Todalas entradas de Terrasenamos

A Francisco Villamil convoca axuda para as cinco provincias de Cuba afectadas pola treixada

TSA – Redación

O equipo do Governo de Cuba desprazado para atender os graves danos producidos pola abátega e as enxurradas en Camagüey, Las Tunas, Holguín, Granma e Santiago de Cuba identificou 1.122 vivendas afectadas, 106 delas derrubadas, 268 con desperfectos xerais de importancia, 254 teitos estragados e 352 parcialmente derramados. A provincia de Granma, foi a que recibu máis dano e ainda ten 2.101 personas protegidas, 285 delas en institucións estatatais.

As riadas sulagaron campos e barriadas enteiras e deixaron imaxes coma esta no centro de Camaguey.

A solidariedade do pobo de Cuba coa poboación afectada manifestouse de vez a partir da primeira valoración e tanto o goberno coma o CDR están a organizar o reparto da importante vaga de axudas.

Dende a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil chamamos o pobo galego a expresar a súa solidariedade e paliar as consecuencias dos dramáticos sulagos que paralizaron as rexións orientais e centrais de Cuba.

Quen quixer contribuír á campaña de axuda para a adquisición de recursos de emerxencia, pode ingresar a súa doazón na conta da asociación ES67 2080 5000 6730 4019 4383. A beira da cantidade enviada debe figurar a mención: AXUDA INUNDACIÓNS

Solidariedade internacional con Nancy Morejón

Alina S. Krueger – TSA

O Mercado da Poesía de París, convocatoria anual na que participan asociacións de editores, premios de poesía e círculos de letras do universo da expresión francesa en todo o mundo, nomeara Presidenta de Honra para a edición número 40 que se celebra este ano a poeta cubana Nancy Morejón, unha voz principal da poesía caribeña e honra da avangarda latinoamericana.  Mais a dirección do Mercado cedeu as protestas dun autor cubano emigrado que procurou o apoio do Pen Clube para impugnar a merecida Presidencia de Honra na persoa de Morejón. As ONG dependentes da CIA non tardaron en extender un expediente de ingominias contra unha das voces importantes da poesía latinoamericana. Muller e Negra, leva anos comprometida na loita pola paz, contra o racismo e as desigualdades sociais, raciais, de xénero e pola liberdade dos pobos.

Nancy Morejón é unha voz poética de liberación en toda a América Martiana

Nancy Morejón ten a orgullo defender a Revolución Cubana como expresión verdadeira da demanda histórica de xustiza e independencia do seu país. Participara nas honras coas que todo o pobo de Cuba despedira a Fidel e non por estar entregada a escrita e a traducióndeixa de experimentar coma o resto da poboación da illa as consecuencias do ilegal bloqueo, o diario sementar de falsidades e prédicas de traizón que o país máis armado da terra e espello de cobiza colonial reserva para  a illa rebelde. Como millóns de compatriotas, Nancy Morejón entende que a responsabilidade de todo o mal que padece nunha sociedade en estado de cerco, incluidas as necesidades, o malestar inducido e mesmo as paciencias derramadas, son responsabilidade e obxectivo ruín do goberno imperial.

No propósito, frustrado por volta de máis de 60 anos, de intervir en Cuba e apartar a sociedade cubana do seu pleno dereito a decidir, os EUA veñen aumentando a conta de reclamacións e sancións sobre a illa deica sumala, nas horas derradeiras do goberno de Trump, á Lista de Paises Promotores do Terrorismo. De feito, o sicario que tira da levita do Pen Clube para recortar o nome dunha poeta tan grande coma Nancy Morejón, manifestara publicamente o seu apoio a un  atentado con cóctel molotov contra a embaixada de Cuba en París, en xullo de 2021 e non hai rastro nas hemerotecas de que tivese que render conta ningunha.

A censura externa da realidade de Cuba, analizada nun encontro da Embaixada coa solidariedade en Vigo

Armando Sio Ferreira – TSA

“Cuba desenvolveu e producíu vacinas para toda a poboación da illa e para exportar, cun orzamento de 40 millóns de Euros mentres laboratorios ingleses e dos EUA recibiron mais de cinco mil millóns. A diferenza e que estes reservaron as vacinas para os paises ricos e só desviaron ao Sur lotes sobrantes dos países do Norte”, dixo en Vigo o embaixador de Cuba en Madrid Marcelino Medina durante unha reunión coa solidariedade, partidos e sindicatos que ateigaron a Sede Nacional da Central Unitaria de Traballadores (CUT) en Vigo.

De esquerda a dereita, a Cónsul Xeral na Galiza, o Conselleiro de Economia da Embaixada e o titular da legación cubana en Madrid, Marcelino Medina.

O embaixador chegou acompañado polos conselleiros Ana Belkis Rodríguez e René Capote, e das pressentacións encargouse a cónsul xeral de Cuba para Galiza, Asturias e Cantabria, Ingrid Izquierdo.

Medina contou o verdadeiro alcance das sancións ilegais, aplicadas unilateralmente polos EUA a unha illa que, tendo un tamaño inferior a un dos 5O Estados da Federación, e non contando con reservas naturais, debe  recibir víveres, consumos e combustíbeis por mar, malia abordaxes e saqueos realizado polo veciño do norte.

No actual estado de sancións e bloqueo encarnizados, que coroan máis de 60 anos de intervencionismo xenocida do governo dos EUA contra Cuba, o governo socialista levou adiante a reforma da economía, o referendo da nova Carta Magna e presentou ao Parlamento o Código de Familia, un dos máis avanzados do mundo. O proceso democrático de discusión destes textos, produciuse en milleiros de debates de base, sen interferencia nin límites.

O conselleiro de Comercio René Capote explicou que na procura de alternativas de subministro e mellor prezo, nunha situación de inflación desatada, os media dos colonialistas non arrepentidos impiden razoar e as sancións e o bloqueo esmagan todas a alternativas.

Cuba nota que malia ter producido sen axuda  vacinas que poden ser a solución da América Martiana e de África, e de protexer a poboación cun rigoroso sistema de aillamento, non pode contar polo de agora con viático económico de nengunha caste, mentres España, por exemplo, ten previsto recibir 140.000 millóns de Euros dentro do programa Next Generation. A maiores, o Estado Cubano  asistiu a súa poboación confinada co envío de víveres a domicilio por conta do Governo..

Non extraña que a recuperación do turismo avance devagar en Cuba pois considerando que unha vida vale máis que nada, o Governo antepuxo a defensa e o control da poboación a calqueroutro interese. No entanto, non por asumir os gravosos custes da abordaxe integral da COVID, deixou o Governo de Cuba de enviar  brigadas de cooperación a 42 paises. Un sacrificio dobrado para unha poboación coma a cubana baixo bloqueo dende hai máis de 60 anos. Sen recursos primarios nin finanzamento, e censurada dende o exterior a realidade de Cuba, o governo de Diaz-Canel chama a promover a inventiva mediante a Resistencia Creativa.

O nivel da medicina cubana é propio dun país avanzado

Santiago Badín González *

Cuba inviste múltiples recursos humanos no eido da medicina pública. Dos 485.479
traballadores e traballadoras deste sector, hai 95.487 médicos, o que supón un, ou unha, por 118
habitantes. (hai 45.025
Médicos Xerais integrais) Dentro das especialidades, salienta que hai
18.910 estomatólog@s, o que significa un, ou unha, por 595 habitantes. Rexístranse 85.732
enfermeir@s, un por 131 habitantes; 79.909 tecnólog@s da saúde, un por 185 habitantes; 61.754
outr@s licendiad@s da Saúde. En total, hai 8,5 médicos por cada mil habitantes.

Grupo de alumnos de medicina procedentes do Brasil, na ELAM. A sona da licenciatura cubana de medicina prestixia a Latinoamérica.

Os principais indicadores de saúde revelan que a mortalidade infantil d@s menores de un ano é
de 4 por 1.000 dos nados vivos e a d@s menores de 5 anos é de 5 por 1.000. A
expectativa de vida está en 78.45 anos; a mortandade xeral é de 8.9 mortes por 1.000 habitantes. A
prevalencia das doenzas crónicas non transmisíbeis ten un programa de inmunización que protexe
contra 13 enfermidades; as doenzas cardiovasculares (218 por 100.000 habitantes) son a causa
principal de morte, seguidas polos tumores malignos (215), as enfermidades cerebrovasculares
(82,4), a influenza e neumonía (64,3) e mais os accidentes (47,4). A prevalencia do VIH na
poboación de entre 15 a 49 anos é 0.27%. Cuba é o primeiro país que erradicou a transmisión de nai
a fillo do VIH.

O programa cubano de vacinación abrangue vacinas contra doenzas xa eliminadas como a
poliomelite (dende 1962), a malaria (dende 1967), o tétanos neonatal (dende 1972), a difteria (desde
1979), a meningoencefalite post-parotidite (dende 1989), a síndrome da rubeola conxénita (dende
1989), o sarampión (desde 1993), a pertuse (dende 1994) e a rubeola (dende 1995).
Na Escola Latinoamericana de Medicina (ELAM) téñense formado 39.000 médicos de 121
países máis 28.000 médicos pertencentes aos 10 cursos académicos da ELAM. Contribúe á
cobertura da saúde doutros países, xestiona competencias e habilidades e produce e reproduce
coñecementos.
A Operación Milagre, lanzada por Fidel e Chávez, beneficia a 14 países, o estudo da
discapacidade a 6 países, a Brigada Henry Reeve a 27 países. En toral, con 372.783 colaboradores
e colaboradoras en 595.400 misións son 162 países os axudados pola medicina cubana, como por
exemplo Chile, en 1960, ou Arxelia en 1963.

A industria biotecnolóxica e farmacéutica cubana conta con 32 empresas, 78 instalacións
produtivas e 21.785 traballadores e traballadoras. A industria médico-farmacéutica e biotecnolóxica
cubana propicia no sistema de saúde o desenvolvemento de vacinas profilácticas contra doenzas
infecciosas e mellora a calidade de vida de toda a poboación producindo biofármacos para o
tratamento do cancro e posibilitando o diagnóstico temperán das doenzas.

Por exemplo, o programa de atención integral ao paciente diabético mediante o HEBERPROT-P
(cuxo creador ten a consideración de Heroe da República de Cuba) modifica o paradigma de
tratamento cun 78% de eficacia que evita as amputacións. Na actualidade hai máis de cen mil
pacientes tratados en 20 países. No caso do óso exposto que antigamente era equivalente á
amputación, despois de 18 infiltracións durante 6 semanas e a posterior cicatrización durante 51
días, a eficacia do medicamento cubano é igual ou maior ao 95% nos pacientes tratados. Con
respecto á osteonecrose de calcaneum, logo de 32 infiltracións ao longo de 10 semanas, a ferida
péchase e despois de 45 días a eficacia dos casos tratados supera o 60%.
En relación coa exportación dos servizos profesionais asociados coa saúde e coa atención
médica cubana fóra de Cuba, salientan os referidos á saúde de óptica, farmacia e produtos da
medicina natural e tradicional. O 80% dos cartos que chegan ao país procedentes da exportación dos
servizos médicos revírtese na sanidade pública cubana. Arestora, a vacina cubana contra o cancro de
pulmón comercialízase en Venezuela, Paragüai, Colombia e Vietnam, habendo ensaios clínicos nos
Estados Unidos, Reino Unido e noutros países da rexión das Américas.

Os principais retos do sistema nacional de saúde céntranse no avellentamento poboacional, nos
elevados custes, nas limitacións financeiras, na introdución de tecnoloxías de avanzada e no
bloqueo imposto contra Cuba polos Estados Unidos. O rexeitamento internacional ao bloqueo,
recrudecido pola Administración Trump, é case unánime. No sector da saúde tradúcese nunha
afectación de 104 millóns 148 mil 178 dólares e nun acumulado de 2 mil 913 millóns 772 mil 858
dólares.

*O Dr. Badin é especialista de 2º Grao en Medicina Xeral Integral e
Secretario Xeral do Sindicato Nacional de Traballadores e Traballadoras da Saúde.

A solidariedade require de Borrell e do Consello Conxunto UE-CUBA a defensa da soberanía cubana e a condena do bloqueo

Josep Borrell
Alto Representante da Unión Europea
para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade,
24 de mayo de 2023.


Estimado Alto Representante:

Sabendo que vai visitar Cuba para participar no Consello Conxunto a celebrar na Habana, por mor do Acordo de Diálogo Político e de Cooperación entre Cuba, a Unión Europea e os seus Estados membros, asinado en decembro do 2016, nós,  cidadás e cidadáns europeos comprometidos co movemento de solidariedade co pobo cubano e implicados no Coordinamento dei Solidarietá con Cuba (Italia e Svizzera sezione Ticino) a Asociación Suíza- Cuba (ASCHI), Netzwerk Cuba-Alemaña, a Asociación de Amizade Austria-Cuba OKG e o Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC) do Estado español, que integra 63 asociacións solidarias, pedímoslle que asuma unha resolta posición en contra do bloqueo e a insultante inclusión de Cuba na espuria Lista de Estados Patrocinadores do Terrorismo.

De seguro sabe que a extraterritorialidade do criminal bloqueo e a inclusión de Cuba nesa ilegal lista ten consecuencias sumamente negativas para a cidadanía da UE, xa que afecta nosos negocios, interfire nosa relación coa poboación cubana e afecta a asistencia humanitaria e a colaboración en sectores prioritarios entre Cuba e a Unión Europea. Tamén magoa outras actividades de interese mutuo para ás poboacións cubana e europea poderen arrequecer seus  lazos históricos.

“Abonda de guerra económica contra Cuba”, cartaz alemán que compara o bloqueo coa sementeira de morte dos bombardeiros das barras e estrelas. O manifesto gráfico está asinado por 29 organizacións da RFA.

A presenza de persoal médico cubano integrante da Brigada Henry Reeve en territorio europeo, salvando vidas sen pedir nada a cambio, manifesta o altruísmo e a solidariedade desinteresada do pobo cubano. É esta a ocasión de Europa e as súas institucións corresponderen esa solidariedade. Causa vergoña recordar que accións destinadas a colaborar co pobo de Cuba durante a pandemia da COVID 19 non puideran materializarse, malia a diáfana vontade de nós, cidadás e cidadáns europeos. Non conseguiran os chamados realizados por vostede, o secretario xeral das Nacións Unidas e a Alta Comisionada das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, suspender o encarnizado aumento do bloqueo no entanto durase a pandemia e a agonía dos paises para facerlle fronte. Que nome darlle senón infamia a atitude das autoridades estadounidenses ao desprezaren a demanda inequívoca da comunidade internacional a prol do levantamento do bloqueo.

 A entrada en vigor do Título III da Lei Helms Burton afecta substancialmente os dereitos dos socios e socias da UE, consolida a ilegal extra-territorialidade da súa aplicación e derrama o Dereito Internacional. A difícil situación económica e social que atravesa Cuba é o resultado combinado da aplicación desa ilegal política, e da crise internacional xerada pola pandemia. Recruado a níveis extremos, o bloqueo lacera a capacidade de desenvolvemento do pobo de Cuba e afecta sensibelmente á poboación da illa, en particular aos grupos máis vulnerabeis, como nenos, anciáns e doentes. Viola os dereitos económicos, sociais e culturais da poboación cubana e as súas prerrogativas civís e políticas, en tanto que pretende reverter o sistema político, económico e social que as cubanas e os cubanos escolleron libremente para si, en pleno exercicio de autodeterminación, ao aprobar mediante referendo popular, a nova Constitución da República no 2019. O voto a prol da Constitución, co 86,7% da poboación cubana é mostra inequívoca de democracia.

Confiamos que o Consello Conxunto apoie a soberanía e autodeterminación de Cuba, reclame a exclusión de Cuba da lista de Estados Patrocinadores do Terrorismo, a suspensión do Título III da Lei Helms Burton e o levantamento total, inmediato e incondicional do bloqueo. Nese empeño pode contar co apoio do movemento europeo de solidariedade con Cuba. Atentamente, o Movemento de Solidariedade de Cuba do Estado Español (MESC), o Coordinamento dei Solidarietá con Cuba (Italia e Svizzera, sezione Ticino), a Asociación Suíza-Cuba (ASCHI), a Asociación de Amizade Austria-Cuba OKG e
Das Netzwerk Cuba- Informationsbüro – e. V.