El Gallego Fernandez, finado na Habana dia 7, pasaba dos 95 e fora vice-presidente de Cuba durante todo o periodo especial e ainda máis. Un tempo no que o Bloqueo agravado inzaba Cuba de problemas e emerxencias diarias, mentres os socios da Unión Europea deixábanse querer polos EUA para colaboraren nunha chamada ofensiva derradeira contra a Revolución. Neses anos El Gallego foi embaixador extraordinario na Galiza en trece ocasións, en boa sintonia cos gobernos de coalición na Xunta e excelente con algúns concellos e deputacións. No entanto, a fachenda da Xunta do PP non se correspondia cos votos do partido a prol do cerco a Cuba na Comisión da UE. Difícil tratar con paternalismo a alguén tan circunspecto e prudente coma este Heroe da Revolución que abriu discretamente a porta a unha etapa superior das históricas relacións galego-cubanas.
EuroLat, a Asamblea Parlamentar Euro-Latinoamericana reunida en Lisboa reclama o fin do Bloqueo dos EUA contra Cuba ao tempo que condena o Golpe de Estado en Brasil e a nova campaña terrorista contra o governo democrático de Venezuela. A Asemblea de EuroLat sesiona anualmente en plenárias e comisións e é lugar de encontro e concertación de forzas e partidos progresistas. Á cita de Lisboa asistiron 18 de maio 50 deputados do Parlamento Europeo e 75 do Parlatino, Parlacen e outros parlamentos latinoamericanos. A declaración final inclúe tamén a urxente promoción do acordo entre Cuba e a UE, a derogación da chamada posición común instada polo Partido Popular español e a devolución do territorio ilegalmente ocupado pola Base Naval de EUA en Guantánamo. Tamén foi proposta e aprobada unha moción a prol da retirada de todos os recursos de inxeréncia legal, comercial e económica contra Cuba.
A. Roade -Terra Sen Amos. Sócios clave da UE manifestan a súa presa por liquidar a sanción comunitaria contra Cuba, a Posición Comun propugnada por Aznar en 2006. En menos que pasa unha borrasca, os paises conformados con aquela directiva contraria ao Dereito Internacional, quixeran non tela asinado nunca. A cordial recepción de Bruno Rodríguez, ministro de Estado de Cuba, en Italia Francia, Holanda, Bélgica e Luxemburgo, e o seu diálogo con altos responsabeis da Unión Europea e a Unesco, marcan un novo éxito diplomático cubano na UE, apenas notado na prensa española. Á foto da sanción oportunista contra Cuba sucédelle coma a dos Catro das Azores (2003) na que dous retratados (Durán Barroso e Tony Blair) aseguran que foran enganados e os outros dous (Aznar e George Bush) preferirían censurar a imaxe. Avisado polo departamento de Estado de Washington, o governo de Rajoy devecía por marcar distancias con Aznar pero non tivo mellor idea que enviar ao ministro García Margallo a Habana para dar consellos democráticos. O paternalismo do PP está demostrando ser o procedimento máis caro para non dar aberto ningunha porta con Cuba. Para empeorar un anaco máis o panoorama, Rajoy mantén a guerra mediática contra Venezuela, e o membro da UE chamado por historia común a ser interlocutor privilexiado con Cuba, conserva o herdo de Aznar e convértese de feito en gardador único dunha Posición Común que dí querer cambiar.
Adela Roade-Terra sen Amos O ministério de Asuntos Exteriores monta unha grande léria a conta do ex-presidente Zapatero ser recibido pola presidencia de Cuba. En tempos do bisavó de Felipe VI, a segunda carteira no protocolo do goberno, chamábase ministerio de Estado, por ser o encargado das relacións cos poderes planetarios. A gallifa de García Margallo, ministro encargado da diplomacia, non se comprende sen ter conta das sucesivas mancadas do PP na súa relación con Cuba. O primeiro goberno de José María Aznar (1966) entregara a política española con Cuba a EUA e fundaba a primeira alianza da UE para romper o goberno da illa do Caribe. En 1999, castigando a cruel pragmática de Bruxelas a un país pequeno e pobre, cercado por EUA, Aznar remiraba o protocolo da visita do Rei, na teima de facela privada e non oficial. O barullo da poderosa prensa de Aznar (coñecida daquela coma el sindicato del crimen) contra o goberno da Habana, dera lugar a caricaturas españolas contra a coroa a conta da visita real a unha ex-provincia española. Aznar prometera a George Bush acabar de vez co goberno cubano e perdía perigosamente a compostura ao ver ao xefe de Estado abrazar ao líder da Revolución. “Tes que mover ficha”, dixéralle arrogante a Fidel. E Fidel comeulle o Rei. Agora o goberno de Rajoy curte dores ao ver que Raúl Castro recibe a Zapatero, cando o ministro Margallo saíra de Habana clandestinamente o que revela un erro capital: o PP coida, como antigamente, que Cuba non ten política propia, vella arrogancia colonial que lle rompe a relación con Latinoamérica e non lle resolve a cadea de mancadas co goberno clave do ALBA. A ver se llo explicamos: carece de sentido culpar a Zapatero e Moratinos de sedición porque a iniciativa de recibilos é de Cuba, non deles.
“Non lle parece que xa é ben hora dun cambio na política de Suecia con respecto a Cuba?” René Vázquez Díaz, escritor cubano residente en Suecia, dirixe esta pregunta nunha carta publicada no xornal ETCMalmö a Margot Wallström, ministra de Asuntos Exteriores do governo sueco. O autor e enxeñeiro cubano ironiza sobre a recomendación oficial sueca de non dialogar co Governo da Habana e tratar pola contra aos disidentes coma amigos. “Por que non fai Suecia o mesmo con Arabia Seudita? O réxime de Riad viola todos os dereitos humanos pero Suecia trátao coma socio comercial de confianza”, di Vázquez.