Todalas entradas de Terrasenamos

Cismando no Cume de San Francisco, Washington acaba coa paciencia de Latinoamérica e o Caribe

Marina Méndez Quintero – JR

Se a política de Washington fose máis considerada con Latinoamérica e o Caribe (nin sequer digo máis xusta) atendería as recomendacións do Cume do ALBA-TCP na  Habana, na sexta 20 de Maio. O goberno dos EUA esquece o pasado recente e teima en excluír da próxima cita das Américas nacións do hemisferio da como instrumento de dominación para impoñer súas receitas. Dez nacións da Alianza Bolivariana para os Pobos da nosa América-Tratado de Comercio dos Pobos (ALBA-TCP) condenen esa soberbia e anuncian que non asistirán a cita de Los Ángeles. Outros coma Ralph Gonsalves, primeiro ministro de San Vicente e as Granadinas, que non irá ao encontro, dubida mesmo se sería lexítimo enviar un representante no seu lugar. “Ofenden a nosa intelixencia con esta caste de abusos sen sentido: debemos defendernos».

Caricatura de Adán en Juventud Rebelde.

A maioría dos asistentes ao cume da Habana anunciaron que de manteren os EUA as exclusións, non irían a cita de 6 de xuño en Californa e o mesmo deben sentir seus  colegas dentro e fóra do Caricom que protestaran polo carácter excluínte da convocatoria. Xa son moitos os gobernos da rexión (e non só países membros do ALBA-TCP) os que adopta unha lóxica posición anti-hexemónica. Washington non parece darse por informado.

Un cume sen vetos

Será un sentimento soterrado, mais os convidados rebélanse diante da ofensa de Biden vetar Cuba, Venezuela e Nicaragua, nun intento de facer valer a falaz Carta Democrática Interamericana, imposta por Washington desde 2001 no seu ministerio das colonias da OEA. A administración estadounidense pretende, mediante esta inxerencia, xustificar un bloqueo a Cuba de máis de 60 anos que é repudiado pola comunidade internacional, así como as medidas punitivas aplicadas contra Nicaragua e Venezuela. A exclusión. como denuncia a Declaración do ALBA-TCP, é de natureza política e revela a necesidade, tamén recolleita no texto, «de materializar un cambio nas relacións hemisféricas, con base na Carta das Nacións Unidas e o Dereito Internacional».

É obvio, como ten denunciado o ALBA-TCP, que hai un intento de dividírmonos. Mais as contas estanlle saíndo a Estados Unidos ao revés. Países da rexión que non pertencen ao arco integracionista, coidan que ese imperativo de ditar regras do xogo, provoca enfado contra un Cume que a cada convocatoria honra menos o seu nome «das Américas».

Andrés Manuel López Obrador, presidente de Mexico, aínda non confirma a súa asistencia, indignado pola segregación dos tres países;  algo parecido acontece coa xefa de Estado de Honduras, Xiomara Castro, quen expresou onte: «Asistirei ao Cume só si están invitados todos os países de América; sen excepción». Sen ter confirmado aínda  que o seu país non vaia asistir, a ministra de Estado de Chile, Antonia Urrejola, asegurou que o goberno ao que pertence quer un Cume sen vetos de entrada. A mesma condición mantén Alberto Fernández presidente de Arxentina e presidente pro-témpore da CELAC (Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños) que impulsa unha cita paralela, e dentro do propio marco do cónclave das Américas terciado polos EUA. Convocatoria que ratifica outra das principais condenas do ALBA-TCP, cando os seus membros reiteraron que a CELAC é o noso espazo natural e o sitio apropiado para debater e resolver os problemas de Latinoamérica. O goberno dos EUA parece querer subliñalo a forza de aplicar vetos.

Lonxe de calquera consideración ditada polos sentimentos ou a ideoloxía, máis dun observador vaticinou que o pretendido Cume das Américas vai ser un chasco completo. Os máis morixerados comentan que é un erro a actitude da administración de Joe Biden para a convocatoria. Termando na Doutrina Monroe, Washington non fai máis que incomodar aos veciños do sur, mentres a conxuntura actual deixa en evidencia que a unión é a condición precisa para as nacións latinoamericanas e caribeñas resolveren seus problemas comúns.

Tradución ao Galego para Terra Sen Amos de Áurea Eira.

As razóns de Cuba estarán no IX Cume das Américas malia o veto e a censura de Washington

Axencias – Terra Sen AmosA voz de Cuba escoitarase no IX Cume das Américas que terá lugar os vindeiros días 6 e 10 de xuño en California, recordou na Quarta o presidente Diaz Canel.  As presións e ameazas do goberno de Washington sobre as chancelerías de Latinomérica e o Caribe para vetar a participación de Cuba, Venezuela e Nicaragua, non impedirá que se repita a situación do cume de 2018 que estando deseñado polos comandos de Monroe para censurar as voces que claman na Nosa América contra os librecambistas, conseguiron que as posicións críticas do imperialismo dominasen todas as sesións. Diaz Canel anunciou que pese a súa ausencia en California as razóns de Cuba estarían outravolta presentes nas sesións. «Desde o deseño orixinal por parte do Goberno dos EUA, desde a súa pretensión inicial, a vontade patente era que o Cume non fose representativo. Teimaron en excluír a varios países, entre eles Cuba, a pesar do forte reclamo rexional existente de acabar co ostracismo nesta clase de convocatorias”


O presidente de Cuba agradeceu “a valente e digna posición dos países que ergueran a súa voz contra os vetos no Cume das Américas” e compartindo a posición dos líderes da rexión que reclamaron con firmeza que todos teñen que ser invitados en pé de igualdade, anunciou que non asistiría en ningún caso. “Como sempre -comentóu- e igual que sucedera en convocatorias previas, temos a convicción de que a voz de Cuba faráse escoitar no IX Cume”.

A presidenta da Francisco Villamil conta a súa experiéncia na esperada XV Brigada Internacional de Traballo Voluntario e Solidariedade con Cuba

TSA – Redacción

De 24 de abril a 8 de maio constituiuse en Caimito, provincia de Artemisa, a XV Brigada Internacional de Traballo Voluntario e Solidariedade con Cuba Primeiro de Maio, por mor do Día Internacional d@s Traballador@s, o aniversario 63 do Triunfo da Revolución Cubana e, en homenaxe ao Comandante Ernesto Che Guevara no aniversario 55 da súa caída en combate. Convocou o Instituto Cubano de Amizade cos Pobos (ICAP) en colaboración con Amistur, a Asociación de Amizade Hispanocubana Bartolomé de las Casas de Madrid e o Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC). En nome da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil (Integrada no MESC), participou nosa presidenta Erea del Rio Iglesias. Máis de cento setenta delegados de organizacións sindicais europeas e americanas, de diferentes movementos sociais e de solidariedade coa Illa participaron no encontro. As nacións presentes foron Angola, Namibia, SudÁfrica, Vietnam, Reino Unido, EUU, Canadá, Brasil, Chile, Perú, México, Arxentina, Venezuela, Paraguai, Colombia, Bolivia, Puerto Rico, Turquía, Francia, Suecia, Alemaña, España…  Para facer a crónica do esperado encontro, ao cabo da longa excepción da Pandemia, Terra Sen Amos entrevistou a Erea del Rio ao seu regreso a Bouzas (Vigo)

Entre mil outras de nacións solidarias, a bandeira galega ondeou no Primeiro de Maio da man de Erea del Rio, presidenta da Francisco Villamil.

 Que salientarías dentro do programa das brigadas?

-Investigadores da bioloxía molecular avanzada informáronnos sobre as máis recentes investigacións científicas de Cuba e persoal da saúde cubana facilitounos información de aspectos críticos na abordaxe da prevención contra a Covid-19. Faláronnos sobre a actual produción dos cinco candidatos vacinais cubanos e outros avances confirmados como o da vacina de administración nasal contra a Covid-19, os específicos contra o cancro de pulmón e de próstata, a vacina contra a hepatite, os fármacos contra o pé diabético e contra o Vitiligo, entre outras achegas que xa forman parte da galería de importantes avances da ciencia mundial. Á espera do aval médico oficial por parte da OMS, tres destas vacinas foron xa recoñecidas en LatinoAmérica e noutros países do mundo coa categoría de Vacinas. Cuba é o primeiro país de América Latina e o Caribe e o segundo no mundo na inmunización antiCovid-19, con máis do 90 por cento da poboación vacinada, a máis de ser o único que puido desenvolver unha campaña masiva de vacinación para nenos e nenas maiores de dous anos.

A relación coa poboación traballadora ocupaba parte da axenda, como é costume nas brigadas internacionais en  Cuba.

-Seguimos un programa de labores agrícolas en cooperativas agropecuarias e fincas orgánicas, axudadas por traballadoras da Federación de Mulleres Cubanas (FMC) e da Asociación Nacional de Agricultores Pequenos (ANAP)  Reunímonos cos representantes das organizacións ICAP, FMC, CTC, Unión de Jóvenes Comunistas  (UJC) e cadros dos CDR. Brigadistas de todo o mundo que salientaran  polo seu labor solidario con Cuba recibiron distincións.  Foran de moito interese as charlas sobre a situación actual de Cuba e o estado das relacións entre o Estado Socialista e os EUA. O programa da Brigada incluía visitas a lugares de interese histórico, económico, cultural e social. Xantamos á sombra do forte sol caribeño nos luminosos xardíns da Casa da Amizade, convidad@s polo ICAP. No campamento, visualizamos o emocionante filme póstumo El Mayor do director Rigoberto López Pego. En tempo de lecer, visitamos A Habana Vella, as praias do Leste e Varadero e confraternizamos cos demais brigadistas.

Interior do auditorio durante unha das sesións de traballo das brigadas.

-E sobre o Encontro Internacional de Solidariedade con Cuba?

-Participamos máis de dous mil integrantes procedentes de todo o mundo no encontro celebrado 2 de maio pasado no Pazo das Convencións. O compañeiro Ulises Guilarte de Nacimiento, membro do Buró do Comité Central do Partido e Secretario Xeral da Confederación de Traballador@s Cuban@s (CTC) explicou que despois de dous anos sen poder realizar o encontro da solidariedade e das forzas progresistas do mundo, como consecuencia dos efectos devastadores da pandemia de Covid-19, estabamos por fin reunidos “pola necesidade e desexo de socializar ideas e continuar construíndo consensos, para artellar con maior efectividade a plataforma de acción que nos permita confrontar a ofensiva do imperialismo e a súa política neoliberal”. Na véspera desta xornada, participamos nun intercambio d@s brigadistas con traballador@s en fábricas, asteleiros, cooperativas agropecuarias e non agropecuarias e mais en centros de docencia. Unha cálida representación do pobo cubano recibiunos en barrios e comunidades onde están a ser realizadas transformacións que impactan sobre a súa orde social, infraestrutura e condicións de vida, coa activa participación dos seus moradores, integrantes dos Comités de Defensa da Revolución (CDR). Convivimos c@s morador@s dos seus barrios, visitamos os postos de artesanía e presenciamos desfiles de moda cubana; compartimos cos promotores e directores dos proxectos culturais máis vangardistas na que fora a primeira Capital da Illa, Santiago de Cuba. Ofrecéronnos o seu máis prezado agasallo: a música e a arte nos seus diferentes estilos, teatro, actuacións, canto, danza e pintura; unha visita guiada e interactiva ao Centro Cultural Fidel Castro Ruz, percorrendo as súas salas, admirando o ben conservado mobiliario estilo colonial e os máis avanzados medios e xogos interactivos para nen@s e moz@s. Asemade, fomos ao Museo do Memorial adicado a José Martí, Heroe da Patria, e abraiad@s ollamos desde o seu mirador as máis elevadas e femosas vistas de La Habana.

Formación da cabeceira da manifestación de Primeiro de Maio na que se integrou a XV Brigada

Que presenza ten na vida diaria de Cuba o bloqueo encarnizado?

-A experiencia foi un encontro coa verdade, coa opinión dos cidadáns e cidadás cubanas que nos permitiu comprender mellor a realidade dun país que enfronta unha exacerbación do xenocida bloqueo económico, comercial e financeiro imposto polo goberno dos EUA contra Cuba. Fronte  á feroz campaña mediática, nomeadamente nas redes sociais, sumado ás dúas centas corenta e tres medidas de bloqueo impostas por Donald Trump e mantidas por Joe Biden, o pobo cubano reaxe manténdose firme, loitando cos seus propios esforzos e coa resistencia creativa, para continuar construíndo unha sociedade soberana e democrática, de equidade e de xustiza social.

-Por fin, o Primeiro de Maio.

-Manifestámonos a beira de cubanas e cubanos de todas asidades na Praza da Revolución, a carón de Raúl Castro, de Díaz Canel, dos Cinco Heroes e doutros participantes sinalados na xesta da Revolución Cubana, políticos, brigadistas e amig@s de Cuba e sobre todo, do pobo cubano nas rúas.  Celebrabamos a Festa do Proletariado Mundial no xantar ofrecido pola Festa Internacional da Solidariedade Sindical no Pazo das Convencións onde participamos nunha Sesión Plenaria cos demais participantes neste Encontro Internacional de Solidariedade. Foron tres as comisións de traballo, que produciron conclusións comúns de total apoio á Revolución e contra o criminal bloqueo que sofre a poboación cubana.

-Outra parte fundamental da vosa visita foi dedicada a Villa Clara e Oriente.

-Martes, 3 de maio saímos para a provincia de Villa Clara e arribamos á Praza Ernesto Guevara onde ofrecemos ao Che un acto de homenaxe e unha ofrenda floral. O complexo centro do Conxunto Escultórico Memorial Ernesto Che Guevara, contén pezas complementares de enorme valor coma os vagóns orixinais do tren blindado, xesta fundamental no feliz desenlace da Revolución na capital Santa Clara.  En Santiago cumprimos dous dias de programa e intercambios coas autoridades e membros do Partido que nos brindaron como recepción un concerto do extraordinario Coro Madrigalista. A cordialidade de Oriente acompañounos dende a cálida benvida a través da información detallada dos proxectos culturais e económicos da zona e os intercambios de experiencias coa Federación de Mulleres Cubana (FMC)  e de ideas coas organizacións das comunidades nos CDR.  No Campo Santo de Santa Efixenia, diante da tumba de Fidel, de José Martí, de Mariana Grajales, dos pais e dos irmáns Frank e Josué Pais, os irmáns ingleses ofrendaron unha frauta traveseira a Santiago de Cuba. Visitamos a Granxa Siboney, fixemos un percorrido polo exterior do Cuartel Moncada e realizamos ofrendas florais aos Mártires e a Vilma Espín. Na visita ao museo e o mausoleo dedicado aos Heroes do 26 de Xullo guiáronnos combatentes da Revolución Cubana no II Fronte Oriental Frank Pais onde colocamos ofrendas florais a Vilma Espín, a Antonio Gades e aos mártires. O acto político-cultural de clausura da Brigada precedeu a visita a Santi Spiritus, antes do regreso ao Campamento Julio Antonio Mella de Caimito. Como dixo o deputado europeo pola Esquerda Europea e responsábel das Relacións Internacionais do PCE, Manu Pineda, as diferentes asociacións de amizade con Cuba debemos organizar actos de protesta para que Cuba, Venezuela e Nicaragua estean presente no Noveno Cume das Américas, do 6 ao 10 de xuño en Los Ángeles. Só desta maneira asistirán México, Antigua e Barbuda, Bahamas, Barbados, Belice, Bolivia, Brasil, Dominicana, Granada, Guyana, Honduras, Jamaica, San Cristóbo e Neves, San Vicente e Las Granadinas, Santa Lucía, Surinam e Trinidad e Tobago, que poñen como condición que Cuba, Venezuela e Nicaragua non teñan censurada a súa participación neste Cumio! Viva a Solidariedade entre os Pobos do Mundo! Até a Vitoria Sempre! Patria ou Morte! Venceremos!

“As tácticas de Washington contra Cuba son vellas, mesmo que as técnicas sexan modernas” (Diaz Canel na Asemblea do  Poder Popular)

Axencias – Terra Sen Amos

Washington usa tácticas vellas con modernas técnicas para crear en Cuba un clima de revolta e inseguridade pública, como abondo se comproba nas sucesivas convocatorias das redes para ocupar as rúas contra o goberno socialista e na recente campaña para desmobilizar as manifestacións do 1 de Maio en toda a illa. Intervindo na Asemblea do Poder Popular de Cuba, o presidente Diaz Canel recordou a obsesiva campaña do goberno dos EUA contra a Celebración do 1 de Maio e a resposta masiva do pobo a prol da Revolución en ocasión do Dia dos Traballadores, a convocatoria por excelencia do calendario socialista cubano.

Na clausura da IX Lexislatura de Asamblea Nacional del Poder Popular (ANPP) Miguel Diaz Canel dixo que unidade, diversidade e paz definían o proceso de Cuba ao socialismo.

O xefe do Estado intervía na clausura da V Sesión Extraordinaria da IX Lexislatura da Asemblea Nacional do Poder Popular (ANPP)  que en varias xornadas de traballo sancionou importantes leis e avanzou cara á adopción dun novo Código das Familias.


As primeiras palabras do mandatario foron para recoñecer a entrega voluntaria de compatriotas que prestaron as primeiras asistencias con risco das súas vidas así como das brigadas de bombeiros, sanitarios, doantes de sangue e socorristas que acudiran a pouco de teren noticia da deflagración do Hotel Saratoga da Habana.“Os mercenarios nunca entenderán aos patriotas”, dixo o presidente ao comentar a agónica teima dende redes sociais pagadas ppola NED, por denigrar a actuación cidadá e de goberno en tan dramáticas circunstancias.

Fronte un sistema de propaganda que dende hai seis décadas augura o derrubamento por consunción e incompetencia da dirección revolucionaria, Díaz-Canel salientou o afortalamento do país como Estado Socialista de Dereito coa aprobación de oito novas leis na Asemblea do Poder Popular, que outorgan lexitimidade ao sistema político e garanten os dereitos cidadáns. Salientou que a sanción de novas leis en asemblea é parte do proceso participativo mediante a celebración de consultas populares e referendos, primeiro coa Constitución de 2019 e a seguir co Código das Familias en trámite.

O xefe do Estado recordou que o veto de Washington contra Cuba e outras nacións para evitar que podan asistir ao Cume das Américas, pactado para o mes de xuño na cidade de Los Ángeles, revelaba que o goberno estadounidense non ten capacidade e valentía de escoitar a todos os países do continente o que significa que no cume non haberá resposta aos problemas fundamentais de  Latinoamérica e o Caribe. Diaz Canel dixo que Cuba aposta por medidas anovadoras para sacar adiante a súa economía nun escenario global adverso e citou como prioridades o combate contra á inflación, a recuperación do peso cubano, a estabilidade do sistema electro-enerxético nacional, a atención ás persoas e comunidades en situación de vulnerabilidade, a autonomía municipal e o desenvolvemento da empresa estatal.

O 1º de Maio máis grande e internacional

Xosé L. Rivera Jácome – Nós Diario

“Cuba vive e traballa!” É a consigna máis vista nos carteis que penduran por todos os recunchos da Habana, nesta última visita, para acudir en representación da CIG e convidados pola CTC, aos actos de celebración do 1º de maio. E abofé que esa consigna fai xustiza co pobo cubano. Cuba vive, vaia se vive! A pesar de todos os esforzos dos Estados Unidos e os seus lacaios, coa Unión Europea e os seus Estados á cabeza, por acabar con ela, por asfixiala economicamente, illala politicamente e desprestixiala mediaticamente, o pobo cubano está máis vivo ca nunca.

Para quen di que toda esa xente vai obrigada, eu preguntaríalles: e o entusiasmo? É posíbel obrigar á xente a manifestarse con ese entusiasmo que se observa xa desde as últimas horas do día anterior e que enchía a cabeceira da marcha ás 4 da madrugada do día un?

Así o demostrou este 1º de Maio, na marcha que se desenvolveu pola Praza da Revolución, diante das autoridades e das 1.072 persoas, 219 organizacións, 60 países que alí estabamos mostrando a nosa solidariedade, co corpo arrepiado de emoción, observando como, durante dúas horas, desfilou diante de nós unha multitude de traballadores e traballadoras (a organización cifra en 6 millóns e os medios menos afíns recoñecen centos de miles) de todos os sectores laborais, encabezadas por máis de 50.000 sanitarios, como recoñecemento ao seu esforzo durante a pandemia e rematada polos colectivos de mozos e estudantes, mentres soaba a Internacional.

Os medios en mans do poder político e económico no noso país e o noso contorno adoitan silenciar esta nova, ou dan unha versión manipulada, como de costume: que se ese 1º de maio non é realmente da clase traballadora e reivindicativo, transformándose nunha festa; que se ese pobo está baixo unha ditadura e a xente vai obrigada… Pois si, a clase traballadora cubana celebra, máis que reivindica, nesa data, porque non ten empresas que os exploten, nin leis laborais que vaian contra os seus dereitos, nin un goberno aliado das grandes patronais e o capital que lles facilite o aumento das súas ganancias a costa dos sacrificios da xente traballadora.

Desde o triunfo da Revolución, en 1959, o pobo cubano vén facendo desa data un acto de reafirmación do seu proceso revolucionario, que pensa con e para a xente. Un acto ben diferente aos que se viñan celebrando desde 1890, aínda baixo unha difícil influencia colonial. Cuba estivo na lista dos primeiros países en celebrar esa efeméride que se acordou en xullo de 1889 en París, coincidindo coa creación da Segunda Internacional, para preservar a memoria dos traballadores executados en Chicago por defender seus dereitos laborais. Ben poderían eses medios dar a coñecer a lista de países que, aínda hoxe, non celebran esa data, como os EEUU, Canadá, Nova Zelandia ou Australia (a herdanza do colonialismo británico). Para quen di que toda esa xente vai obrigada, eu preguntaríalles: e o entusiasmo? É posíbel obrigar á xente a manifestarse con ese entusiasmo que se observa xa desde as últimas horas do día anterior e que enchía a cabeceira da marcha ás 4 da madrugada do día un?

E o pobo cubano traballa, vaia se traballa! É por iso que leva superando máis de 60 anos de bloqueo, cunha resistencia creativa, para enfrontar as dificultades e carencias que se lle presentan. Dicía Fidel que “fronte a calquera dificultade obxectiva, as persoas deben medrarse”. E así é. A busca de recursos propios, diante da carencia de materiais, polo bloqueo, non lles impide saír adiante.

Eses marabillosos carros, verdadeiras pezas de museo de máis de 50 anos, que aínda seguen a circular polas estradas, son un exemplo visual. Pero, o mellor exemplo está nesas vacinas, tres xa homologadas e aplicadas e dúas máis candidatas contra a Covid-19, e os seus avances en vacinas contra o Alzheimer ou o cancro. Vacinas que, ben ao contrario das que teñen o monopolio aquí, Cuba está a facilitar a outros países pobres do mundo. Porque, o bloqueo a Cuba non é só contra a súa xente, nin é só económico. É un bloqueo para impedir que o resto do mundo poida coñecer o mellor exemplo, na práctica e na actualidade, que representa un modelo alternativo, verdadeiramente xusto e sustentábel, fronte ao modelo neoliberal predominante.

Xosé L. Rivera Jácome é membro do Padroado da Fundación Moncho Reboiras.