Díaz-Canel denuncia en Paris a orde económica e financeira internacional por inxusta, antidemocrática e excluinte

Arleen Rodríguez Derivet  – Cubadebate

“As consecuencias máis nefastas da actual orde económica e financeira internacional, fondamente inxusta, antidemocrática, especulativa e excluínte, gravitan de preferencia sobre as nacións en desenvolvemento”. Con esta denuncia dun sistema internacional baseado na supremacía dos paises ricos, comezou o presidente de Cuba a súa esperada intervención no Cume sobre o Novo Pacto Financeiro Internacional, en Francia,  dia 22. O presidente comezou a súa intervención cun saúdo ao presidente Macron, anfitrión do cume, e aos presidentes Gustavo Petro e Cyril Ramaphosa, de Colombia e Sudáfrica.

O Presidente Macron, segue con atención e xestos afirmativos a intervención de Diaz-Canel.

Díaz-Canel falou en nome do Grupo dos 77 máis China, a agrupación máis representativa de nacións en desenvolvemento e a que historicamente foi bandeira e voceiro das demandas orixinais do relanzo para un estatuto máis amplo de discusión e toma de decisións no marco das Nacións Unidas. Países que viron a súa débeda externa praticamente duplicarse no últimos dez anos e que foran obrigados a gastaren 379.000 millóns de dólares das súas reservas para salvar súas moedas en 2022, case o dobre da cantidade de novos Dereitos Especiais de Xiro asignados polo Fondo Monetario Internacional.

O presidente de Cuba recordou que o Sur non pode nesa crise acceder aos 4,3 billóns de dólares anuais necesarios para cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostibel na década restante. “Os nosos pobos non poden nin deben seguir sendo laboratorios de receitas coloniais metamórficas, que empregan a débeda, a arquitectura financeira internacional e as medidas coercitivas unilaterais, para perpetuaren o atraso e encher as arcas privadas a costa do Sur.  Urxe, coma a maior de todas as urxencias, unha nova e máis xusta orde internacional”.

Un obxectivo que obrigará antes de máis, á reforma das institucións financeiras internacionais, tanto para gobernanza e representación coma para acceso ao finanzamento que teña debidamente en conta os lídimos intereses dos países en desenvolvemento e amplíe a súa capacidade de decisión nas institucións financeiras. Díaz-Canel coida inaceptábel que en pleno século XXI se impoñan á maioría das nacións no planeta institucións obsoletas herdadas da Guerra Fría e dos acordos de Bretton Woods, incoherentes coa configuración internacional de hoxe e inventadas para explotar as reservas do Sur, perpetuar o desequilibrio e aplicaren remedios de urxencia que aseguren o esquema colonial.

Díaz-Canel,  presidente electo do Grupo dos 77 máis China,  dixo que era urxente unha recapitalización realista dos bancos multilaterais de desenvolvemento para mellorar as súas condicións de préstamo e satisfacer as necesidades financeiras do Sur e poderen enviar  os Dereitos Especiais de Xiro non utilizados cara estes bancos e os países en desenvolvemento, dacordo coas necesidades, circunstancias especiais e vulnerabilidades, e incrementar os préstamos oficiais para atinxir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel. “Os nosos países necesitan recursos adicionais reforzados por accións concretas en materia de acceso a mercados, xeneración de capacidades e transferencias de tecnoloxía”.

O presidente de Cuba consideróu de emerxencia poder dispor de recursos de desenvolvemento sostibel que sobarden o produto interno bruto e definir o acceso dos países en desenvolvemento ao financiamento en condicións realistas de cooperación técnica; estimou preciso aplicar a axenda climática internacional considerando o principio de equidade e de responsabilidade común. “Resulta profundamente decepcionante que a meta de mobilizar 100.000 millóns de dólares até 2020 como financiamento climático nunca se cumprira; se lle engadimos a acumulación dos incumprimentos e o impacto da inflación, esta meta que nunca estivo baseada realmente nas necesidades e prioridades dos países en desenvolvemento nin da ciencia, é considerablemente maior”.

Miguel Díaz-Canel dixo que os tempos eran chegados para unha mensaxe política clara de renovación do compromiso colectivo de aplicación da Axenda 2030 e os seus Obxectivos de Desenvolvemento Sostibel, sobre unha reformulación obxectiva das relacións Norte-Sur e dos principios de coexistencia global. 

Concluiu o presidente cunha interrogante e unha advertencia que Fidel nos deixara hai case dez anos: “Se hoxe resulta posibel prolongar a vida, a saúde e o tempo útil das persoas; se é perfectamente posibel planificar o desenvolvemento da poboación en virtude da produtividade crecente, a cultura e o desenvolvemento dos valores humanos, a que esperamos para facelo realidade? Prevalecerán as ideas xustas ou triunfará o desastre. Que non pasemos á historia coma dirixentes que puidendo afrontar a diferenza no destino común, non deramos feito; non ignoremos as emerxencias e actuemos con sentido de especie en perigo de extinción; actuemos con sentido de humanidade!”

Palestra en Vigo sobre o feminismo na histórica irmandade entre Cuba e Galiza

Asociación Cultural Évame-Oroza

Xoves 22 de xuño ás 19.30 h, a Asociación Évame-Oroza de Vigo organiza no seu local de Vigo (rúa Subida a Costa, 5) unha palestra sobre o feminismo na histórica irmandade entre os pobos cubano e galego. O encontro será con Juana Caridad Fernández, Presidenta da Agrupación de Sociedades representativas de Municipios e parroquias de Galicia en Cuba, Arantxa Fernández Crespo, presidenta da Cátedra Neira Vilas de Lingua e Literatura Galegas da Universidade da Habana, e José Luis Ansedes, promotor da homenaxe a mestra mindoninse Andrea López Chao e a Sociedade Hijas de Galicia, que terá lugar en Mondoñedo entre os días 30 de xuño e 3 de xullo. Presentará e moderará a palestra a xornalista Ana Baena.

Escudo que ocupa frontón do Centro Galego da Habana, fundado en novembro de1879.

En 1904, a mestra galega Andrea López Chao gañara unha praza de mestra no Plantel de Ensinanza do Centro Galego da Habana, onde ao pouco foi directora. Fora tamén vicepresidenta da Sociedade Hijas de Galicia, fundada en 1917 como hospital de caridade e logo convertido  en hospital obstétrico, en decadencia depois da crise do 29 e recuperado pola Revolución que o convertiu en hospital de referencia en toda a América Martiana.

A iniciativa de Andrea López Chao, o Plantel de Ensinanza recibira o nome de Concepción Areal . A institución promovida na Habana pola poboación emigrante impartía clases en réxime non venal, abertas tamén a poboación de Cuba. No seu cadro profesoral, destacaron o pedagogo Vicente Fráiz Andión, o escritor Eduardo Núñez Sarmiento e numerosas mulleres como  a propia directora Andrea López Chao ou Elisa Losada.

En 2023 conmemórase o centenario  do I Congreso de mulleres cubanas, no que participara Andrea López e do que saira unha moción das emigrantes que demandaba o dereito ao sufraxio.  Unha investigación en marcha relaciona as demandas feministas da emigración co movemento feminista cubano no primeiro terzo do século XX.

A profesora Arantxa Fernández Crespo declarara no encontro Mulleres galegas en Cuba, legado e transcendencia, que compre incorporar o feminismo as históricas aportacións do Himno, a Bandeira e a Academia,  chegadas da illa por iniciativa emigrante.

Ana Miranda denuncia na Eurocámara a inhumanidade do bloqueo contra o pobo irmán e solidario de Cuba

Terra Sen Amos – Axencias

“O Bloqueo dos Estados Unidos contra Cuba é inaceptábel, inxusto e inhumano”. Ana Miranda comezóu con estas palabras a sua  intervención no debate sobre o Acordo de Diálogo  e Cooperación entre a UE e Cuba. A deputada do BNG na Eurocámara, acusou a extrema dereita de tentar unha nova resolución contra a illa “cando sabemos que o cerco contra Cuba foi aumentado e recrudecido dende 2019: Trump, xa cun pe fóra da Casa Branca, meteu Cuba na Lista de Paises Promotores do Terrorismo; ao país que ten axudado coas súas brigadas médicas a millentas persoas no mundo enteiro, por favor!” Ana Miranda cualificou de descomunal a  multiplicación sen taxa de medidas para reventar a economía e prexudicar a poboación. “Cortaron as relacións consulares, impiden a reunificación familiar e atrancan a produción de visas para os residentes na illa puideren viaxar ou emigrar”. A deputada incidiu no aumento do bloqueo durante a pandemia “dirixido a impedir a importación de ventiladores pulmonares e a produción de osíxeno, asi como frustrar a produción industrial das vacinas cubanas; un Bloqueo que provoca dano, sufrimento, privacións, angustia e viola o dereito humanitario, e isto non o dí a euro-deputada do BNG  senón as Nacións Unidas”.

Miranda denuncia aumento do bloqueo durante a pandemia “dirixido a impedir a importación de ventiladores pulmonares e a produción de osíxeno asi como afrustrar a produción industrial das vacinas cubanas”

O debate sobre o Estado do Acordo de Diálogo Político e Cooperación entre a UE e Cuba foi promovido pola fracción reaccionária do Parlamento de Bruxellas, nomeadamente a que representa o partido de Feijóo, saudoso do estilo subalterno de José María Aznar co goberno de George W. Bush contra Cuba e o combinado ultra-dereitista de demo-cristianos e militantes do libre comercio fundidos na ALDE e agora identificados coa definición RENEW.  As intervencións desta fracción non identifican problema en Cuba atribuibel a un bloqueo imperialista que durando más de 6 décadas chega ao paroxismo de impedir a illa a importación de medicamentos e material clínico en plena pandemia.

Esta fronte alineada coa política da actual Casa Branca contra Cuba, obxecta no Parlamento que fose Josep Borrell en nome da UE que visitase Cuba, por consideraren que o cargo implicaba pola súa importancia aos 27. Borrell recordou que él, personalmente, e a UE e a ONU están contra o bloqueo; que o voto da UE na Asemblea annual da ONU condena o criminal cerco imperialista contra Cuba. “Un non pode deixar de pensar como sería a historia do mundo se as palabras e o espírito de Obama na Habana tivesen continuado”.

Manu Pineda, do Grupo de Esquerda, dixo que Borrell vira en Cuba un pobo a pasar necesidades, e ao mesmo tempo puido comprobar que é un pobo consciente de quen ten a responsabilidade dos seus apuros que non é outro que un bloqueo estadounidense que está a piques de cumprir sesenta e dous anos. “Temos que afondar nosas relacións con Cuba e loitar contra ese bloqueo, polo ben de Cuba e polo noso beneficio, pois o bloqueo asfixia Cuba e a nós impídenos dispor dos avances científicos e biofarmacéuticos e de toda clase que xenera Cuba e nega asemade aos nosos empresarios a opción de investir en Cuba sen temor as represalias dos EUA”. Para Pineda, compre apostar polo respeto a la soberanía cubana, e, ao tempo, defender a nosa. “Temos que independizarnos dos EUA e sermos soberanos, non delegados de Washington e compre que defendamos unha nova orde internacional multilateral, na que os pobos poidan relacionárense de forma libre, soberana, sen intromisións nin presenza ominosa de terceiros”.

A Francisco Villamil convoca axuda para as cinco provincias de Cuba afectadas pola treixada

TSA – Redación

O equipo do Governo de Cuba desprazado para atender os graves danos producidos pola abátega e as enxurradas en Camagüey, Las Tunas, Holguín, Granma e Santiago de Cuba identificou 1.122 vivendas afectadas, 106 delas derrubadas, 268 con desperfectos xerais de importancia, 254 teitos estragados e 352 parcialmente derramados. A provincia de Granma, foi a que recibu máis dano e ainda ten 2.101 personas protegidas, 285 delas en institucións estatatais.

As riadas sulagaron campos e barriadas enteiras e deixaron imaxes coma esta no centro de Camaguey.

A solidariedade do pobo de Cuba coa poboación afectada manifestouse de vez a partir da primeira valoración e tanto o goberno coma o CDR están a organizar o reparto da importante vaga de axudas.

Dende a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil chamamos o pobo galego a expresar a súa solidariedade e paliar as consecuencias dos dramáticos sulagos que paralizaron as rexións orientais e centrais de Cuba.

Quen quixer contribuír á campaña de axuda para a adquisición de recursos de emerxencia, pode ingresar a súa doazón na conta da asociación ES67 2080 5000 6730 4019 4383. A beira da cantidade enviada debe figurar a mención: AXUDA INUNDACIÓNS

Solidariedade internacional con Nancy Morejón

Alina S. Krueger – TSA

O Mercado da Poesía de París, convocatoria anual na que participan asociacións de editores, premios de poesía e círculos de letras do universo da expresión francesa en todo o mundo, nomeara Presidenta de Honra para a edición número 40 que se celebra este ano a poeta cubana Nancy Morejón, unha voz principal da poesía caribeña e honra da avangarda latinoamericana.  Mais a dirección do Mercado cedeu as protestas dun autor cubano emigrado que procurou o apoio do Pen Clube para impugnar a merecida Presidencia de Honra na persoa de Morejón. As ONG dependentes da CIA non tardaron en extender un expediente de ingominias contra unha das voces importantes da poesía latinoamericana. Muller e Negra, leva anos comprometida na loita pola paz, contra o racismo e as desigualdades sociais, raciais, de xénero e pola liberdade dos pobos.

Nancy Morejón é unha voz poética de liberación en toda a América Martiana

Nancy Morejón ten a orgullo defender a Revolución Cubana como expresión verdadeira da demanda histórica de xustiza e independencia do seu país. Participara nas honras coas que todo o pobo de Cuba despedira a Fidel e non por estar entregada a escrita e a traducióndeixa de experimentar coma o resto da poboación da illa as consecuencias do ilegal bloqueo, o diario sementar de falsidades e prédicas de traizón que o país máis armado da terra e espello de cobiza colonial reserva para  a illa rebelde. Como millóns de compatriotas, Nancy Morejón entende que a responsabilidade de todo o mal que padece nunha sociedade en estado de cerco, incluidas as necesidades, o malestar inducido e mesmo as paciencias derramadas, son responsabilidade e obxectivo ruín do goberno imperial.

No propósito, frustrado por volta de máis de 60 anos, de intervir en Cuba e apartar a sociedade cubana do seu pleno dereito a decidir, os EUA veñen aumentando a conta de reclamacións e sancións sobre a illa deica sumala, nas horas derradeiras do goberno de Trump, á Lista de Paises Promotores do Terrorismo. De feito, o sicario que tira da levita do Pen Clube para recortar o nome dunha poeta tan grande coma Nancy Morejón, manifestara publicamente o seu apoio a un  atentado con cóctel molotov contra a embaixada de Cuba en París, en xullo de 2021 e non hai rastro nas hemerotecas de que tivese que render conta ningunha.

Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil"

Visit Us On TwitterVisit Us On Facebook