e dunha seguridade global beneficiosa para o conxunto dos pobos.

Se, pola súa banda, tratamos de considerar a achega de Venezuela, ademais da súa condición de país con extraordinarias riquezas naturais de todo tipo, deberiamos salientar asemade, en termos políticos, sociais e humanos, a súa referencia como símbolo de dignidade e de resistencia activa fronte ao cruel bloqueo económico, comercial, comunicacional e financeiro a que se ve sometida, sen renunciar por iso, nin por un instante, á súa vocación de paz e de diálogo, doutrinariamente concretada na chamada Diplomacia Bolivariana de Paz.

Un recurso moi sinxelo, e se cadra extrapolítico, para valorar na súa verdadeira importancia ese novo estadio da relación China-Venezuela, consiste en prestar atención ao nome que lle deron os presidentes Xin Jiping e Nicolás Maduro, tal como consta nos documentos subscritos.  Na cultura chinesa, é bastante frecuente denominar as políticas propias con nomes de resonancias poéticas, con todo o peso metafórico que poida cargar o nome elixido. Quen non se acorda da “Campaña das Cen Flores” (Que cen flores ábranse e florezan cen escolas de pensamento) ou a “do Gran Salto Adiante”, ou xa na nosa época, “A Franxa e a Ruta”?

Pois ben, desde esa óptica é significativa a caracterización que China dálle ás novas relacións con Venezuela, se atendemos ás calidades con que se definiu. En palabras de propio presidente Xin Jinping á audiencia no Palacio do Pobo: “Compráceme anunciar xunto a Vostede -presidente Nicolás Maduro- a elevación das relacións entre China e Venezuela a unha asociación estratéxica A TODA PROBA E TODO TEMPO”

Mao Zedong dicía con acerto: “Estratexicamente debemos desdeñar a todos os nosos inimigos, pero tácticamente debemos tomalos moi en serio”. Arestora, a China liderada por Xi Jinping, a quen parece tomar tamén moi en serio, pero nun sentido creador e positivo, é aos seus numerosos amigos no mundo, como é o caso da Venezuela Bolivariana.

Novo atentado contra a embaixada de Cuba en Washington, sen o asalto de 2020 recibir aínda condena

Prensa Latina – Tradución de Terra Sen Amos

En horas da noite do 24 de setembro de 2023, produciuse un ataque terrorista contra as instalacións da Embaixada de Cuba en Washington, cando un individuo lanzou dende a beirarrúa dous cocteles Molotov ppor riba do valado da instalación, que impactaron na parede frontal da misión diplomática. Non se produciron danos ao persoal que se atopaba non interior da sede. A solicitude da misión diplomática cubana, oficiais do Servizo Secreto dos EUA tiveron acceso ás súas instalacións para certificaren os efectos da acción violenta perpetrada. O presidente Díaz-Canel denuncióu o atentado terrorista e esixiu explicación das autoridades.

A embaixada de Cuba en Washington fora obxecto dun ataque armado no 2020 sen o goberno dos EUA querer calificalo de terrorista.

“Aos grupos anti-cubanos quédalles só o recurso a violencia ante a  bancarrota moral do seu odio contra Cuba e a impunidade que se arrogan. De maneira regular, nos intercambios oficiais que sostén a Embaixada co Departamento de Estado dos EUA, alertouse que a conduta permisiva das axencias locais de cumprimento da lei fronte accións violentas, poden estimular a comisión de feitos desta natureza”, comentou o Ministerio de Estado cubano.

O MINREX sinalou asemade que é este o segundo ataque violento contra a sede diplomática de Cuba en Washington, dende abril de 2020. “Na noite daquel día, un individuo de orixe cubana, ergueito e brandindo un fusil de asalto no medio da rúa da capital estadounidense, disparou un refacho de trinta balas contra o edificio do consulado. Non houbo por sorte naquela altura danos para o persoal que se atopaba dentro do edificio, malia a importancia dos prexuízos materiais”.

Na nota de Cuba recórdase que por volta de tres anos, o autor do atentado aínda espera ser xulgado e o goberno dos Estados Unidos recusa cualificar o feito como un acto terrorista.

A Convención de Viena sobre Relacións Diplomáticas establece como obrigación especial dos Estados Unidos, como Estado receptor da legación, adoptar todas as medidas precisas para protexer os locais da embaixada contra toda intrusión ou dano para evitar que se turbe a orde na misión ou se atente contra a súa dignidade.

O Ministerio de Relacións Exteriores condena esta acción terrorista e espera que o Goberno dos EUA respecte a Convención de Viena sobre Relacións Diplomáticas, no interese de evitar repeticións destes feitos. “Advertimos máis unha vez sobre a mensaxe que a actitude do goberno estadounidense transmite fronte a ameazas deste tipo contra a sede diplomática cubana, pero tamén contra as doutros países na cidade de Washington D.C.” sinalou o Ministerio ao tempo que chamaba a atención sobre “a dobre medida que o goberno dos EUA emprega para atender o seu presunto compromiso contra o terrorismo”.

O manifesto do Cume do G77+China na Habana denuncia o imperialismo como causa maior dos problemas do Sur

Berenice Sobral – TSA Habana

O manifesto do Cume da Habana recusa a imposición de normas con impacto extraterritorial e todas as medidas económicas coercitivas contrarias a dereito, incluídas as sancións unilaterais contra os países en desenvolvemento; as existentes deben cesar de feito inmediato pois non só socavan os principios consagrados na Carta das Nacións Unidas e a Lei Internacional, senón que constitúen un atranco maior para o avance da ciencia, a tecnoloxía , o progreso material e moral e a plena consecución do desenvolvemento económico, en particular nos países atrasados. “Xa é ben hora de o Sur cambiar as regras de xogo”, comentou o presidente de Cuba, anfitrión dun centenar de xefes de Estado y de Goberno durante dúas longas xornadas de debate no pazo das convencións de Habana.

O G77+China, no que intervén o 80% da poboación do mundo, subliña que as medidas coercitivas unilaterais son unha ruína para os dereitos humanos, o desenvolvemento e o acceso á alimentación. As leis extraterritoriais impiden aos países afectados a asistencia sanitaria, o dereito a recibiren axuda externa e subministracións humanitarias e facilitan a intervención ilegal dos bens propiedade da nación en contra do que determina o Dereito Internacional.

De cara a Asemblea Xeral da ONU, que abrirá na vindeira Terza 19, culturas e voces de Asia, África, América Latina e o Caribe amosaron na Habana pleno acordo en que a cooperación do Sur Global pode dar resposta aos desafíos  concretados no Cume e particularmente os que se refiren ao progreso da ciencia, a tecnoloxía e o anovamento.

Cuba foi obxecto , como anfitrión da cita, dunha manifesta expresión internacional de solidariedade coa recusación terminante do bloqueo que padece dende hai máis de 60 anos, e por ser repetidamente citada como exemplo dun desenvolvemento científico construido a retesío do bloqueo dos EUA.

Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil"

Visit Us On TwitterVisit Us On Facebook