A solidariedade require de Borrell e do Consello Conxunto UE-CUBA a defensa da soberanía cubana e a condena do bloqueo

Josep Borrell
Alto Representante da Unión Europea
para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade,
24 de mayo de 2023.


Estimado Alto Representante:

Sabendo que vai visitar Cuba para participar no Consello Conxunto a celebrar na Habana, por mor do Acordo de Diálogo Político e de Cooperación entre Cuba, a Unión Europea e os seus Estados membros, asinado en decembro do 2016, nós,  cidadás e cidadáns europeos comprometidos co movemento de solidariedade co pobo cubano e implicados no Coordinamento dei Solidarietá con Cuba (Italia e Svizzera sezione Ticino) a Asociación Suíza- Cuba (ASCHI), Netzwerk Cuba-Alemaña, a Asociación de Amizade Austria-Cuba OKG e o Movemento Estatal de Solidariedade con Cuba (MESC) do Estado español, que integra 63 asociacións solidarias, pedímoslle que asuma unha resolta posición en contra do bloqueo e a insultante inclusión de Cuba na espuria Lista de Estados Patrocinadores do Terrorismo.

De seguro sabe que a extraterritorialidade do criminal bloqueo e a inclusión de Cuba nesa ilegal lista ten consecuencias sumamente negativas para a cidadanía da UE, xa que afecta nosos negocios, interfire nosa relación coa poboación cubana e afecta a asistencia humanitaria e a colaboración en sectores prioritarios entre Cuba e a Unión Europea. Tamén magoa outras actividades de interese mutuo para ás poboacións cubana e europea poderen arrequecer seus  lazos históricos.

“Abonda de guerra económica contra Cuba”, cartaz alemán que compara o bloqueo coa sementeira de morte dos bombardeiros das barras e estrelas. O manifesto gráfico está asinado por 29 organizacións da RFA.

A presenza de persoal médico cubano integrante da Brigada Henry Reeve en territorio europeo, salvando vidas sen pedir nada a cambio, manifesta o altruísmo e a solidariedade desinteresada do pobo cubano. É esta a ocasión de Europa e as súas institucións corresponderen esa solidariedade. Causa vergoña recordar que accións destinadas a colaborar co pobo de Cuba durante a pandemia da COVID 19 non puideran materializarse, malia a diáfana vontade de nós, cidadás e cidadáns europeos. Non conseguiran os chamados realizados por vostede, o secretario xeral das Nacións Unidas e a Alta Comisionada das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, suspender o encarnizado aumento do bloqueo no entanto durase a pandemia e a agonía dos paises para facerlle fronte. Que nome darlle senón infamia a atitude das autoridades estadounidenses ao desprezaren a demanda inequívoca da comunidade internacional a prol do levantamento do bloqueo.

 A entrada en vigor do Título III da Lei Helms Burton afecta substancialmente os dereitos dos socios e socias da UE, consolida a ilegal extra-territorialidade da súa aplicación e derrama o Dereito Internacional. A difícil situación económica e social que atravesa Cuba é o resultado combinado da aplicación desa ilegal política, e da crise internacional xerada pola pandemia. Recruado a níveis extremos, o bloqueo lacera a capacidade de desenvolvemento do pobo de Cuba e afecta sensibelmente á poboación da illa, en particular aos grupos máis vulnerabeis, como nenos, anciáns e doentes. Viola os dereitos económicos, sociais e culturais da poboación cubana e as súas prerrogativas civís e políticas, en tanto que pretende reverter o sistema político, económico e social que as cubanas e os cubanos escolleron libremente para si, en pleno exercicio de autodeterminación, ao aprobar mediante referendo popular, a nova Constitución da República no 2019. O voto a prol da Constitución, co 86,7% da poboación cubana é mostra inequívoca de democracia.

Confiamos que o Consello Conxunto apoie a soberanía e autodeterminación de Cuba, reclame a exclusión de Cuba da lista de Estados Patrocinadores do Terrorismo, a suspensión do Título III da Lei Helms Burton e o levantamento total, inmediato e incondicional do bloqueo. Nese empeño pode contar co apoio do movemento europeo de solidariedade con Cuba. Atentamente, o Movemento de Solidariedade de Cuba do Estado Español (MESC), o Coordinamento dei Solidarietá con Cuba (Italia e Svizzera, sezione Ticino), a Asociación Suíza-Cuba (ASCHI), a Asociación de Amizade Austria-Cuba OKG e
Das Netzwerk Cuba- Informationsbüro – e. V.

IROEL SÁNCHEZ CANDA NÓS

Moncho Leal

Coñecín persoalmente a Iroel Sánchez no 2016 en Vigo, nunha casa do casco urbano, onde estaba tamén Coral Prieto. Almorzamos falando de todo un pouco. Eu quedei coma o seu guía nesa mañá en Vigo. Iroel quería ver o mar. Pensei na necesidade de velo que temos quen nacemos coa súa sonora compaña. Fomos a Canido.

Iroel Sánchez legounos “Sospechas y disidencias, una mirada cubana en la red”, guía precisa sobre a ofensiva dixital contra Cuba. O libro de 2012 foi distribuido na Galiza pola Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil.

Iroel, coma bo cubano, era un torrente de preguntas.  Quería aprendelo todo, con esa curiosidade de quen ten a sabedoría de ser consciente das limitacións que ten calquera coñecemento.

Tamén falamos da situación de Cuba. Das continuas propostas de saída da illa que reciben as persoas con proxección pública, cantantes, actores, actrices…da trampa de Miami.

Conversamos sobre a manipulación informativa que vivimos nesta beira. Do estigmatizada que esta a realidade cubana, a súa Revolución. Da propiedade dos medios de comunicación.

Paseamos polo centro de Vigo. Visitamos librerías. Compramos nunha farmacia cepillos de dentes e comentamos os problemas cotiáns que teñen en Cuba polo bloqueo que sofren.

Gustavo Luca púxonos en contacto con Ana Romaní, que lle fixo unha entrevista, interesante e abondosa, por teléfono, para o “Diario cultural” da Radio galega.

Iroel sabía que cumpría un papel primordial para fornecer de argumentos a quen estabamos, cada día, cada nova, defendendo a Revolución cubana en lugares tan afastados no xeográfico, coma achegados no persoal, no emocional, se así se quere.

A despedida coas persoas que veñen por esta terra dende Cuba, a defender e explicar a revolución cubana, sempre dá a sensación de ser temporal, nunca definitiva. “Estámonos vendo” coma din alí. Non volvín estar con el, pero seguíao en liña. A súa tarefa, a súa achega é xa perenne. Tamén a lembranza que temos del.

Algúns arquivos de Iroel Sánchez nas páxinas de TSA:

https://terrasenamos.org/xa-non-preguntan-canto-tempo-lle-queda-ao-socialismo-cubano-hoxe-interesa-mais-cando-cambiara-o-imperialismo-iroel-sanchez-entrevistado-por-insurgente/

https://terrasenamos.org/canda-falta-a-luz-a-opcion-e-contar-a-verdade-como-se-esta-a-facer-iroel-sanchez/

https://terrasenamos.org/en-cuba-compre-converter-cada-persoa-en-defensora-activa-da-verdade-e-a-critica-en-participacion-e-solucion-iroel-sanchez/

https://terrasenamos.org/eua-esmaga-as-liberdades-de-comercio-e-de-expresion-na-guerra-contra-cuba-mais-o-mundo-non-debe-sabelo-iroel-sanchez/

https://terrasenamos.org/iroel-sanchez-e-ernesto-padron-recordan-ao-galego-cubano-neira-vilas/

https://terrasenamos.org/iroel-sanchez-visita-lancara-acompanado-por-directivos-da-francisco-villamil/

https://terrasenamos.org/cuba-2023-o-que-se-esquece-e-o-que-se-espera-depois-dun-ano-infernal/

Como defender Cuba da desinformación, o legado de Iroel Sánchez

Sabela Johnson (Overtown-Miami)  

De Iroel Sánchez, que finou quinta feira na Habana con 58 anos, ficará a súa aportación estratéxica e práctica para mellorar a  fronte informativa de Cuba bloqueada pola mentira. A súa teima foi como resistir o bloqueo informativo e a enxurrada diaria de lixo informático destilado polas axencias do Capital e de que maneira pode Cuba producir información de calidade que desafíe a censura dos EUA.  Dende La  Pupila Insomne, Mesa Redonde, Cubadebate, Cuadrando la Caja, Telesur ou o recente e novedoso Con Filo , a illa cercada replica  interrogantes críticas e informacións precisas que deixan a ciclópea propaganda imperial coma un pallaso ao que lle ven de caer enriba  un balde de auga. “A Revolución Cubana perdeu hoxe un fillo que traballou, até o derradeiro alento, polo ideal socialista e del herdamos un labor grande e valioso e un modelo de Revolución integral”, dixo o presidente Diaz-Canel.

Iroel defendía co exemplo un xornalismo revolucionario e criativo que sobardase os tópicos da propaganda partidaria do Bloqueo.

Na batalla da información da Revolución Cubana, Iroel identificaba tres graves carencias na articulación, a produción de contidos de calidade e na formación masiva de un suxeito crítico e creativo. No primeiro, en 2018, Facebook e outras redes inundan Cuba e The Intercept revela que o governo dos EUA potencia ou censura os comentarios e cada quince dias o departamento editorial do Imperio dita as grandes empresas, incluida Wikipedia os seus intereses informativos. “Non me parece que poda haber algo máis censor e propio de un estado policial, mais esta importante nova non mereceu difusión nin comentario. Nós precisabamos  convertir iso en información e aprendizaxe para o pobo” recordaba Iroel. Contra esta situación, Sánchez invitaba a seguir o que chamaba “a escala de combate  de Fidel”.

Segundo exemplo: en Mar del Plata no 2005, Fidel e Chávez convocaron concentracións contra o propósito de recolonización de América Latina de Bush. Trataron de Internet con  marchas, concentracións e estadios a rebordar. Aescala tiñaque ser  internacional. “Todos temos problemas co Imperio: representamos as ideas que encarna a maioría e se non o saben  é porque non somos quen de chegarmos a esa maioria. Coidar que loitando só pola nosa causa imos danar ao Imperio, dende unha asimetría coma a nosa, é dunha inxenuidade ofensiva”, recordaba Iroel. E  en terceiro lugar o papel da intelectualidade, da arte e do simbólico. A máis dun século do grande cambio da vida intelectual en Cuba, dende o momento no que conecta co latinoamericanismo, o antimperialismo e recupera a José Martí, dase un feito chamado A Protesta dos Trece, no que un fato de mozos deciden interrumpir un acto cultural. Un deles é Rubén Martínez Villena (do que Iroel recolle La Pupila Insomne para ititular seu sitio) que publica un artigo sobre o sucedido e un poema que se repite nas escolas: Hace falta una carga para matar bribones / para acabar la obra de las revoluciones /para vengar los muertos que padecen ultraje / para limpiar la costra tenaz del coloniaje”. En defensa de Julio Antonio Mella, que está en folga de fame, Rubén chama ao ditador Machado Asno Con Garras, un nome que lle quedaría para sempre. Un exemplo da produción  simbólica que pode eternizar un acontecemento histórico decisivo. Iroel era consciente de que ficaba moito por facer nesa angueira poética e invocaba o exemplo de Fidel na súa capacidade de criar metáforas, simbolismo e poesía, que sobardaban a información convencional. “E as tecnoloxías non van cambiar a esencia das cousas”.

Solidariedade para o grupo musical cubano “Buena Fe”, censurado pola contra durante a súa xira polo Estado

Olga Sober – Terra Sen Amos

O grupo musical cubano Buena Fe está a padecer boicot, censura e inadmisíbel violencia na súa xira musical polo Estado de parte da intransixencia anti-cubana concertada co fascismo local e pagada polos EUA. A millonaria Contra organizada polos responsábeis do Bloqueo para acabar co lexítimo Goberno de Cuba, entende que a música de calidade e de boa fe patriótica debe ser obxectivo preferente a bater. De tal xeito que dous trobadores populares en Cuba e recoñecidos polas grandes figuras contemporáneas da súa universal música popular, son tratados polos inimigos da Revolución Cubana coma unha fronte bélica a neutralizar por artilleiría. Esta censura da alma musical de Cuba, actúa dende a fronte reaccionaria contra os patriotas, mentres ninguén, que se saiba, en ningures, lle corta o micrófono a quen cantan trinos a Monroe con bágoas nos ollos.

“Buena  Fe” formouse en Guantánamo no ano 1999.  Israel Rojas, á dereita, é compositor e voz líder; Yoel Martínez, guitarra acústica e segunda voz.

Nestes dias actuou en Bilbo  o grupo Buena Fe e durante un coloquio o popular cantautor Israel Rojas, tratou da situación de Cuba, do bloqueo imposto polos EUA e da guerra cultural decretada contra a illa dende a outra beira da canle da Bahama. Non deixou de mencionar Rojas o capital ético da intelectualidade cubana e de cómo este poderoso acervo popular pode coas ofensivas, chantaxes e millonarias campañas de propaganda lanzadas dende a Florida contra Cuba

O grupo Buena Fe actuaba en Euskal Herria dentro dunha xira polo Estado que deseguida foi consideraado obxectivo militar de parte dos que non aturan nin sequer  gozar da poesía e do tesouro universal da música cubana cando esta aparece representada por artistas que defenden a soberanía de Cuba e o seu dereito, recoñecido na Lei Internacional, a se dotar dun goberno socialista soberano e de xustiza popular. De feito, dous concertos de Buena Fe programados en Salamanca e Zamora,  houberan de seren suspendidos por causa de ameazas fascistas contra os locais previstos. Resulta logo que baixo o orixinal pretexto de defender a liberdade, hai quen prefire a censura e o veto de artistas acusados de procederen de Cuba e defenderen seu país.

No concerto celebrado en Madrid 12 de Maio, brillou o exemplo de como unha marea de voces e aplausos solidarios pode acabar afogando os apupos desesperados de Vox e os seus socios partidarios da anexión de Cuba polos EUA, e abrir deste xeito espazo para a excelente música de Buena Fe.

Recorda a solidariedade con Cuba, representada polo Movimento Estatal MESC, que a presenza entre nós de artistas e intelectuais cubanos é fundamental para que poida brillar a verdade de Cuba, mesmo a costa de ter que denunciar odio e violencia de quen pretenden presentarse coma defensores da liberdade de expresión e dos dereitos humanos.

Como advirte Silvio Rodríguez, Os bloqueadores de Buena Fe non se molestan en escoitar as súas cancións. Será que non lles convén atenderen as preguntas incómodas que o dúo lanza aquí, na terra de Cuba? Ou será que algúns fan uso do respectábel dereito a emigraren mais non poden aturar aos que fican e loitan dende dentro por un país mellor? Non será que os que piden invasións e bloqueos contra o seu propio pobo senten vergoña de eles mesmos? Hai quen non atura o exemplo moral de Buena Fe. Ben se entende”.

As expresións de solidariedade con Buena Fe deitadas no enderezo galegocubana@gmail.com serán enviadas aos destinatarios.

“Sopra tempestade!”: dez anos con Maduro na Xefatura do Estado

Farruco Sesto – NÓSdiario

En tempos de grandes dificultades, a Hugo Chávez gostáballe reinterpretar algunha pasaxe de Shakespeare, para utilizala como metáfora: “Sopra tempestade, que aquí teño espazo para che manobrar!”.

Para o caso, tempestades de todo tipo nunca faltan nun proceso de transformación profunda da sociedade, a contrafío dos poderes hexemónicos. E as que tivo que enfrontar o pobo venezolano, liderado por Chávez, non foron cativas durante o primeiros catorce anos da Revolución Bolivariana, incluíndo golpe de estado, golpe petroleiro e a propia morte do Comandante.

Habería ser Nicolás Maduro, na súa condición de capitán da nave en circunstancias sobrevidas, a quen lle tocaría confrontar unha mar levada, de tempestades desatadas con implacable furia, unha após outra, durante estes dez anos transcorridos desque alcanzara a presidencia da República.

De feito, tralo falecemento do Comandante, e aos corenta días exactos tal como establece a Constitución, Nicolás Maduro presentouse ás eleccións presidenciais e gañounas en enfrontamento limpo. Estamos a falar do 14 de abril de 2013.

Por volta de cinco días, 19 de abril, asumiu a xefatura do Estado e a presidencia da República. O seu xuramento non se prestou a ningún xénero de confusión, e respectouse a vontade de continuar a obra de Chávez por decisión maioritaria do pobo venezolano.

“Xuro polo pobo enteiro de Venezuela, pola memoria eterna do Comandante Supremo Hugo Chávez, que cumprirei e farei cumprir a Constitución e as leis da República en todo o inherente ao cargo de Presidente para construír unha Patria de liberdade, independente e socialista, para todos e todas”.

Mais permitir que se constrúa unha Patria de liberdade, independente e socialista nun país coa riqueza de materias primas de Venezuela e situado, tal como eles din, no seu patio traseiro, non está nos plans dos EUA.

Así, o primeiro que tivo que enfrontar o novo presidente foi o desprezo do seu triunfo de parte da oposición e, a partir de alí, o asoballo de todas as iniciativas de goberno.

O décimo aniversario daquel acto de toma de posesión, cumpriuse nestes días. Como repasar este tempo se non asociándoo a unha tempestade tras outra, a un furacán tras outro, tratando de derrocar a vontade dun pobo para facer naufragar o proxecto?

Nun breve reconto aparecen insurxencias neo-fascistas da ultradereita (chantando lume a edificios e autobuses, con uso de francotiradores e persoas que foron queimadas vivas)  ataques planificados á moeda para inducir inflación e destruír a economía; crueis bloqueos comerciais e financeiros, secuestro de buques e avións, ameazas de gran invasión militar; unha política de bruta desinformación planificada pola hexemonía mediática occidental; roubo de activos venezolanos no exterior (reservas de ouro, depósitos bancarios, empresas públicas) a persecución personalizada dos seus dirixentes, incluíndo recompensas polas súas cabezas;  secuestro dalgún dos seus diplomáticos como é o caso de Alex Saab; actos de terrorismo continuados, en especial contra instalacións petroleiras e de xeración e distribución eléctrica; a consideración de Venezuela como ameaza inusual e extraordinaria para a seguridade dos EUA  (por decreto de Obama, referendado polos seus sucesores)  ilegais e chantaxistas medidas coercitivas unilaterais que hoxe suman 927; desconsideración do lexítimo goberno de Venezuela, de parte dos países que viran na órbita dos EUA (co recoñecemento  explícito a un monicreque auto-nomeado) tentativas diversas de magnicidio, descoñecemento de todas as eleccións celebradas, bloqueo de medicamentos e recursos sanitarios, invasións mercenarias…todo un programa de programas de agresión constante. Non foi fácil. Non segue a ser fácil.

E como está Venezuela ao cabo destes 10 anos terríbeis de guerra asimétrica, integral, para dobregar un pobo e os seus dirixentes? Resiste. Vaise recuperando, do cal hai sinais claros. E o máis importante: non renunciou aos seus propósitos. Nin perdeu a vontade de loita. Sempre apegada á súa diplomacia bolivariana de paz, segue a ser unha referencia baixo a dirección de Nicolás Maduro, que soubo manexar con habelencia unha situación tan complexa.  “Sopra tempestade, que aquí teño espazo para che manobrar!

Ora ben, como foi posibel tan colosal resistencia; tan enorme que sobardou todos os prognósticos e plans imperiais? Calquera observador sensíbel podería detectar, entre moitas outras, dúas cualidades extraordinarias: un especial sentido da dignidade, e unha profunda convicción política e moral con raíces históricas, de “a revolución ser posíbel e os pobos ser quen de facela, de no mundo contemporáneo non existiren forzas capaces de impedir o movemento de liberación dos pobos”, tal como avisara Fidel, noutro país e noutro contexto, pero cos mesmos inimigos, no ano 1962.

Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil"

Visit Us On TwitterVisit Us On Facebook