Arquivo da etiqueta: Zapatero

O PP converte en asunto de Estado o encontro de Raúl Castro con Zapatero

Adela Roade-Terra sen Amos
O ministério de Asuntos Exteriores monta unha grande léria a conta do ex-presidente Zapatero ser recibido pola presidencia de Cuba. En tempos do bisavó de Felipe VI, a segunda carteira no protocolo do goberno, chamábase ministerio de Estado, por ser o encargado das relacións cos poderes planetarios. A gallifa de García Margallo, ministro encargado da diplomacia, non se comprende sen ter conta das sucesivas mancadas do PP na súa relación con Cuba. O primeiro goberno de José María Aznar (1966) entregara a política española con Cuba a EUA e fundaba a primeira alianza da UE para romper o goberno da illa do Caribe. En 1999, castigando a cruel pragmática de Bruxelas a un país pequeno e pobre, cercado por EUA, Aznar remiraba o protocolo da visita do Rei, na teima de facela privada e non oficial. O barullo da poderosa prensa de Aznar (coñecida daquela coma el sindicato del crimen) contra o goberno da Habana,  dera lugar a caricaturas españolas contra a coroa a conta da visita real a unha ex-provincia española. Aznar prometera a George Bush acabar de vez co goberno cubano e perdía perigosamente a compostura ao ver ao xefe de Estado abrazar ao líder da Revolución. “Tes que mover ficha”, dixéralle arrogante a Fidel. E Fidel comeulle o Rei. Agora o goberno de Rajoy curte dores ao ver que Raúl Castro recibe a Zapatero, cando o ministro Margallo saíra de Habana clandestinamente o que revela un erro capital: o PP coida, como antigamente, que Cuba non ten política propia, vella arrogancia colonial que lle rompe a relación con Latinoamérica e non lle resolve a cadea de mancadas co goberno clave do ALBA. A ver se llo explicamos: carece de sentido culpar a Zapatero e Moratinos de sedición porque a iniciativa de recibilos é de Cuba, non deles.

George Bush e José María Aznar no encontro das Azores
George Bush e José María Aznar no encontro das Azores

ALTA PARTICIPACIÓN NA FESTA DA CULTURA CUBANA EN COMPOSTELA

A Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” celebrou sábado 19 o Dia da Cultura Cubana cunha festa en Compostela.

O acto deu comezo á tardiña na Escola Ramón Cabanillas coa benvida de Valentín Alvite Gándara, presidente da “Francisco Villamil”. José Antonio Solana, Cónsul Xeral de Cuba, explicou o alto valor patriótico da festividade e celebrou a amplia resposta á convocatoria por parte de Cubanos e Galegos. Valentin Alvite dirixiuse a representantes de Nós-UP, BNG, PCP-G, EU-PCPG, PCP-EGaliza Nova e Asociación Galego-Bolivariana “Hugo Chávez” asi como a delegación do Consulado da República Bolivariana de Venezuela. Seguir lendo ALTA PARTICIPACIÓN NA FESTA DA CULTURA CUBANA EN COMPOSTELA