VENEZUELA: CONTRA OS PLANOS  VIOLENTOS DA DEREITA NAS VINDEIRAS ELECCIÓNS

Farruco Sesto – NÓSdiario

Son ben coñecidas as palabras de Lula e de Jimmy Carter sobre as eleccións venezolanas. Lula, no seu momento, asegurando con humor que en Venezuela hai un exceso de eleccións e que, cando non as hai, Chávez invéntaas. E Carter afirmando que o sistema electoral venezolano é un dos mellores do mundo. En todo caso, nos últimos 24 anos, houbera  29 procesos electorais de carácter nacional, que non é pouca cousa.

Nos últimos 24 anos celebráranse 29 comicios en Venezuela.

Con todo, a hexemonía mediática impuxo a imaxe de Venezuela como a dun rexime ditatorial, tanto durante a presidencia de Chávez como na de Maduro, gañadas ambas, como é sabido, a través dun proceso de votación libre, universal e secreto.

De onde ven logo tal imaxe terxiversada de Venezuela? A idea provén dunha oposición dereitista que, argumentando vicios nos procesos electorais, paradoxalmente é a mesma que, ao longo de todos estes anos, evidenciou un especial gusto pola violencia.

Abonda cun breve inventario do tipo de accións que caracterizou á oposición, para decatármonos. Léase con atención: Golpes de estado planificados con uso de francotiradores contra a multitude; utilización de sicarios para o asasinato de líderes populares; accións terroristas con explosivos; incendios de edificacións públicas e de autobuses; linchamento e queima de persoas; uso de cables de aceiro para decapitación de motoristas; ataques a instalacións militares; intentos de magnicidio; asociación con bandas paramilitares, así como con grupos de narcotráfico; guarimbas e promoción de desordes armados nas rúas. Tamén Intentos de invasión por diversos lugares con forzas mercenarias. Ataques contra os centros neurálxicos da rede eléctrica, así como contra instalacións da industria petroleira. Máis ainda: usurpación de funcións de goberno; recoñecemento dun falso presidente autoproclamado; solicitude reiterada de intervención por parte de exércitos estranxeiros; apoio ao bloqueo norteamericano, así como ás ilegais medidas coercitivas unilaterais contra Venezuela; complicidade no secuestro e roubo dos activos no exterior…

Ocorreu, con todo, que, dun tempo para acá, fóronse dando cambios importantes no seo da oposición, xa moi fragmentada. Por mor do cal, boa parte dela, a pesares de estar marcada con tan intenso prontuario, decidiu renunciar expresamente á vía violenta para se acoller ao camiño electoral, recoñecendo así ao goberno lexítimo de Nicolás Maduro. Iso introduciu un cambio de panorama, nun país que se encamiña a unhas eleccións presidenciais, fixadas pola Constitución para 2024. De tal xeito que agora atópase, por unha banda, un sector da oposición que di acollerse ás regras de xogo democráticas, e polo outro unha rama ultradereitista buscando desfacer no traxecto o proceso electoral.

Así as cousas, este sector opositor violento, que fai vida activa contra o seu propio país nos predios dos EUA e de Europa, sentíndose “guapo e apoiado” (segundo a expresión venezolana) como en efecto non deixa de estalo, non tivo reparo en reivindicar unha vez máis o seu rexeitamento ao rexime e a súa intención de chegar até o final.  Foi a través dunhas declaracións do prófugo da xustiza  Antonio Ledesma, refuxiado en Madrid,  onde se insistiu na idea dunha rebelión, para a que se afirmou estar a traballar activamente e mesmo “falando con militares”.

A vista destas circunstancias de promoción, de parte de sectores dereitistas, dunha volta á violencia e aos intentos de desestabilización, o presidente Maduro autorizou á Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB)a expresarse publicamente respecto diso.

O día 23 de agosto así o fixo a FANB, a través dun comunicado de extraordinaria contundencia, rexeitando tales chamados á violencia e conectándoos directamente cos planos intervencionistas e inxerencistas do imperio. Nese comunicado a FANB manifiestóu unha vez máis a súa lealdade ao Presidente e o seu compromiso co pobo en “perfecta fusión cívico-militar”

O comunicado, subscrito polo Ministro do Poder Popular para a Defensa, Xeneral en Xefe Vladimir Padrino López, anunciou que, defendendo a paz, a concordia e o diálogo, a FANB saberá responder de maneira firme aos chamados golpistas, mantendo intacto o irrenunciábel dereito dos venezolanos a seren libres, soberanos e independentes.

Desta maneira, pode dicirse que en Venezuela, goberno e pobo, co apoio da forza armada, encamíñanse a un novo proceso electoral, cun bo ánimo colectivo de tranquilidade e de paz, malia a chantaxe do bloqueo e das presións a que a nación vese sometida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *