”Considere por un momento o que sucedería se axentes do servizo de información, nun país extranxeiro, descubrisen un grave complot terrorista, con tempo abondo de evitalo. Imaxine depois como os norteamericanos reaccionarían se as autoridades dese país, no canto de cooperar connosco, arrestasen e encarcerasen aos axentes estadounidenses por operaren na súa terra”.
Con esta pregunta comeza o artigo publicado no diario The Washington Post, o dia 4 pasado, polo profesor de Xornalismo do King College de Halifax (Canadá) Stephen Kimber. “Eses axentes serian heroes norteamericanos hoxe. O goberno de EE.UU movería cacho con cribo para recuperalos –resposta o autor que recorda que estes días Os Cinco cumpren 15 anos de privación de liberdade nos Estados Unidos.
Mais como lembra Kimber, as vítimas desa culpabilización por teren evitado ataques terroristas, non eran Norteamericanos senón Cubanos. “A principios dos 90, cando a desaparición da Unión Soviética fixera pensar a algúns que o colapso do goberno comunista de Cuba sería inevitabel, grupos militantes do exilio cubano en Miami incrementaron os seus esforzos para derrubar a Castro por calquera vía posible, incluíndo ataques terroristas. En 1994, por exemplo, Rodolfo Frómeta, líder dun grupo do exilio, foi capturado nunha redada do FBI cando tentaban comprar un misil Stinger, un lanzagranadas e munición antitanque que dixo planeaba usar para atacar a Cuba. En 1995, a policía cubana arrestou a dous cubanoamericanos logo de tentaren poñer unha bomba en Varadero”.
A rede de intelixencia cubana en Miami, estaba infiltrada entre grupos do exilio dende os primeiros 90. No 94 frustraran un plan para poñer bombas no icónico club nocturno Tropicana, un coñecido sitio turístico na Habana. “Tamén interromperon un plan para enviar unha lancha con explosivos desde Florida á República Dominicana para ían empregarse nun intento de asasinato contra Castro”.
Sinala Kimber que na primavera de 1998, axentes cubanos identificaran un complot para explotar un avión con turistas de Europa ou América Latina, un atentado que lembraba o acto de terrorismo aéreo máis letal en Latinoamérica, coa explosión no aire do voo 455 de Cubana de Aviación, en 1976, coa morte de 73 pasaxeiros a bordo e membros da tripulación.
“Fidel Castro –proxegue o xornalista Canadiano- remitiu ao seu amigo, o Premio Nobel Gabriel García Márquez, unha mensaxe para Bill Clinton sobre o complot. A Casa Branca tomou a ameaza abondo en serio para que a Administración da Federal da Aviación puxese sobre alerta a todas as compañías aéreas”.
A seguir, en xuño dese mesmo ano, axentes do FBI voaron á Habana para se reunires coas súas contrapartes cubanas. Durante tres días nun lugar seguro, os cubanos proveron ao FBI evidencia de os seus axentes sobre complots, incluíndo o ataque planeado ao avión e unha campaña para poñer bombas en hoteis da Habana que tiña lugar nese momento e que causara a morte dun empresario ítalo-canadense.
“Mais o FBI nunca arrestou a ninguén en conexión co complot do avión ou os ataques a hoteis –anota o autor-, mesmo depois de o militante exiliado Luís Pousada Carriles fachendear no diario The New York Estate, en xullo de 1998, do seu protagonismo en relación coas bombas postas na Habana. Pola contra, 12 de setembro de 1998, unha equipa do FBI fortemente armado arrestou aos membros da rede de intelixencia cubana en Miami”.
Relata a seguir Kimber o xuizo contra os cinco axentes no medio dunha campaña furibunda (orquestada polo propio Goberno norteamericano) que resultou en condenas de por vida para pagar por delictos que nunca cometeran. “Quince anos máis tarde, aínda padecen en cadeas norteamericanas –prosegue o autor do artigo- E agora se cadra entenden por que os Cinco Cubanos son heroes nacionais no seu país, por que os retratos deles mantéñense por todo o país, por que cada estudante cubano coñéceos polos seus nomes: Gerardo, René, Ramón, Fernando e Antonio”.
Stephen Kimber dá conta de que nunha completa investigación sobre a actuación dos Cinco, para o seu libro sobre o Caso, non hai proba ningunha de os axentes cubanos cometer delictos contra os Estados Unidos ou comprometeren de xeito algún a seguridade dese país. Extende Kimber probas contra a acusación fiscal que acusa a Gerardo Hernández de conspirar para cometer asasinato en conexión co derrubo, tres anos antes, de dous avionetas de “Hermanos al Rescate”.
Durante os anos 90, as autoridades cubanas creron que o seu país podería ser o próximo do Caribe en sufrir unha invasión militar norteamericana. Non era unha esaxeración cando se considera a Granada (1983), Panamá (1989) e Haití (1994). Por riba estaba a crecente influencia de activos grupos de presión como a Fundación Nacional Cubano Americana, que estaba presionando a Washington para acabar coa Revolución.
Baseados nas súas avaliacións desas invasións previas, a intelixencia cubana desenvolvera unha lista de indicios de unha invasión que podería ser inminente: unha afluencia repentina de avións de combate e de recoñecemento a unha base militar no sur, por exemplo, ou visitas inesperadas ou sen explicación de altos mandos militares ás instalacións da sé do Comando Meridional de EE.UU en Miami.
Acusaron a Gerardo Hernández, o líder da rede, de conspiración para cometer asasinato en conexión coa derriba tres anos antes de dous avionetas de Irmáns ao Rescate.
A hostilidade de Miami contra Cuba decalifica a cidade como sede dun xuizo semellante ao que padeceron os Cinco. Recorda Kimber que “os militantes anticubanos, de feito, eran considerados heroes e, en 2008, máis de 500 agitadores do exilio en Miami fixeran unha homenaxe a Posada Carriles pola súa contribución á “causa”, nome que identifica o seu alvo de acabar co Goberno de Cuba”.
“É un feito que hoxe Posada, camiñando en liberdade polas rúas de Miami, é unha contradición vivinte da proclamada guerra norteamericana contra o terrorismo. Como facer coerente a súa liberdade coa declaración do presidente George W. Bush tralo 11 de Setembro de que “calquera nación que continúe albergando ou apoiando o terrorismo será considerada como un goberno hostil polos EE.UU? Como entender a liberdade de Posada fronte ao prolongado encarceramento dos Cinco Cubanos, cuxo principal obxectivo era previr ataques terroristas?
Kimber remata o seu artigo pedíndolle aos norteamericanos que mediten sobre a obscena contradición.
Stephen Kimber é autor do libro “What Lies Across the Water: The Real Story of the Cuban Five.” (O que hai do outro lado do Mar: A Verdadeira Historia dos Cinco Cubanos).