A acumulación de riqueza e o control do Estado polas oligarquías na America Latina

Farruco Sesto Novás – Nós Diario

Nas análises sobre as tramas do acontecer político en Latinoamérica, un dos elementos que adoita estar ausente, ou ben é presentado con insuficiente acento, é a consideración do abafante peso das oligarquías dominantes nos principais países, por non dicir en todos, da rexión. Un peso que vén de atrás, de moi lonxe, e que mantén seu dominio despois de séculos de implacable exercicio.

Luis Almagro  representa o secuestro das institucións públicas en beneficio das oligarquías e o Imperio na América Latina. Desde 26 de maio de 2015, é secretario xeral da Organización de Estados Americanos (OEA)

Ao cabo  do proceso de independencia, no primeiro terzo do século XIX, os principais líderes liberadores son asasinados nuns casos (o mariscal Sucre é un paradigma) e, noutros, son exiliados, maltratados, calumniados, tamén comprados, (o xeneral Páez é outro paradigma) ou simplemente deixados de lado. No transfondo de todas as maquinacions que compoñen de tal maneira o escenario, están as respectivas oligarquías dos nacentes países que, mantendo o poder económico acumulado durante a colonia, toman tamén o poder político, que é o que seguen exercendo douscentos anos despois con singular ferocidade.

O filósofo e historiador venezolano Vladimir Acosta vén explicalo deste xeito ao se referir a aqueles momentos do século XIX: “os principais beneficiarios desas heroicas guerras de Independencia (…) son xustamente as respectivas oligarquías crioulas, ricas, donas de terras e escravos, que aproveitan a vitoria lograda coa participación destes para conquistar o pleno poder político do que carecían baixo o dominio colonial español.”

A súa evolución non foi exactamente a mesma en cada un dos países. Os seus períodos de maior auxe e as súas facetas de desenvolvemento varían de acordo ás circunstancias nacionais en cada caso, pero o feito xeral é que douscentos anos despois, aí están, no continente con maior desequilibrio social do mundo, opoñéndose, con particular violencia, a calquera proceso profundo de transformación en beneficio dos pobos.

En xeral pode dicirse que van reforzando o seu poder, e evoluindo economicamente, a través dos negocios convencionais da burguesía: produción agrícola e gandeira, industria, comercio, importación e exportación, etc. Con todo, hai dous casos nos que a acumulación de riqueza lograda vense aos ollos: o de Venezuela, onde se fai sobre todo parasitando ao Estado até desangralo, nutríndose da renda petroleira e o de Colombia, onde a maiores dos negocios convencionais, a oligarquía faise partícipe do narcotráfico que alcanza magnitudes extraordinarias. Pero sempre, invariablemente, co superior control do Estado e das súas institucións, principais aparellos políticos, forzas armadas (e ás veces co manexo paralelo e simultáneo de estruturas paramilitares) e, xa que logoo, co dominio case absoluto dos medios de comunicación.

No seu protagonismo político opresor salientaron Perú, se cadra o máis fondamente reseso, a de Chile, a de Arxentina, a de Ecuador, a xa citada de Colombia e, nestes tempos, a de Venezuela, que sobresae como a máis apátrida.

Non se pode entender a historia latinoamericana dos dous últimos séculos, a dificultade dos cambios profundos, o uso das ditaduras como forma de control, os golpes de estado, os magnicidios e destitucións de presidentes, o uso desvergoñadamente político da xustiza, as constantes intervencións norteamericanas e tamén a inxerencia europea, e pare de contar, exemplos sobran, sen comprendermos o papel das oligarquías en todo este panorama. De tal maneira que puidese dicirse que a historia destas nacións a partir da independencia, é a historia dos pobos nos seus esforzos por sacudirse o xugo das oligarquías. Tendo como pano de fondo de todo iso, a presenza do protagonista maior, o imperialismo norteamericano, coidando do seu patrio traseiro, e do que as oligarquías deviron, a cada máis, os seus representantes.

Nos tempos que corren, hai que prestarlle especial atención a Colombia onde a oligarquía híbrida (linaxes máis narco-paramilitarismo) parece cada vez máis decidida a darlle un Golpe de Estado (pola modalidade que sexa) ao presidente Gustavo Petro.

E no caso de Venezuela, o de sempre. Cun odio visceral aos propósitos emancipadores do proceso bolivariano e ao que o pobo representa, estes personaxes, estes “apelidos” da oligarquía, como lles di o presidente Maduro, sempre coa mesma trécola, sabotando, promovendo sancións, pedindo intervencións estranxeiras, cortándose as veas simbólicamente contra “a ditadura”; iso si, acumulando xa vintecinco anos de fracasos nas súas costas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *