O movemento de solidariedade con Cuba botouse á rúa en todo o mundo este Primeiro de Maio para reclamar o fin do bloqueo, das sancións e das inxerencias do imperialismo; o apoio a loita do pobo cubano polo socialismo e a soberanía é un clamor en todo o mundo. En Vigo, un numeroso grupo de amigas e amigos de Cuba responderon ao chamado da Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” para manter unha parada informativa ao paso das diversas manifestacións sindicais que conmemoraban o Día do Internacionalismo Proletario, retomando unha práctica que esta asociación adoptara noutrora na intensa loita pola liberación dos Cinco cubanos presos nos EUA por loitaren contra o terrorismo.
Os símbolos de Cuba foron honrados con aplausos na manifestación de Vigo.
Alén da faixa contra o bloqueo e das bandeiras cubanas, que foron saudadas por un bó número de manifestantes con berros de solidariedade con Cuba, compañeiras e compañeiros da Villamil foron ao encontro das paseatas para repartir 150 exemplares do xornal Cubainformación, así como 600 folletos convidando a apoiar as campañas de Café contra o Bloqueo e para a “Electrificación solar do Instituto Finlay de Vacinas”. Vendéronse alí mesmo dúas ducias de paquetes, como anticipo da terceira campaña da Villamil que iniciamos este mesmo día, con azucre e café para rachar o bloqueo.
Coma en Vigo, noutras ciudades do Estado coma Bilbo, Barcelona, Alacant, Málaga, Madrid ou, Toledo, organizacións de solidariedade fixeron vibrar de solidariedade con Cuba neste 1º de Maio.
Cumprindo o 40 Aniversario da súa fundación, a Francisco Villamil, incorpora afiliacións e suma esforzos para levar a todos os recunchos de Galiza a voz da solidariedade coa Revolución Cubana. O vindeiro Primeiro de Maio, seremos máis e farémolo mellor.
Alina Martínez TriayeMaría de las Nieves Galá – Diario Trabajadores (Habana)
Pablo Gonzalez Casanova legounos un aviso de importancia sobre o futuro da humanidade en crise: “A supervivencia só é posíbel se acertamos cun novo modelo de revolución mundial que entre resistencias, loitas e diálogos, procure o interese común tal e como nos ensinou a pequena illa de Cuba, durante más de 60 años de criminal cerco de parte dos EUA“. O advogado, profesor, historiador e crítico marxista, finou 18 de abril con 101 anos en Tlalpan, Ciudad de México.
Pablo González Casanova corroboraba o agoiro de Fidel sobre os graves perigos da humanidade secuestrada polo Capital.Fidel condecorouno en 1987.
“A Revolución Cubana pode contribuír a salvación da humanidade”, aseguraba Pablo González Casanova, que se refería a Cuba emancipada coma un proxecto armado de ideas, moral, enerxía popular e cooperación, con decidida vontade de loitar para defendela. “ O futuro será ben diferente se loitamos por Cuba”, aseguraba o intelectual denunciando unha nova contradición na historia da humanidade e do capitalismo: “Non é só o fenómeno de dominación e explotación do traballo e dos traballadores, dos pobos, senón que estamos en situacións moi graves de destrución da vida. A desorganización da vida e do traballo no mundo actual produce arrepío”.
Corroboraba o agoiro de Fidel sobre os perigos da humanidade, e adoitaba citar o ritmo de desaparición de especies de vertebrados, cento vinte veces maior que en épocas aínda recentes; o feito de cincuenta especies de animais estaren en risco de extinción cada ano e o previsto aumento do quecemento global de catro graos centígrados para o 2100, co aumento conseguinte do nivel do mar de tres metros. Engadía as catástrofes naturais duplicadas en dúas décadas e a contaminación do aire causante de máis de tres millóns de mortes anuais no mundo.
A realidade das armas nucleares, e as cifras aterradoras de mortes por conflitos armados, os nenos da guerra, o comercio de nunca acabar das armas, a pobreza, a migración de millóns de persoas a nivel mundial, os desprazados por conflitos, a trata de persoas, o contrabando de órganos, a fame, os atrasos do crecemento, o traballo infantil, as mortes por enfermidades curables, os andazos e pandemias e o consumo de drogas. Agoiros de alto risco para a humanidade.
Coidaba de extrema urxencia concretar todas as iniciativas precisas para defender e salvar o proxecto de Cuba das ameazas que conxura o imperio e os seus socios neste intre de alta tensión histórica, pois recoñecía que a Revolución dera mostras duna enorme capacidade de loita e negociación sen renunciar seus obxectivos sociais. Concretaba a negociación dunha alternativa dun mundo de paz, liberdade e soberanía para os traballadores e os cidadáns. “Os valores éticos –sinalaba- son esenciais pois sen eles non hai valores revolucionarios e iso explica por que Cuba segue en pé”, manifestaba Pablo González Casanova. Con todo, a súa agonía crítica era como acabar “cos golpes blandos e duros, expresión da enorme decadencia e corrupción do sistema capitalista”, ou como razoaban os seus críticos, como pensar e por en pé un sistema no que a democracia fose socialista e o socialismo democrático, sen as 1.400 bases e o sistema de corrupción, inxerencia e desinformación dos EUA se conxuraren para impedilo.
A historiadora cubana de ascendencia galegaMaria del Carmen Barcia foi quen primeiro nos deu noticia da empresa de Urbano Feijoo, un deputado da Restauración por Matanzas que ideou en 1854 a importación de man de obra labrega da Galiza para suplantar en Cuba o traballo escravo, na altura da abolición da trata. A historiadora Barcia trouxo ao ciclo do Hispanorama Cubano organizado pola Fundación Fernando Ortiz no Colegio San Gerónimo da Habana, novos apuntes sobre a importación de escravos e escravas galegos a Cuba. O interesante programa da primeira xeira, abordou asemade a emigración peninsular e as súas causas así coma a pegada cultural que deixou en Cuba a importante transferencia de poboación.
Proposta de envío de labregos galegos a Cuba para atenderen o traballo desertado polos escravos libertos. Ahistoriadora Carmen Barcia durante a súa exposición.
Urbano Feijóo de Sotomayor Cejo Marquina y Montes,natural de Viana do Bolo , convenceu ao goberno de Sagasta da fabulosa utilidade dun home o muller labrego do seu país Galiza, “que trasladado a Cuba rendería o traballo de dous escravos por un prezo comparativo menor ca o dun só escravo”. A durísima realidade do contrato, ideado para a suplantación dos escravos libertos, custou a vida de 30 emigrantes aos dous meses de comezar o chamado por Feijóo “proxecto patriótico”. A indignación dos galegos e galegas exportados, deu de fronte coas cláusulas do contrato que impuñan un sistema disciplinario con castigos físicos, arrestos e privación de alimentos semellantes aos aplicados aos traballadores escravos. Moitos fuxiron a mendigaren por camiños mais foron detidos polas autoridades coloniais españolas e tratados con cadea e castigo físico por incumpriren os contratos. As denuncias de familiares en Galiza tardaron en chegar ás Cortes que aínda demoraría a supresión da empresa. Malia o escándalo, Feijóo recibiría unha importante compensación económica do Estado pola reversión do contrato. A aventura empresarial do deputado causou a morte de 167 dos 1.744 labregos de Galiza transportados a Cuba co patrocinio do goberno de Madrid.
Miguel Barnet, presidente da Fundación Fernando Ortiz, anunciou na conferencia inaugural do Hispanorama Cubano o propósito de analizar o legado hispánico a partir dun estudo de fontes hemerográficas nas que se centrará o programa do ano actual. Barnet falou da presenza de Unamuno, María Zambrano, Fernando de los Ríos ou Federico García Lorca nas letras e no pensamento cubano. O programa ide apertura incluiu un interesante traballo de antropoloxía visual en relación coas caricaturas políticas na prensa emigrante en Cuba, impartida pola Máster Suset González Roditi; Aurelio Francos Louredo presentou o seu traballo sobre estudos da Fundación Fernando Ortiz que tratan de autores da metrópole colonial e galegos en particular, aos vintesete anos de ser creada. Alén disto, alumnos e profesores do Conservatorio Guillermo Tomás interpretaron brillantemente diferentes temas musicais que evidencian a forte pegada hispánica na Illa.
O profesor Fabio Fernández Batista tratou temas relativos á metodoloxía investigativa, salientando o carácter mediado do coñecemento histórico en función das fontes consultadas. A Dra. María Luísa Pérez López de Queralta fixo mención das raíces hemerográficas e a estrutura de investigación das Ciencias da Arte, subliñando como o obxecto de arte é tamén foco de investigación.
O teatro en tempos da colonia
Carlos Padrón tratou do teatro español no período colonial desde a prensa cubana. Rememorou o acontecido no xénero dramático desde os primeiros anos da conquista, como por exemplo que os areitos dos tainos combinaban canto con danza en espectáculos nos que tiña moita importancia a maquillaxe. Referiuse á primeira mostra de teatro en Cuba, a festa do Corpus Christi, o 1 de xullo de 1550, con cantos e entremeses. E como, a partir de entón, en na Habana, Santiago de Cuba, Santa Clara e Sancti Spíritus comezaron a mesturarse as expresións coloniais ibéricas coas africanas: procesións con comparsas e sagrado con profano. Lembrou a inauguración en 1775 do Gran Teatro Coliseo por un empresario catalán e ao actor e dramaturgo Francisco Covarrubias, fundador do teatro cubano, quen colaborou activamente co actor catalán André Prieto.
Alejandro García Rodríguez impartiu unha conferencia sobre o impacto social do grupo asturiano na rexión de Cienfuegos desde 1860 a 1930. O propio nome da cidade é de orixe asturiana por ser un tributo a José Cienfuegos. Salientou a importancia do labor de Ramón María de Labra, creador do primeiro prelo de Cuba e do alumbrado público en Cienfuegos, entre outras achegas. Falou tamén de xornalistas asturianos ilustres nesta cidade e das pegadas monumentais na arquitectura: fábricas de tabaco, museos, hospitais e bibliotecas provinciais.
A profesora Dolores Guerra afondou na proxección social da Asociación de Naturais de As Pontes de García Rodríguez activos na recíproca dimensión territorial (1912-1986) e fundadores de casas-escolas rurais na Galiza como as de Santa María das Pontes, Freixo, Deveso e San Mamede. Referiuse ás actividades ás que se dedicaron á súa chegada á Habana, como pequenos comerciantes e lembrou que esta sociedade comezou a admitir mulleres como afiliadas en 1930.
O día 29 impartíronse as conferencias “Tradicións hispánicas perdidas en Cuba: o consumo regular de viño” polo Ms.C. Dúnyer e Jesús Pérez Roque, “A obra da institución Hispanocubana de Cultura” pola doutorante Alicia Conde e “Panorámica do romance hispánico en Cuba” por Yordan Arazo, director do ciclo Hispanorama Cubano .
Jesús Pérez Roque lembrou a primeira referencia ao viño en América, no relato do diario de Cristóbal Colón que conta a chegada a Santo Domingo, posteriormente mencionado nun ensaio de Humboldt e nas ordenanazas dos séculos XVI e XVII dos cabildos habaneiros, como na de Diego de Soto. Xa no século XIX aparecen en anuncios da prensa cubana, nas receitas de cociña, en diarios de viaxe. Por exemplo en “Cuba: Pluma y Lápiz”, de Adrián del Valle. Escavacións arqueolóxicas realizadas na igrexa de San Francisco de Asís e na Praza Vella ou achádegos submariños en Cayo Largo e na baía habaneira amosan tanto as formas dos recipientes como as técnicas para a súa conservación ao longo do século XVIII. Miguel Barnet apuntou que no libro “Contrapunteo cubano del tabaco y del azúcar”, de Fernando Ortiz, alúdese tamén ao viño.
Deu conta Alicia Conde da relación de Fernando Ortiz e a Hispanocubana de Cultura coas ideas de José Martí e de Miguel de Unamuno. O enorme proxecto cultural da institución fixo un esforzo para rescatar as tradicións nacionais cubanas na radio, a televisión, o cinematógrafo, o teatros, a música, a literatura e os cursos de extensión universitaria. A profesora mencionou o labor de Fernando de los Ríos no seo da Hispanocubana.
Yordan Arazo Reyes abordou catro figuras claves do romance hispánico en Cuba, cuxo punto de partida foi Domingo del Monte e o programa do día 30 de marzo pechou coa proxección da primeira parte da serie-documental “Historia dunha emigración” do escritor Santiago Prada, colaborador da Fundación Fernando Ortiz, que analizou as causas da emigración asturiana á Maior das Antillas. O documental foi rodado nos anos 90 do pasado século e o investigador declarou que se inspirou para escribir o guión na lectura da novela “Gallego” de Miguel Barnet.
Todas as conferencias foron enriquecidas cos comentarios e achegas d@s participantes, como os do presidente da Fundación Fernando Ortiz, Miguel Barnet referidos ao contributo dos emigrantes galegos e galegas á instalación da radio na Galiza, a relación estilística entre Álvaro Cunqueiro e Alejo Carpentier e a importancia de Fernando Ortiz na teoría das mentalidades e dos símbolos.
Dende a Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil” sumámonos a campaña estatal, lanzada pola Asociación Lázaro Cárdenas, de Astúries, para enviar 10 toneladas de leite en pó a Cuba.
Con esta iniciativa solidaria, podemos asegurar a reserva de leite que o goberno cubano subministra a integridade do seu modélico sistema escolar, unha provisión diaria ameazada polo infame bloqueo no que sucesivos gobernos dos EUA terman dende hai máis de 60 anos para violentaren o dereito de Cuba a se gobernar de seu. O goberno de Biden veu dar máis unha volta ao criminal cerco ao decretar a inclusión de Cuba na lista de países terroristas, unha arbitrariedade que estende o estado de excepción aos gobernos que comercien coa illa.
As doazóns poden achegarse á conta: ES47 3007 0006 3021 1043 8724 da que é titular a Asociación Lázaro Cárdenas. É preciso indicar TONELADAS no concepto do xiro.
Até a data, a campaña de solidariedade deu sumado 20.000 Euros de particulares e institucións asturianas.
“A nosa confianza no pobo viuse plenamente recompensada polos votos en defensa da Revolución, malia a feroz campaña a prol do abstencionismo: Cuba gañou co 75,92% de participación”, dixo o presidente Diaz Canel ao cabo dun activo domingo cos colexios electorais a rebordar en toda a illa.A noticia da masiva asistencia rexistrada nos comicios para designar mediante voto as mulleres e homes que van ocupar os escanos da Asemblea Nacional del Poder Popular (ANPP) de Cuba, expulsou dos informativos da segunda feira o lema comprometido pola fronte reaccionaria dende a outra beira da canal da Bahama, que daba por feito que o pobo ignoraría a campaña de voto.
Abel Prieto dixo que os resultados da convocatoria electoral representaban un éxito da Revolución e un completo fracaso da intensa campaña pola abstención nas redes.
O ministro de Relaciones Exteriores, Bruno Rodríguez, fixo gabanza do entusiasmo e a conciencia revolucionaria do pobo que foi consecuente co seu deber patrio de designar as persoas que deben representalo na Asemblea.
O presidente da Casa de las Américas, Abel Prieto, salientou os resultados e dixo que representaban un fracaso da intensa campaña pola abstención que os inimigos da Revolución inzaran nas redes.
Parabéns do presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, acolleron as novas da asistencia masiva de votantes en toda Cuba, mentres Yván Gil, titular de Relacións Exteriores da República, ratificou o apoio bolivariano a firmeza do proxecto revolucionario cubano.
O Consello Electoral Nacional (CEN) informóu que todas as persoas candidatas a integraren a X Lexislatura de la Asamblea recibiron os votos determinados por Lei para seren eleitas e asemade a asistencia aos colexio electorais de mulleres e homes inscritos no censo, superou a de comicios anteriores. A presidenta del CEN, Alina Balseiro, comparóu a participación destas eleccións coa do referendo do Código das Familias, e dixo que este resultado era un 1,8 % maior e un 7,36 & máis ca nas municipais. O total de papeletas válidas foi de 90,28 %, en branco o 6,22 e os votos nulos foron o 3,50%.
O proceso concluirá 19 de abril vindeiro coa constitución do Parlamento, a elección da Mesa, do Consello de Estado e do presidente e vicepresidente da República.
Un dos elementos que caracterizan ao sistema democrático cubano é a selección de candidaturas mediante comisións directas que actúan nos níveis municipal, provincial e nacional e elixen a man alzada, a partir das propostas e coñecimento próximo dos aspirantes, sen que intermedie a propaganda . A canteira básica das candidaturas son as delegacións de cada cricunscripción procedentes dos comicios municipas, que conforman as Asembleas Municipais, centro do poder local.
Asociación de Amizade Galego-Cubana “Francisco Villamil"